Skip to Content

PERCORRIDO POLA SERRA DO BARBANZA

O xoves pasado, o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1º de Bacharelato percorreu a Serra do Barbanza xunto co docente Xulio Gutiérrez, autor do libro Rotas pola Serra do Barbanza. Na ruta escollida, a rapazada tivo a oportunidade de estudar elementos sociais, xeolóxicos e biolóxicos da contorna que presentan un alto valor cultural e natural. A interpretación sociolóxica de cruceiros e mámoas mesturouse así cunha análise do relevo e as comunidades biolóxicas que habitan nel. Fíxose especial fincapé na presenza de plantas invasoras e o resultado de actuacións humanas prexudiciais, coma os incendios.

 

Desde o miradoiro da Curota, o alumnado puido comprobar como as correntes mariñas modelan o litoral, erosionando uns lugares e acumulando materiais noutros, configurando un fotograma da longa historia da paisaxe da rexión. No noso percorrido atopamos desde granates, considerados pedras semipreciosas, ata turbeiras e plantas parasitas. Tratouse, por tanto, dunha pequena visita que permitiu albiscar o marabilloso patrimonio que nos rodea.

 

PERCORRIDO POLA SERRA DO BARBANZA


image | by Dr. Radut