A continuación presentámosvos este pequeniño texto que acompaña á nosa publicación "Alfabeto dactilolóxico" un pequeno libro elaborado durante o desenvolvemento do noso proxecto "Aproximación á LSE, cara unha escola inclusiva", no curso 2023/2024.
Proximamente esta publicación estará á disposición do noso alumnado na Biblioteca do Centro.
"Benvidas e benvidos a esta lectura.
Somos as nenas e nenos do Colexio Rural Agrupado (CRA) Ponte da Pedra; o noso cole está formado por sete escolas situadas na contorna rural da vila de Carballo (A Coruña), concretamente nas parroquias de Artes, Cances, Mirón, Rega, Sísamo, Verdillo e Xoane. Dende o noso centro, apostamos por unha escola inclusiva, accesible e diversa e aproveitamos as diferencias como unha oportunidade para o noso enriquecemento. Por iso é unha honra presentarvos esta publicación.
A lingua de signos é unha lingua natural de carácter visual, xestual e espacial que conta con todos os requisitos lingüísticos para ser considerada unha lingua propiamente dita. Así o recoñece a Lei 27/2007 do 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das personas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, unha das maiores reivindicacións da comunidade xorda.
Ademais, sabiades que a lingua de signos non é Universal? Cada país ten a súa e, ás veces, máis dunha; no caso de España, contamos con dúas linguas de signos oficiais: a lingua de signos española (LSE) e a lingua de signos catalana (LSC).
Para representar o alfabeto nas linguas de signos, emprégase a dactiloloxía ou deletreo manual. O alfabeto dactilolóxico utilízase, xeralmente, para o deletreo de nomes propios e palabras das cales descoñecemos o seu signo. Ao mergullarvos no libro, ides poder ollar a configuración de cada unha das letras que o conforman. Veredes, nalgunhas delas, unha frecha que nos indica o movemento e dirección que debe seguir a man para a súa correcta representación manual.
O obxectivo desta publicación é achegar a lingua de signos á comunidade, coa fin de sensibilizar a mesma con respecto á diversidade lingüística e cultural das persoas xordas e xordocegas. Esperamos que vos guste tanto como nos gustou a nós facelo.
Entre todas derrubamos barreiras"
COMENTARIOS
hai 3 anos 37 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 4 anos 44 semanas
hai 6 anos 21 semanas