Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837 - 15 de xullo de 1885)

-  Cantan os galos pra o día,
Érguete, meu ben, e vaite.
— Como me hei de ir queridiña,
Como me hei de ir e deixarte.

     —Deses teus olliños negros
como doas relumbrantes,
hastra as nosas maus unidas
as bágoas ardentes caen.
¿Como me hei de ir se te quero?
¿Como me hei de ir e deixarte,
se coa lingua me desbotas
e co corasón me atraes?
Nun corruncho do teu leito
cariñosa me abrigaches;
co teu manso caloriño
os fríos pés me quentastes;
e de aquí xuntos miramos
por antre o verde ramaxe,
cal iba correndo a lúa
por enriba dos pinares.
¿Como queres que te deixe
como que de ti me aparte,
se máis que o mel eres dulce
e máis que as froles suave?

     —Meiguiño, meiguiño meigo,
meigo que me namoraste,
vaite de onda min meiguiño
antes que o sol se levante.

     —Aínda dorme, queridiña,
antre as ondiñas do mare,
dorme por que me acariñes
e por que amante me chames,
que solo onda ti, meniña,
podo contento folgare.

     —Xa cantan os paxariños,
érguete, meu ben, que é tarde.

     —Deixa que canten, Marica,
Marica deixa que canten...
Se ti sentes que me vaia,
eu relouco por quedarme.

     —Comigo, meu queridiño,
mitá da noite pasaches.

     —Mais en tanto ti dormías
contenteime con mirarte,
que así sorrindo entre soños
coidaba que eras un anxel,
e non con tanta pureza
ó pé dun anxel velase.

     —Así te quero, meu ben,
como un santo dos altares,
mais fuxe... que o sol dourado
por riba dos montes sae.

     —Irei, mais dáme un biquiño
antes que de ti me aparte;
que eses labiños de rosa
inda non sei como saben.

     —Con mil amores cho dera,
mais teño que confesarme,
e moita vergonza fora
ter un pecado tan grande.

     —Pois confésate, Marica,
que cando casar nos casen,
non che han de valer, meniña,
nin confesores nin frades.
Adiós, cariña de rosa!

     —Raparigo, Dios te garde!

                 [Cantares Gallegos]