O vindeiro venres, 26 de abril, a sala Novagalicia Banco abre as súas portas para mostrar a exposición fotográfica Paisaxe galega con mirada estradense: unha viaxe polos tesouros de Galicia. O autor, o estradense Samuel Goldar, plasma mediante fotografías un percorrido pola xeografía galega, retratando dende paisaxes da natureza máis perdida ata elementos da arquitectura máis controvertida de Galicia.
O obxectivo desta exposición é dobre: por un lado, dar a coñecer a súa primeira obra como fotógrafo, e por outra transmitir unha lección de ánimo aos mozos que, nestes tempos nos que a busca de saídas laborais se volve frustración. Para iso, a exposición tamén vén a contar unha historia, a historia do xurdimento dunha paixón oculta pola arte da fotografía, tan de moda nesta época na que o visual cobra atractivo grazas ás redes sociais e das tecnoloxías da información en xeral xunto co auxe da fotografía dixital.
Autodidacta dende o primeiro día
Sen ciclo de Formación Profesional, sen cursiños intensivos de verán, sen máster especializado, sen título que rece: ‘FOTÓGRAFO TITULADO’ pero cunha formación máis modesta da man da súa vontade e esforzo. Así se resume a traxectoria de Samuel no mundo da fotografía que comezou en marzo de 2010. Durante estes tres anos, Goldar compaxinou a vida universitaria – estuda Grado en Administración de Empresas na Universidade Santiago de Compostela – coa súa paixón pola fotografía. Moitos viaxes por toda Galicia, moitas horas de lectura e moitas máis de práctica. A axuda de outros compañeiros con máis experiencia a través de internet complementaron a súa bagaxe. Tres anos despois, Samuel dá un paso adiante na súa traxectoria celebrando esta exposición co gallo de someter o nivel acadado á valoración e opinión do público en xeral, facendo fincapé na mocidade á que lles dirixe esta mensaxe: “non existen limitacións cando se desfruta traballando con constante interese e renovación”.