21 de marzo: Día da Poesía

   A poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de maneira sempre renovada a forma na que usamos as palabras e as cousas e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas e á súa gramática peculiar, a linguaxe poética constitúe, xa que logo, outra faceta posible do diálogo entre as culturas.
    A decisión de proclamar o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía foi aprobada pola UNESCO durante o seu 30º período de sesións, que se celebrou en París en 1999.
    De acordo coa decisión da UNESCO, o principal obxectivo desta acción é apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e darlles a oportunidade ás linguas ameazadas de seren un vehículo de comunicación artística en cadansúa comunidade.
    Por outra parte, este Día ten como propósito promover o ensino da poesía; fomentar a tradición oral dos recitais poéticos; apoiar as pequenas editoriais; crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non sexa considerada unha forma anticuada de arte senón unha vía de expresión que lles permite ás comunidades transmitir os seus valores máis internos e reafirmárense na súa identidade; e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, como o teatro, a danza, a música e mais a pintura.


Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO no  Día Mundial da Poesía

Non temos alas, non podemos elevarnos,
mais temos pés para rubir e gabear
paso a paso, máis e máis,
os nubros cumes dos nosos tempos.


    Nunha época na que os retos aos que nos enfrontamos, desde o cambio climático, a desigualdade e a pobreza ata o extremismo violento, parecen tan inxentes, as palabras do poeta Henry Wadsworth Longfellow aportan esperanza.
Composta de palabras, coloreada con imaxes, tanxida coa métrica perfecta, a poesía ten un poder singular. O poder de arrincarnos da vida cotiá e lembrarnos a beleza que nos rodea e a resiliencia do espírito humano que compartimos.
    A POESÍA é unha ventá á diversidade excepcional da humanidade […] é tan antiga coma a linguaxe e nos períodos turbulentos é máis necesaria ca nunca, como fonte de esperanza, como maneira de compartir o que significa vivir neste mundo.
    O poeta Pablo Neruda escribiu que “a poesía é sempre un acto de paz”. A poesía é única pola súa capacidade de falar a través do tempo, o espazo e a cultura, de chegar directamente aos corazóns de todas as xentes do mundo. É un manancial de diálogo e entendemento e ten sido sempre unha forza para desafiar a inxustiza e promover a liberdade, porque ten –como dixo Deeyah Khan, Embaixadora de Boa Vontade da UNESCO para a liberdade e a creatividade- a capacidade extraordinaria de expresar resistencia e rebelión, protesta e esperanza.
    A poesía non é un luxo. A poesía é unha parte esencial de quen somos en canto que mulleres e homes que vivimos xuntos no presente, nos valemos do patrimonio das xeracións pasadas e somos custodios do mundo para os nosos fillos e netos. Hoxe, ao celebrar a poesía, celebramos tamén a nosa capacidade para unirnos nun espírito de solidariedade para rubir e gabear “os nubros cumes dos nosos tempos”. Cómpre que o fagamos para levar adiante a Axenda 2030 do Desenvolvemento Sostible, para aplicar o Acordo de París sobre o Cambio Climático, para asegurarnos de que ninguna muller nin ningún home queden atrás.


 Irina Bokova