O luns estreamos o club de lectura cunha invitada moi especial SARA VILA ALONSO coa súa obra “O incendio”. Unha obra que non deixou a ninguén indiferente. Grazas pola visita Sara e parabéns polo bo traballo!
O pasado venres 15 de novembro o alumnado da materia de Lingua Portuguesa tivo a súa primeira saída. Visitaron a sede do Camões. O Centro Cultural Português en Vigo. A visita consistiu na asistencia ao obradoiro de banda deseñada impartido por João Mascarenhas. O debuxante e guionista falounos do proceso de creación da banda deseñada: Perigoso pacifista, que mostra a vida e traxectoria do cantautor português Adriano Correia de Oliveira, un dos "cantores do 25 de abril". Despois da súa exposición houbo unha conversa amena onde o alumnado puido facerlle varias preguntas.Esta actividade estaba incluída nos eventos da Festa do Livro Português (FLIPO) do venres 15 e sábado 16 de novembro.
O luns día 18 de novembro tivemos o privilexio de contar no centro coa presenza deste grupo de teatro de Soutomaior, que vén desenvolvendo a súa actividade desde hai 25 anos. Á súa fronte, Salvador Álvarez Ledesma, que dirixiu este noso instituto entre os anos 1987 e 2001. Xa daquela organizaba aquí unha intensa actividade teatral pois o Grupo de Teatro "Castelao" puxo en escena por aquela época obras como O Cantar dos Cantares e Farsa de Micomicón e Adhelala de Eduardo Blanco Amor, La señorita Elvira de Lauro Olmo, La venganza de la Petra, de Carlos Arniches, Os casados de pouco de Manuel Varela Buxán, A importancia de chamarse Ernesto de Oscar Wilde, O achado do castro de Manuel Núñez Singala...
Este luns presentaron diante do alumnado e algúns antigos membros do claustro A pequena cabana, do comediógrafo francés André Roussin (1911-1987), que foi membro da Academia da Lingua Francesa. Esta obra conta con varias adaptacións cinematográficas, a primeira do ano 1957, protagonizada por Ava Gardner e David Niven.
A pequena cabana escenifica o naufraxio dun barco e a permanencia nunha illa deserta dunha terna de personaxes que dá pé a unha reflexión sobre a poligamia, as diferenzas sociais, a capacidade de supervivencia... salferida de momentos cómicos.
Unha tarde de teatro amena e de reencontros cordiais!
Hoxe o noso alumnado de 4º da ESO asistiu a charla “Pegada Dixital” na que se reforzou a competencia básica do alumnado na xestión segura dos seus perfís nas redes sociais ademais de falarlles sobre a identidade dixital e a importancia da pegada dixital. Tamén afondaron na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais e recursos aos que poder acudir cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.
O departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao puxo en marcha hoxe a primeira dunha serie de actividades destinadas á celebración do Día das Letras 2025 dedicado ás Cantareiras. Con este horizonte visitounos a nosa querida ex-alumna Eva Fernández Prieto, licenciada en xornalismo que nos presentou a revista dixital de cultura tradicional Rebelico (que podedes seguir en diferentes plataformas na rede). Gustounos saber do seu activismo e compromiso inquebrantable coa cultura galega e agardamos que poidamos vela outra vez no ano 2025.
Visitounos hoxe o profesor, poeta e tradutor Moncho Iglesias. Quen foi hai uns anos profesor do noso centro deixounos unha boa mostra, grazas a un recital poético plurilingüe, da importancia que ten non ignorar a loita do pobo palestino por sobrevivir nun contexto como o actual no que sofre novos e lacerantes golpes. Grazas, Moncho, pola túa visita e polo teu exemplo.
Hoxe venres 8 de novembro o alumnado do obradoiro de regueifas do centro, xunto a parte do alumnado de 1º ESO A e C acudiron ao V Certame Escolar Provincial de Regueifas organizado pola Asociación Oral e patrocinado pola Deputación de Pontevedra.
A sede foi unha vez máis o Centro Veciñal e Cultural de Valadares, onde acudiron dez centros da provincia seleccionados entre todos os que participaron nos obradoiros de regueifa impartidos nos meses de outubro e novembro. Na primeira fase subiron nove alumnos e alumnas do noso centro a regueifar nas diferentes rondas. Na segunda fase, onde xa seleccionaron soamente a vinte regueifeiros e regueifas, pasou Mateo de 4 ESO.
Foi unha xornada festiva onde todos e todas compartimos e ganhamos, parabéns polo bo traballo!
Quen dixo medo?
Nesta semana do Samaín celebramos varias sesións de lecturas con todo o alumnado de 1º da ESO e algúns grupos de 3º e 4º na biblioteca ambientada “ad hoc”.
Lemos relatos ou fragmentos relacionados con este tempo e circunstancias: un fragmento de “A neve interminable” de Agustín Fernández Paz, “El almohadón de plumas” de Horacio Quiroga ou “El monte de las ánimas” de Gustavo Adolfo Bécquer. Tamén algúns textos breves escritos polo alumnado para edicións anteriores do noso concurso de “Microrrelatos fantásticos e de terror” e mesmo algún se atreveu a contar, se cadra improvisando, unha pequena historia naquel ambiente tan apropiado.
Unha experiencia terrorífica!