VISITA CULTURAL A SANTIAGO

 

 O pasado día 11 o alumnado de 2º de ESO fixo unha visita cultural a Santiago de Compostela. Alí percorremos as rúas da zona vella visitando a Catedral, a biblioteca da Facultade de Historia, o mosteiro de San Martiño Pinario e a alameda. Logo xantamos no parque de San Domingos de Bonaval para finalizar a nosa viaxe no Museo do Pobo Galego. Xornada intensa no que se refire a camiñar. Todo rematou con dor de pés!!!

 

GRADUACIÓN ALUMNADO DE BACHARELATO

 

O venres, 12 de maio, tivo lugar no Auditorio Alovi de As Pontes a graduación do alumnado de 2º de BAC da promoción 2022-2023. O devandito acto foi organizado pola ANPA Brixeo de IES Moncho Valcarce. A Comunidade educativa do centro quere felicitar ao alumnado e desexarlles todo o mellor para a nova etapa que van comezar.

Parabéns!!!

 

FRANCOFONÍA

 

Un ano máis o noso centro participou no Festival da Francofonía en Vilanova de Arousa. Un total de 32 alumnas/os viaxaron ata esa vila pontevedresa acompañados do profesorado de francés. Aproveitaron  a súa estancia para dar un paseo pola Ría de Arousa e visitar una batea.  Tamén visitaron a Casa Museo de Valle Inclán.

Trátase dunha actividade interesante para o alumnado xa que fomenta o seu interese pola lingua e cultura francesas e que favorece a interacción entre distintos centros educativos  de Galicia.

 

 

 

 

 

QUÉROTE+ : OBRADOIRO DE EDUCACIÓN AFECTIVO-SOCIAL

 

As actividades realizadas buscan promover a educación sexual  valorando a diversidade  afectivo-sexual que impera na sociedade. Desenvólvese como  un espazo de intervención psicosocial no que se poden detectar entre o alumnado carencias en educación sexual.

 Con este programa preténdese dotar de ferramentas ao alumnado  para coñecer o  seu proceso de crecemento e maduración no ámbito da educación afectivo-sexual  (educación sexual, modelos de amor e de parella, uso das tecnoloxías nas relacións). Este tipo de iniciativas promove a educación integral entre a mocidade.

 

ETAPA DO CAMIÑO DE SANTIAGO

 

 

                                         i.     O alumnado de 3º da ESO levou a cabo un tramo do Camiño de Santiago de 12 km, entre as localidades de Palas de Rei e Melide. Durante o traxecto puideron coñecer a igrexa de San Xulián do Camiño, a igrexa de Santa María de Leboreiro, a ponte medieval e a igrexa de San Xoán de Furelos. A xornada rematou cunha comida na localidade de Melide.

VISITA A APPPLUS, DEKRA E LABORATORIO DE MEDIOAMBIENTE DE GALICIA

 

O pasado luns 17 de abril o alumnado do CS de Laboratorio de Análise e Control de Calidade do IES Moncho Valcarce desfrutou dunha xornada intensiva de visitas a empresas. Pola mañá recibíronnos primeiro en Appplus, onde vimos os laboratorios Químico, de Construción e de Metalurxia, e xa máis tarde, no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, onde nos explicaron as técnicas que aplican para comprobar a calidade do aire e das augas sempre no marxe de aplicación da lexislación ambiental autonómica; na xornada de tarde fomos a Dekra, unha organización enfocada en servizos de inspección, auditoría, certificación e consultoría. Resultou unha xornada excelente para afianzar e profundar coñecementos e para observar de preto o traballo real nas conntornas e empresas de diferentes sectores e titularidade.

 

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

 

As familias dos centros educativos de A Capela, Somozas e Xermade e os centros de As Pontes: Sta. María e A Magdalena participaron na xornada de portas abertas que realizamos no centro. Unha xuntanza para falar da nova etapa que inician os seus fillos e fillas e para visitar as  instalación do IES Moncho Valcarce. Foron recibidos polo equipo directivo, polas profesoras do departamento de Física e Química e os membros do departamento de orientación. A coordinación entre os centros de E. Primaria e E. Secundaria favorece a adaptación  do alumnado e as súas familias á dinámica do centro e mellora as relacións centro-familia.

 

SAÍDA CULTURAL ÁS VILAS DE MONDOÑEDO E RIBADEO

 

Este xoves 13 de abril, o alumnado de 1º ESO visitou as vilas de Mondoñedo e Ribadeo. Primeiro, camiñamos polas rúas mindonienses e coñecemos os seus ilustres escritores. Logo, achegámonos ata o barrio dos Muíños e a Ponte do Pasatempo. Xa en Ribadeo, fixemos un pequeno roteiro desde a Illa Pancha ata o Cargadoiro. Despois, unha guía turística, Ana, explicounos o pasado indiano da vila. O noso último destino foi a Praia das Catedrais. Seguimos, polo tanto, os pasos de Lois e a súa panda de amigos, protagonistas do libro A Gruta da Torre.

 

OBRADOIRO CO ESCRITOR LOIS PÉREZ

 

O pasado mércores 12 de abril, visitounos o escritor lugués Lois Pérez. Conversamos e analizamos a obra A Gruta da Torre, lectura da segunda avaliación do alumnado de 1º ESO. A mestura entre a realidade e a fantasía espertou o noso interese, fomentando unha animada conversa entre o escritor e os/as lectores/as. Grazas por vir!!

 

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

Desde o Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Departamento de Música realizamos a actividade “Cumpriuse a xustiza” para poñermos en valor o uso do galego e para darmos a coñecer a Rosalía de Castro en toda a súa dimensión. Despois do acto realizado no Día de Rosalía, o alumnado dirixido por Estrela (a profesora de música), gravou a versión “Ninfa das Frescas Augas” de Roi Casal. Velaquí o enlace: https://www.youtube.com/watch?v=T1HSFUnz_YM

 

 

Distribuir contido