Skip to main content

Psicoloxía Bach *

Psicoloxía
Tipo de materia: Curso: Horas semanais:
Específica
3
Descrición da materia:

A psicoloxía é unha rama do saber cuxa finalidade esencial é tanto a comprensión da propia individualidade como das condutas sociais e a súa interrelación. Dados os seus antecedentes históricos, ligados ao desenvolvemento do saber filosófico, a psicoloxía evolucionou cun cariz bifronte. Por unha banda, ten unha clara filiación humanística; por outra, a súa temática busca regularidades e explicacións científicas. Con estas características distintivas, a psicoloxía é unha disciplina moi interesante para o alumnado de bacharelato, xa que o dota das ferramentas teóricas para coñecerse mellor como individuo e a desenvolverse como persoa e, ao tempo, permite afrontar os diversos problemas e retos que a convivencia suscita. A súa amplitude teórica faise visible na súa capacidade de relación con outros saberes, sinaladamente coa bioloxía, a socioloxía, a química e, desde logo, a filosofía. A súa metodoloxía pasa pola xeración de tarefas ou situacións-problema, suscitadas cun obxectivo concreto, que o alumnado debe resolver facendo un uso axeitado de distintos tipos de coñecementos, destrezas, actitudes e valores, sen deixar de pensar no respecto polos diversos ritmos e estilos de aprendizaxe, mediante prácticas de traballo individual e cooperativo. Desde a consideración da disciplina como ciencia, como contidos referentes da disciplina analízanse os fundamentos biolóxicos da conduta, as capacidades cognitivas como a percepción, a memoria e a intelixencia, afondando na aprendizaxe e na construción da nosa personalidade individual e social. Imagen

En suma, a materia de Psicoloxía, desde a dobre vertente humanística e científica, colabora dun modo versátil a fomentar o espírito científico aplicado ao seu raio de acción, cooperando na mellora xenérica das condicións de vida das persoas e, ao mesmo tempo, patrocinar, desde o autocoñecemento, o xenuíno desenvolvemento persoal.

Enlaces de interese:

- [YouTube] Sobre a psicoloxía.