INFORMACIÓN SOBRE EDIXGAL E OS LIBROS DE TEXTO - CURSO 2022/23

 
O IES Monte da Vila está adherido ao programa EDIXGAL da Xunta de Galicia, polo que se implanta o libro dixital nos centros educativos. Isto significa que:
 
1. O alumnado da ESO conta cun portátil individual durante todo o curso académico. Con esta ferramenta accederá aos libros en formato dixital das diferentes materias.
 
2. O profesorado das diferentes materias da ESO empregará preferentemente o libro de texto en formato dixital (EDIXGAL). De forma paralela, poderase utilizar o libro de texto en formato físico, xunto con outros materiais didácticos complementarios. Correspóndelles aos departamentos didácticos facilitar o acceso a estes materiais. Mercar os libros de texto en formato físico non será en ningún caso obrigatorio para o alumnado.
 
3. O programa EDIXGAL é incompatible con FONDOLIBROS. Ao estar dotado todo o alumnado da ESO dotado de ordenador e libro dixital e nn ser obrigatorio o libro en formato físico, non se poderá solicitar  a axuda de FONDOLIBROS (Axudas para a adquisición de libros de texto en formato físico). Si se poderán solicitar as Axudas para a adquisición de material escolar (50€).

DEVOLUCIÓN DE LIBROS DE TEXTO (do centro e da ANPA)

O alumnado que tivera libros de texto en préstamo durante este curso deberá devolvelos o luns 27 de xuño, día da entrega de cualificacións.

  1. Libros de texto prestados polos departamentos didácticos do centro: deixaranse na aula de referencia no momento de recoller os boletíns de cualificacións.
  2. Libros de texto prestados pola ANPA: deixaranse na Aula de Convivencia, onde os recollerá a ANPA de 10:00 a 11:30 h.

 

Visita ao Acuario do Grove

O día 14 de xuño, o alumnado de 1º ESO visitou o Acuario do Grove, nunha actividade organizada polo Departamento de Bioloxía. Durante unha hora somerxémonos nas piscinas do acuario xunto con tartarugas, quenllas, peixes de tódolos tamaños e cores, medusas, estrelas de mar e holoturias que fixeron as delicias da rapazada. Tivemos uns ocos antes e despois da visita nos que demos paseos pola zona, tomamos un refrixerio e incluso visitamos a salazón e a praia das Pipas adxacente.
 

 

O alumnado de 1º ESO co profesorado de Bioloxía (Adán e Arantxa)

Visita guiada ás Ruínas de San Domingos

O pasado mércores 15 de xuño o alumnado de 2º ESO desfrutou dunha xornada cultural na cidade de Pontevedra, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia. A actividade comezou cunha interesante visita guiada ás Ruínas de San Domingos, a cargo do persoal técnico do Museo de Pontevedra.

As Ruínas de San Domingos son os restos da antiga igrexa e convento dominico, construídos entre os séculos XIV e XV. Estaba situado fóra da muralla da cidade, preto dunha das súas portas principais. A finais do século XVIII os frades proxectaron modernizar a igrexa cunha reforma, pero a obra non chegou a concluírse. A orde dominica foi expulsada trala desamortización de Mendizábal en 1836.

De todo o complexo gótico só permanecen en pé a cabeceira da igrexa e o muro sur do cruceiro. É precisamente a súa cabeceira con cinco ábsidas a que lle confire singularidade no ámbito galego, xa que é a única igrexa do seu estilo que adoptou esta solución, fronte á máis habitual dunha ou tres ábsidas.

 

Alumnado de 2º ESO, na cabeceira da antiga igrexa gótica de San Domingos

 

Despois da visita guiada, o alumnado percorreu as rúas da cidade vella, visitando a Igrexa da Peregrina e o Convento de San Francisco. A xornada rematou cunha breve camiñata ata a Illa das Esculturas, onde os rapaces e rapazas gozaron dun tempo de lecer ao aire libre e nun espazo verde.

Presentación do Proxecto AMECOMAR

O luns 13 de xuño o alumnado de 4º ESO participou nun parladoiro organizado pola cooperativa Amegrove e a Asociación Autismo BATA. As dúas entidades do Grove presentaron no noso instituto o seu proxecto conxunto AMECOMAR, no que mesturan coidado medioambiental e integración social.

Presentación do Proxecto AMECOMAR

 

Zonas nas que se desenvolve o proxecto

 

O principal obxectivo deste é o de promover o coidado do medio mariño implicando ao sector pesqueiro na recollida e transporte a terra de lixos plásticos, aproveitando as saídas das embarcacións ao mar. O proxecto contempla tamén a colaboración cunha entidade de inclusión social (Asociación Autismo BATA), no que ten que ver coa sensibilización de armadores e armadoras, polo que este proxecto contribúe a reforzar o dinamismo social e ambiental da zona costeira. As súas campañas de recollida de residuos nas praias da contorna do Grove son un bo exemplo deste labor.

Resultados da recollida de lixo nas praias

 

Efectos da contaminación na fauna mariña

 

Co proxecto preténdese coma resultado principal implicar ao propio sector acuícola no coidado do seu medio de traballo, concienciando da necesidade de introducir boas prácticas no seu día a día en favor do coidado do mar. Preténdese reducir a cantidade de lixo plástico na contorna do Grove, e colaborar coa entidade de inclusión social para transformar eses refugallos derivados da produción de mexillón en obxectos cunha segunda vida útil, colaborando para xerar un proxecto de economía circular. Este proxecto perseguirá a concienciación do sector pesqueiro e á sociedade en xeral, da necesidade de respectar o medio ambiente mariño e costeiro.

 

Un pequeno xogo por equipos puxo a proba os coñecementos do alumnado

 

Tanto a charla coma as dinámicas grupais foron de grande interese para o alumnado, que se achegou dun xeito ameno a cuestión tan relevantes coma a protección do noso mar e a inclusión social.

Xornada arqueolóxica en Campo Lameiro

O pasado venres 10 de xuño o alumnado de 1º ESO desfrutou dunha xornada no Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. A primeira actividade consistiu nunha visita guiada pola área arqueolóxica, que presenta unha das maiores concentracións de petróglifos de todo noroeste peninsular. Ante gravados milenarios coma a Laxe dos Carballos ou a Laxe da Forneiriña (ca. 4000 anos), o alumnado visitou unha reconstrución dun poboado prehistórico, e aprendeu a identificar os cervos, labirintos e cabalos que representaban sobre o granito as xentes da época. Ao mesmo tempo, os rapaces e rapazas puideron achegarse ao traballo dos profesionais da arqueoloxía, aventurándose eles mesmos a formular, a partir da cultura material, hipóteses científicas sobre a mentalidade e a sociedade da Idade do Bronce.

O alumnado, na recepción do Centro de Interpretación de Campo Lameiro

 

 

Visitando a reconstrución dun poboado da Idade do Bronce

 

Durante o percorrido pola área arqueolóxica, Fátima, a arqueóloga, axudou ao alumnado a identificar os cérvidos dos petróglifos

 

Diante da Laxe dos Carballos

 

A segunda actividade da xornada consistiu nun obradoiro de caza, no que os participantes amosaron a súa destreza no manexo da lanza e o propulsor. As dianas (con forma de cervo e xabarín) deron boa conta da excelente puntería do alumnado.

No obradoiro de caza aprenderon a manexar lanzas e propulsores

 

 

 Escoitando con atención as explicacións da arqueóloga

 

Dous pequenos cazadores prehistóricos, en plena acción

 

En definitiva, foi unha estupenda xornada ao aire libre, desfrutando da arqueoloxía e medio natural. Agradecémoslles a Fátima e Iván, os arqueólogos e guías, o seu labor. Para repetir!

Oferta de formación profesional para o curso 2022-2023 e prazos do proceso de admisión

Publicada no Portal FP a oferta de formación profesional sostida con fondos públicos polo réxime ordinario e polo réxime para persoas adultas en centros de Galicia, así como a oferta de cursos de especialización e de programas formativos básicos.>

 


Publicados tamén os calendarios de admisión para réxime ordinario e réxime das persoas adultas, para FP dual e para cursos de especialización.

 

 

Máis información:

Semana das Letras Galegas

Entre o 16 e o 24 de maio, a actividade do IES Monte da VIla centrouse difusión aos principais fitos da vida e da obra do poeta homenaxeado no 2022, Florencio Delgado Gurriarán. Para iso organizáronse pequenas exposicións nos corredores do centro, con cartelería elaborada polo alumnado, que se complementou á súa vez co material oficial enviado pola Consellería.

De forma paralela, organizouse unha lectura poética na Biblioteca o 24 de maio, na que participou o alumnado e o profesorado do centro. Ao final do acto, rendiuse homenaxe ao recentemente finado Domingo Villar, que fora autor invitado no II Festival Montenegro de Arte e Novela Negra. A lectura do seu conto “O espiritista do Grove”, que el mesmo lera no 2019 (e que recolleu en Algúns contos completos no 2021) pechou a Semana das Letras 2022.

Lectura poética na Biblioteca

 

Hugo Domínguez (4º ESO A), durante o recital

 

No libro Algúns contos completos (2021) recóllese o conto O espiritista do Grove

 

Cartel Letras Galegas 2022

 

XVI edición de Esculturas de Area na Lanzada

O pasado 19 de maio tivo lugar a XVI edición de Esculturas de Area na Lanzada, que organiza  o Departamento do IES Monte da Vila desde o ano 2004. Do IES Monte da Vila participou o alumnado de 4º ESO (EPVA) e 1º Bacharelato (das materias de Volume, Debuxo artístico e Debuxo técnico), ao que hai que sumar o alumnado e o profesorado de centros de Vigo, Redondela, Cangas, A Illa de Arousa e Meaño. Un ano máis, participaron máis de 500 alumnos/as, de 8 centros educativos de toda Galicia.

Desta volta a actividade serviu para rendir homenaxe ao imaxinario literario de Jules Verne: o alumnado participante deseñou as súas creacións artísticas tomando como inspiración a obra Vinte mil leguas de viaxe submariña, do autor francés. Tras semanas preparando os bosquexos e maquetas, crearon esculturas efémeras nos areais da Lanzada.

Trátase dun proxecto interdisciplinar, que trata de desenvolver a educación artística á vez que o traballo en equipo, a educación en valores e o respecto polo patrimonio ambiental e ornitolóxico da contorna inmediata.

Vista xeral do alumnado participante

 

Os escultores e escultoras, traballando nas súas obras

 

Un día de creatividade ao aire libre

 

Unha das esculturas efémeras inspiradas en Jules Verne

 

Folla do Faro de Vigo sobre a actividade

Distribuir contido