Dende o primeiro momento a excursión ao Museo de Pontevedra estivo chea de arte: unha escultura no xardín, cadros por todas e cada unha das paredes, esculturas de inmenso valor, recuperación de pezas antiquísimas...
Co principal motivo de coñecer a figura de Filgueira Valverde, por ser o homenaxeado no Día das Letras deste ano, tivemos tamén a oportunidade de entrar en contacto con obras de autores tan coñecidos como Castelao. Arte sempre relacionada con Galicia.
O que máis nos chamou a atención? A algúns, o sistema de luces do edificio; a outros, os esqueletos dunha das exposicións, a inmensidade dalgunha das pinturas ou a vida de Filgueira Valverde.
Por unhas cousas ou por outras, todos quedamos asombrados por algunha parte da exposición, con ganas de dar outra volta polo Edificio Sexto do Museo de Pontevedra.
A exposición centrada en Filgueira Valverde pareceunos a todos unha exposición moi completa, igual que a súa vida: agora xa sabemos que foi unha persoa chea de sabedoría, que tratou nas súas obras todo tipo de temas e que estivo relacionado coa cultura dende idade moi temperá.
Berta Estévez Arias, de 1º Bach. C