Xeografía e Historia

O ALUMNADO DE HISTORIA DA ARTE VISITA O PÓRTICO DA GLORIA E A CATEDRAL DE SANTIAGO

O pasado venres, 16 de abril foi un día especial. Despois de moitos meses, realizouse a primeira saída didáctica fóra da localidade. Tratouse dunha visita guiada ao recén restaurado Pórtico da Gloria e a toda a Catedral de Santiago. Un grupo de alumnos e alumnas de 2º Bacharelato e de 1º Infofi, acompañados dos profes Eladio, Conchi e Sergio, gozaron e non só coa visita propiamente dita, senón tamén co feito de saíren por primeira vez do centro neste curso tan complicado e difícil. Agardemos que non sexa a última.

ARREDOR DO DÍA DA MULLER NO LOSADA

AS MULLERES TAMÉN EMIGRAN NO CORREDOR DE EXPOSICIÓNS DO LOSADA

Xa está instalada no noso corredor unha nova mostra. Trátase da completa exposición: AS MULLERES NON EMIGRAN, da Fundación 10 de marzo. En 18 paneis faise un percorrido cronolóxico polas migracións femininas en Galicia no transcurso do século XX: América, Europa e inmigración. Trátase dunha iniciativa do Departamento de Xeografía e Historia e da Biblioteca.

 

Carlos Hernández fala dos campos de concentración de Franco no Losada.

Este xoves 27 de febreiro, no Salón de usos múltiples do  IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, impartiu unha charla o prestixioso xornalista e escritor Carlos Hernández baixo o título 'Os campos de concentración de Franco'.Foi destinada ao alumnado de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e 2º de Bacharelato.

No ano 2019 publicou o libro libro Los campos de concentración de Franco(Ediciones B), un exhaustivo e completo estudo sobre os poucos coñecidos campos abertos polo franquismo por toda a xeografía española para encerrar e reprimir aos seus adversarios políticos.

Foi precesamente o tema abordado neste libro o que centrou a súa brillante exposición no noso centro.

A actividade foi organizada polos Departamentos de Biblioteca e Xeografía e Historia.

 

Exposición fotográfica de Samuel Goldar

O vindeiro venres, 26 de abril, a sala Novagalicia Banco abre as súas portas para mostrar a exposición fotográfica Paisaxe galega con mirada estradense: unha viaxe polos tesouros de Galicia. O autor, o estradense Samuel Goldar, plasma mediante fotografías un percorrido pola xeografía galega, retratando dende paisaxes da natureza máis perdida ata elementos da arquitectura máis controvertida de Galicia.

O obxectivo desta exposición é dobre: por un lado, dar a coñecer a súa primeira obra como fotógrafo, e por outra transmitir unha lección de ánimo aos mozos que, nestes tempos nos que a busca de saídas laborais se volve frustración.  Para iso, a exposición tamén vén a contar unha historia, a historia do xurdimento dunha paixón oculta pola arte da fotografía, tan de moda nesta época na que o visual cobra atractivo grazas ás redes sociais e das tecnoloxías da información en xeral xunto co auxe da fotografía dixital.

Autodidacta dende o primeiro día

Sen ciclo de Formación Profesional, sen cursiños intensivos de verán, sen máster especializado, sen título que rece: ‘FOTÓGRAFO TITULADO’ pero cunha formación máis modesta da man da súa vontade e esforzo. Así se resume a traxectoria de Samuel no mundo da fotografía que comezou en marzo de 2010. Durante estes tres anos, Goldar compaxinou a vida universitaria – estuda Grado en Administración de Empresas na Universidade Santiago de Compostela – coa súa paixón pola fotografía. Moitos viaxes por toda Galicia, moitas horas de lectura e moitas máis de práctica. A axuda de outros compañeiros con máis experiencia a través de internet complementaron a súa bagaxe. Tres anos despois, Samuel dá un paso adiante na súa traxectoria celebrando esta exposición co gallo de someter o nivel acadado á valoración e opinión do público en xeral, facendo fincapé na mocidade á que lles dirixe esta mensaxe: “non existen limitacións cando se desfruta traballando con constante interese e renovación”.