Skip to Content

Lingua galega

Premiando a defensa do galego

Despois de visitar e analizar máis de 60 negocios do municipio para animar ao emprego da lingua galega no ámbito empresarial, o alumnado do CPI O Cruce de Cerceda decidiu recoñecer o uso que fai do galego a asesoría IPR Xestión.

Tres alumnas de 4º da ESO do CPI O Cruce (Sara Pereiro, Inés Tasende e Sara Cruz) acudiron o pasado 18 de xuño ata a asesoría IPR Xestión para entregarlle o diploma acreditativo do I Premio ao uso do galego nas empresas 2024, un recoñecemento público que decidiron outorgar a partir deste ano a negocios de Cerceda que destaquen por usaren a lingua propia na súa rotulación, información, traballo, atención ao público, publicidade e redes sociais.

Nesta primeira edición acordaron premiar a IPR Xestión, unha asesoría da que destacaron o uso que fai da lingua propia, que vai máis alá da rotulación e da publicidade. Deste xeito, salientaron tamén a visibilidade da nosa lingua nas redes sociais, na información que hai no propio local, na atención ao público... pero, sobre todo, no día a día do traballo normal da empresa.

A través do proxecto da materia de Lingua Galega e no marco da campaña “Aquí tamén se fala”, rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO visitaron desde o mes de marzo bares e restaurantes, gasolineiras, xestorías, panadarías, fábricas, farmacias, tendas..., para animar e visibilizar o uso do galego. Na atención ao público xa constataron que se fai de xeito moi maioritario, mais na rotulación e información escrita tamén é bastante frecuente nos establecementos da localidade. Ademais, fixáronse no emprego que se fai da lingua coa finalidade de, agora, recoñecer unha empresa que destaca de maneira especial no uso do galego.

Polos camiños da poesía

Onte o alumnado de 3º e 4º ESO realizou unha saída a Celanova para coñecer de primeira man os espazos vitais de dous poetas fundamentais da nosa literatura: Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

O programa deste día comezou coa visita á Capela de San Miguel, construción prerrománica de estilo mozárabe do século X.

A continuación acudimos á Casa dos Poetas, onde os nosos fantásticos guías (Paula e Aquilino) comentaron diversos aspectos da biografía do poeta do Rexurdimento.

Ás 13:00 coñecemos o órgano do Mosteiro de San Rosendo e desfrutamos dun pequeno concerto a cargo de Marisol Mendive, dentro do ciclo de concertos didácticos.

Tras a pausa para xantar, a tarde comezou coa realización dunha xincana sobre a biografía de Celso Emilio, que levou ao alumnado a percorrer os lugares máis significativos da vila.

Acudimos, a seguir, ao instituto da localidade para visitar a súa impoñente biblioteca, onde procedemos á lectura dalgúns textos dos poetas.

Trasladámonos, por último, a Vilanova dos Infantes. Alí tivemos a oportunidade de subir á Torre da Homenaxe e entrar na cova de San Vivián.

Un día longo e caloroso pero, sobre todo, rico en experiencias.

Un día para os libros

Para conmemorar o Día do Libro no centro elaboramos varias xincanas para todo o alumnado: unha forma distinta de achegarnos á lectura.

En secundaria xogamos:

  • cos títulos dos libros (reordenar as palabras que compoñen un título),
  • cos personaxes protagonistas (unir cada personaxe coa obra que corresponde),
  • cos personaxes antagonistas (emparellar co protagonista ao que se enfronta),
  • cos espazos literarios inventados (localizar a obra na que aparece) e
  • coas series de libros máis populares (identificar o título polos personaxes)

 Feliz Día do Libro!

 

E chegou o bo tempo...

Chegamos á última entrega de Meteoescolas en Latín: xa entrou a primavera e con ela chega o bo tempo.

En canto comeza o ano hai máis horas de sol (como di o refraneiro “Xaneiro fóra, máis unha hora”) e a natureza comeza a revivir (“En febreiro sae o oso do oseiro” e “Entre marzo e abril sae o cuco do cubil”).

Porén a primavera é toliña (“Marzo marzán, pola mañá cariña de rosa, pola noite cara de can” e “Abril augas mil”) por iso tivemos que agardar ata agora para facer este último vídeo.

Pero non vos fiedes: “Sol de abril, ábrelle a man e déixao ir!"

Podedes visionar o resultado premendo no seguinte enlace: Solis.

Agardamos que vos guste.

"Tamos" triunfando no "Dígocho eu"

Varios membros do programa "Dígocho eu", da TVG, entre os que se atopaban a súa presentadora Esther Estévez, acudiron o 13 de marzo para proceder á gravación dun vídeo con parte do alumnado de 3º ESO (Noelia Castro, Iria Dubra, Aroa Rey, Olivia Lamas, Celia Bello, James Eghosa, Antía Porto, Saúl Pardo, Reynald Silva e Paula Castro).

O tema proposto foi o uso que se fai do verbo “estar” en Cerceda e a súa comarca, no que se produce unha aférese e queda reducido a “tar”.

O resultado xa está visible nas redes dende o día 3 de abril (tiktok, instagram, facebook...)

 

E está batendo records de visionados tal como se recolle na noticia publicada hoxe en La Voz de Galicia

Excelente traballo!

Sementando galego

O alumnado do CPI O Cruce visibiliza e apoia o uso do galego nos negocios de Cerceda a través da campaña Aquí tamén se fala, que se está desenvolvendo a nivel galego coa participación de arredor de 200 centros de ensino. Xa son preto de 50 os negocios do municipio adheridos á campaña

Xestorías, bares e restaurantes, gasolineiras, panadarías, fábricas…, son algunhas das empresas que o alumnado do CPI O Cruce de Cerceda xa visitou para animar e visibilizar o uso do galego. Na atención ao público xa se fai de xeito moi maioritario, tal e como puideron constatar, mais na rotulación e información escrita tamén é bastante frecuente nos establecementos da localidade.

Nesta semana comezou 4º da ESO polos negocios de Cerceda capital, e despois das vacacións de Semana Santa continuará alumnado dese e doutros cursos por establecementos doutras parroquias do municipio. As rapazas e os rapaces visitan as empresas, explican a campaña, animan a unirse a ela e visibilizala a través dun cartel co lema “Aquí tamén se fala galego” e fan unha foto, que despois se comparte a través das redes sociais. Ademais, fíxanse no emprego que se fai da lingua coa finalidade de, proximamente, recoñecer algunha empresa que destaque de maneira especial no uso do galego.

A recepción, tal e como indican as mozas e os mozos participantes, está sendo moi positiva, xa que todas as empresas visitadas se animan a participar e, ademais, incluso felicitan, aplauden e agradecen a iniciativa. De momento xa son preto de 50 as empresas do municipio visitadas e adheridas, que seguro que irán aumentando nas próxima semanas.

A campaña Aquí tamén se fala é un proxecto de dinamización lingüística realizada pola mocidade que se xestou nun instituto da Coruña, o IES Rafael Dieste, e que decontado se espallou por centros de todo o país, ata chegar aos arredor de 200 actuais, entre os que está desde o inicio o CPI O Cruce de Cerceda. Ademais dos miles de establecementos empresariais e comerciais que xa se adheriron á campaña (en Cerceda xa van preto de 50), tamén conta con recoñecidos apoios a través de vídeos nas redes sociais como, por exemplo, os dos actores Viggo Mortensen ou Tamar Novas, a actriz María Vázquez, a cantante Amaia ou as Tanxugueiras, os músicos James Rhodes ou Abraham Cupeiro etc., ademais dos clubs e xogadores de fútbol do Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Rácing de Ferrol ou Lugo.

 

De novo en Rianxo

Onte o alumnado de 4ºESO visitou Rianxo para achegarse a dúas figuras fundamentais da literatura galega: Castelao e Manuel Antonio.

A mañá comezou percorrendo os lugares vitais de Castelao e continuamos á tarde coa visita á Casa-Museo de Manuel Antonio (Podedes ver un breve vídeo premendo na ligazón).

 

Distribuir contido


by Dr. Radut