Skip to Content

A Marquesa e o Colexio de Artes e Oficios

O pasado día 19 de abril achegouse até o IES, Manuel Álvarez, un veciño de Rubiós que conta con innumerable material sobre a Marquesa e a historia do noso centro. El foi o encargado de formar un pequeno grupo de alumnado de 1º da ESO no coñecemento da súa historia recente para que logo o compartan cos estudantes de 6º de primaria do CEIP Marquesa do Pazo.

Entrega de premios do concurso "Mulleres Galegas" convocado polo Concello das Neves

O xoves día 15 de abril tivo lugar a entrega de premios do concurso "Mulleres Galegas" convocado polo Concello das Neves. O concurso tiña  como finalidade reflexionar sobre a relevancia do papel que xogaron e xogan as mulleres no desenvolvemento da propia comunidade; reflectindo a necesidade de contemplar as achegas femininas na consecución da igualdade de oportunidades e contaba co aliciente de que, a proposta gañadora, pasará a formar parte da cultura urbana do municipio, a través da pintura da mesma, nun muro que será designado pola administración local.

Pablo Méndez e as artes escénicas

O nevense Pablo Méndez - artista, ideólogo e director da compañía de espectáculos que leva o seu nome - veulle falar sobre a súa empresa e o seu traballo ao alumnado de 3º da ESO. Despois de comentarlles como foron os seus inicios no mundo do espectáculo, da importancia de poder dedicarse ao que un o fai feliz,  de amosar algunha das súas creacións e de explicar como evoluíu a súa empresa - no 2019 chegaron a superar os 460 espectáculos que se repariron por boa parte do mundo - hogano, conta cun cadro de persoal composto por 40 persoas.

Obradoiro de educación sexual

Un ano máis, o centro Quérote acudiu ao IES para lles ofrecer unha charla sobre educación sexual ao alumnado de 3º ESO. Nela, a parte de dar información, de ofrecer solucións e centros de referencia para consultar, en caso de atoparse con dúbidas, tamén se aproveitou para desmitificar falsas crenzas que non axudan a un desenvolvemento emocional adecuado.

As matemáticas do séc. XXI

O profesor da USC, Quique Macías, acudiu ao noso centro para lles ofrecer unha charla ao alumnado de 1º e 2º BACH. Na conferencia tenta dar resposta a esa pregunta que sempre nos fan os nosos alumnos: Para que serven as matemáticas?

A través de diferentes exemplos, puidemos comprobar como os números, os triángulos, as curvas... teñen un papel fundamental na ciencia e no desenvolvemento tecnolóxico. 

Obradoiro Cinefórum + Fanzine

O xoves 8 de marzo arrincou o desenvolvemento do obradoiro Cinefórum + Fanzine, organizado por Talantea e subvencionado polo Concello de As neves. Durante varias sesións Aboradarase co alumnado de 2º ESO o tema da construción da identidade e da expresión de xénero, así como os cambios estereotipados que caracterizan o paso da infancia á adolescencia das mulleres, co fin de identificar as violencias e concienciar sobre quen, onde e como se perpetúan. A intervención comprende dúas actividades conectadas entre si: por unha banda, un cinefórum sobre o filme "Las lindas", e por outra, un obradoiro de elaboración dun fanzine colaborativo.

Distribuir contido


by Dr. Radut