Skip to Content

Lingua galega

POÑENDO EN VALOR O NOSO

Para completar os traballos realizados polo alumnado de 2ºB hoxe percorremos Cerceda na procura de máis información sobre Sogama, os cruceiros do concello, o carballo gordo e o río Lengüelle.

Comezamos por visitar as instalacións de Sogama, onde nos concienciaron sobre a necesidade da reducir, reciclar e reutilizar.

A continuación iniciamos un roteiro polos cruceiros do concello comezando polas Encrobas, seguindo por Meirama, Cerceda, Queixas, Xesteda e Rodís. Desgraciadamente, por problemas de horario tivemos que deixar de visitar os da Silva.

Tamén por problemas, pero neste caso mecánicos, non puidemos achegarnos ao carballo gordo de Cerdeira.

Por último, completamos o día percorrendo a Vía verde dende a estación de Fosado (Ordes) ata a de Xesteda (Cerceda).

Un día longo pero diferente no que aprendemos moito.

ROSALÍA E/É MÁIS

Para celebrar o Día de Rosalía (aínda que un día atrasado) levamos a cabo unha saída moi interesante co alumnado de 2º ESO. Ao longo da mañá realizamos as seguintes actividades:

  • paseo pola Compostela de Rosalía, 
  • xincana no Museo do Pobo Galego, “Museo en test”
  • concerto didáctico no Auditorio de Galicia, “Música e evolución humana”,
  • traballo sociolingüístico no Centro Comercial As Cancelas.

Sen dúbida, un día para lembrar.

 

 

ROSALÍA POR SEMPRE

Outro ano que conmemoramos o nacemento de Rosalía, o 23 de febreiro, cunha saída. Nesta ocasión co alumnado de 4º ESO visitamos os espazos rosalianos de Compostela:

  • o seu lugar de nacemento (praza de Vigo),
  • as diferentes casas que habitou (nas rúas da Senra, Entre Cercas,  Porta Faxeira, Bautizados, Altamira, Vilar, Conga, Calderería; ou nas prazas da Universidade ou de Mazarelos),
  • as igrexas que nas que se celebraron bautizos ou se oficiaron funerais de membros da súa familia (capela do Hostal dos Reis Católicos, Santa María Salomé, Santa Susana),
  • os lugares da súa formación (IES Rosalía de Castro, Convento de Santo Agostiño),
  • as homenaxes na súa memoria (no Paseo das Letras Galegas, na Alameda; Hotel Compostela, Fundación do Padroado Rosalía de Castro)
  • o seu descanso eterno (San Domingos de Bonaval)

Pero Santiago é moito máis. Así, tamén aproveitamos para lembrar outros autores fundamentais tanto das nosas letras (Castelao, Carballo Calero, Seoane, Fernández Ferreiro...) como das alleas (Lorca, Valle Inclán, Torrente Ballester, Hemingway...) ou personaxes galegos ilustres (Ánxel Casal, Maside...) ou populares (as Marías).

     

REPARTINDO AMOR

Co gallo do Día dos Namorados os departamentos de lingua galega e lingua inglesa levamos a cabo unha actividade de creación diversa co alumnado de 4ºESO baseándonos no tema do día: o AMOR.

O alumnado, en grupos de seis, debía pasar por seis estacións onde debían elaborar un documento (carta de ruptura, perfil de páxina de contactos), preparar un evento (cea romántica, viaxe romántica), seleccionar e recitar un poema de amor ou comentar un vídeo musical.

ÉRASE UNHA VEZ EN RIANXO

Hoxe o alumnado de 4º ESO desprazouse a Rianxo para realizar o roteiro de Castelao e visitar a Casa-Museo de Manuel Antonio.

Tiveron a sorte de contar cun día fantástico e así poder aproveitar mellor o tempo para coñecer os espazos  vitais de dous dos autores máis fundamentais da literatura galega.

Aberta a temporada de saídas do Departamento de Galego no curso 2022/2023

Nesta ocasión co alumnado de 4º ESO viaxamos a Cambados (Pontevedra) para coñecer de primeira man os espazos vitais do “poeta da raza”, Ramón Cabanillas.

Pola mañá percorremos a vila visitando as diferentes casas do autor (a casa natal, os diferentes domicilios familiares ou a derradeira vivenda, na que falece), algunhas prazas relacionadas con el (a Praza de Fefiñáns, a Praza Asorey,  a Praza de Alfredo Brañas e a Praza Cabanillas), igrexas significativas na súa biografía (de San Bieito, de San Francisco e a Ermida da Pastora), pazos de especial interese (o Pazo de Ulloa, o Pazo de Montesacro, o Pazo Torrado e a Casa dos Fraga) ou aqueles lugares imprescindibles de Cambados (Ruínas Santa Mariña, Torre San Sadurniño, Casa do Concello, Paseo da Calzada) e, finalmente, o cemiterio.

Pola tarde rematamos a actividade no Museo de Cabanillas. Un broche perfecto para esta xornada.

PROGRAMACIÓN LOMCE 2º E 4º ESO

Este curso 2022/2023 presenta unha particularidade: á vez que se abre un novo camiño educativo ao entrar e vigor a LOMLOE para os cursos impares da Educación Secundaria Obrigatoria (1º e 3º ESO), continúa vixente a LOMCE nos cursos pares (2º e 4º ESO). 

Achegamos nesta entrada as programacións de Galego para estes dous últimos niveis, ademais da que corresponde á materia de Latín, asignada ao noso departamento.

Distribuir contido


by Dr. Radut