Skip to Content

ROGELIO SANTOS QUEIRUGA

 Así, sen máis, mencionamos o nome deste home que aínda que sabemos é coñecido polo seu papel activo nas redes sociais, nada ten que ver con contar coa súa presenza e a súa oratoria en vivo. E isto debémesllo á ANPA que contribuíu economicamente para que el puidera vir.

Durante dúas sesións tivo ao alumnado de 3º ESO sen pestanexar mentres falaba da súa vida ao tempo que enlazaba o seu proceso vital coa defensa da nosa lingua, do noso ben cultural, da conservación e defensa da natureza, do coidado das nosas rías e do ensino do valor do esforzo persoal como condición necesaria para evolucionar como seres humanos.

Foi un intenso pracer ver como, ao tempo, que relataba episodios ben duros da súa adolescencia como a morte prematura e accidental do seu pai, enlazaba isto coa defensa do papel das mulleres dos mariñeiros que el recordaba da súa infancia. Aprendemos sobre o porto natural de Portonadelas e como a nosa costa foi cambiando a súa fisionomía; aprendemos tamén algo dos tipos de peixes da nosa ría e de que debemos coidala se queremos un futuro para todas e todos; ensinounos a ser críticos e críticas cos comentarios que desprezan ou fan a menos as consecuencias das malas xestións que atentan contra a biodiversidade e aprendeunos a ser máis responsables cos nosos actos.

Que dicir da defensa non só da lingua galega, senón tamén da variedade dialectal da nosa zona, daquilo que nos identifica como habitantes da costa e que el resgarda falando en todo momento con gheada, seseo ou cheísmo. A isto engadímoslle a importancia que lle deu ao valor do esforzo para conseguir algún tipo de obxectivo na vida; quedou ben claro como foi acadando metas a base de traballo e máis traballo, ao igual que o guiso da avoa que sabe tan ben porque se investiu nel tempo, paciencia e traballo.

Xa onde vai que Castelao poñía a dous raparigos ao lado dunha gamela nunha das súas coñecidas viñetas dicindo:

-Din que non hai rías máis fermosas que as nosas.

-Pero xa non teñen peixes.

E Castelao era de Rianxo e Rogelio de Queiruga (Porto do Son); orgulloso se sentiría o noso devanceiro de ti. Moitas grazas por compartir con nós un anaco do teu tempo, roubado neste caso á túa profesión, que por un día tivo que prescindir de ti.

Aí  van uns anaquiños del:

  

 

 

   
   
   
   
ROGELIO SANTOS QUEIRUGA


image | by Dr. Radut