Os xacintos que colocamos en auga hai uns meses, por fin, tiveron as súas flores.
Ao longo destes meses puidemos observar como aos bulbos, en contacto coa auga, lles saíron as raíces, as follas e finalmente unhas olorosas e chamativas flores.
O venres dedicamos o remate da xornada a traballar as habilidades do pensamento de Mathew Lipman dentro dos traballos da Filosofía para Nenos (FPN). Tratábase dunha tarefa moi difícil, porque debíamos traducir a música que estábamos a escoitar nunha obra plástica. Se isto xa era de por si complicado, debíamolo facer en silencio e sen valoración cuantitativa nin cualitativa do traballo propio e alleo. Só se tiña un vaso de pintura cunha soa cor que se podía intercambiar cunha compañeira ou compañeiro cando se indicase. As consignas estaban claras.
Esta semana traballamos no horto retomando o traballo pendente da sesión anterior. Rematamos de delimitar os bancais e os corredores desde os que imos traballar. Antes de comezar, atendemos ás explicacións de Manuel Anxo, que nos lembrou o que tiñamos feito e o que nos tocaba facer esa xornada.
Despois de ter delimitado os tres bancais, tocou mover a terra. Primeiro comprobamos en que bancal estaba máis enxoita e descubrimos que en poucos metros de extensión de terra hai variación de humidade: unha parte do terreo estaba máis húmida que a outra. Por iso, somentes, traballamos a terra de dous bancais, agardando que, para a seguinte xornada de horto, secase a do outro bancal.
Cando rematamos de preparar os bancais, dirixímonos ao horto de aromáticas dentro do patio da escola. Nel, antes das vacacións de Nadal, plantamos bulbos de tulipán e fomos comprobar se nacera algún. Para a nosa sorpresa, brotábanlle as follas a case todos.
O pasado venres 1 de febreiro, as nenas e nenos de Educación Infantil preparamos unha pequena exposición e experimento sobre os volcáns.
Recollendo información sobre as montañas, descubrimos que algunhas podían ser volcáns e que, do interior da Terra, expulsaban magma ao exterior que se convertía en lava, acompañado todo con fume e lume.
Aprendemos as partes interiores dun volcán, a profesión de vulcanólogo...
Esta información quixémola compartir coas compañeiras e compañeiros de Educación Primaria.
Para iso elaboramos un mural do volcán e tamén, unha pequena maqueta do mesmo, que estaba a piques de erupcionar.
Esta é unha vista rápida do que foi a actividade.
A aula de primaria agasallounos cun rico postre para a merenda.
O pasado día 30, a escola de Sísamo traballou arredor do día da paz. Comezamos co conto "El hombrecillo de papel" (clicade no título para velo)e posteriormente reflexionamos sobre que palabras nos fan sentir ben e cales nos lastiman.
Logo cadaquen debuxou o seu homiño en papel de xornal e outro nun folio en branco.
Despois expuxémolos todos xuntos e fixemos unha reflexión final conxunta sobre a importancia do respecto e a tolerancia para unha boa convivencia.
Este foi o resultado...
Na entrada da escola,creamos o noso recuncho de paz ao que podemos ir cando precisamos recuperar a calma, cando esta se desvaece.
COMENTARIOS
hai 3 anos 38 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 4 anos 45 semanas
hai 6 anos 22 semanas