Club de Ciencia

Visita ao Museo de Historia natural.

Neste marzo o alumnado de 4º e 5º de infantil e o de 6º de primaria fixemos unha visita ao Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela para realizar unha actividade do Clube de Ciencia.

Aínda que fomos todos xuntos a visita estivo dividida por etapas.

Ademais da visita guiada ó museo, o alumnado de infantil realizou as seguinte actividades:

 

ACTIVIDADE 1: DESCUBRIMOS O QUE HAI DENTRO DA CAIXA.

A actividade consistiu en que cada alumno/ a podía sacar un obxecto que se escondía dentro dunha caixa e debían decidir se era un obxecto da natureza ou un obxecto artificial elaborado polo ser humano.

 

 

ACTIVIDADE 2: TOCAMOS ANIMAIS.

Durante todas a visita ó museo non estaba permitido tocar, pero nesta actividade tiveron a oportunidade de tocar tres animais disecados.

 

Pola outra banda, o alumnado de 6º de primaria realizou unha actividade de recoñecemento de animais a través das novas tecnoloxías.

A visita guiada foi do máis interesante para o alumnado.

 

Esta actividade realizouse grazas á colaboración da ANPA co Clube de Ciencia.

Pintando con texturas.

 

Para este experimento empregamos cartolinas, acuarelas, pinceis, arroz, sal e auga.

 

En primeiro lugar, dividimos cada cartolina en tres partes iguais. As nenas e nenos pintaron cada parte dunha cor, empregando acuarelas e tratando de que estivera ben “cargado” de cor.

 

Antes de que secara, engadimos en cada parte un material: na primeira parte arroz, na segunda sal e na terceira unhas pingas de auga.

 

Deixamos secar cos elementos enriba, e cando estivo completamente seco sacámolos con coidado para ver o resultado.

 

Neste proceso desenvolvéronse diversas conversas arredor de hipóteses: o sal derreterase, o arroz non fará nada, a auga vai desaparecer...E ao mesmo tempo, deu lugar a obras de arte diferentes e ben bonitas.

 

Explosión de cores.

 

 

Experimentamos con leite e xabón de cociña para ver como as cores explotan no medio da graxa.

Empregamos unhas bandexas, leite, colorantes alimentarios, bastonciños e xabón de cociña.

O experimento consistiu en poñer leite no fondo da bandexa, deixar caer unhas gotiñas de colorante alimentario (distintas cores) e logo cun bastonciño mollado en xabón tocar suavemente no medio nunha das manchas.

Traballamos as hipóteses de porque ocorría esa explosión nas cores, chegando á conclusión de que as cores se movían moi rápido debido a que o xabón facía esvarar as cores na graxa do leite.

 

A auga camiña

 

 

Experimentamos coa auga e as cores para conseguir facer mesturas de cores primarias e secundarias.

Empregamos unha bandexa, botes con auga tinguida con témperas de cores (azul, amarela, vermella verde e laranxa), papel de cociña e goteiros.

A primeira parte do experimento consistiu en colocar o papel de cociña facendo de ponte entre un bote e outro. Fixemos hipóteses de cales serían as cores que ían a aparecer cando as dúas cores chegasen á cima da ponte, pero foi necesario esperar un día para ver o resultado e comprobar se as nosas hipóteses eran correctas.

Unha segunda parte consistiu en facer mesturas directamente con goteiros e unha parte final que xurdiu como idea dun alumno que foi mesturar todas as cores dos botes para comprobar se aparecía o “arco da vella”.

 

Medindo volumes

Na clase de 6º de primaria aprendemos a medir volumes, tanto de obxectos regulares como irregulares. A continuación mostrámosvos algún exemplo das experiencias realizadas no laboratorio dende o clube de ciencia.

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer