Skip to Content

Premiando a defensa do galego

Despois de visitar e analizar máis de 60 negocios do municipio para animar ao emprego da lingua galega no ámbito empresarial, o alumnado do CPI O Cruce de Cerceda decidiu recoñecer o uso que fai do galego a asesoría IPR Xestión.

Tres alumnas de 4º da ESO do CPI O Cruce (Sara Pereiro, Inés Tasende e Sara Cruz) acudiron o pasado 18 de xuño ata a asesoría IPR Xestión para entregarlle o diploma acreditativo do I Premio ao uso do galego nas empresas 2024, un recoñecemento público que decidiron outorgar a partir deste ano a negocios de Cerceda que destaquen por usaren a lingua propia na súa rotulación, información, traballo, atención ao público, publicidade e redes sociais.

Nesta primeira edición acordaron premiar a IPR Xestión, unha asesoría da que destacaron o uso que fai da lingua propia, que vai máis alá da rotulación e da publicidade. Deste xeito, salientaron tamén a visibilidade da nosa lingua nas redes sociais, na información que hai no propio local, na atención ao público... pero, sobre todo, no día a día do traballo normal da empresa.

A través do proxecto da materia de Lingua Galega e no marco da campaña “Aquí tamén se fala”, rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO visitaron desde o mes de marzo bares e restaurantes, gasolineiras, xestorías, panadarías, fábricas, farmacias, tendas..., para animar e visibilizar o uso do galego. Na atención ao público xa constataron que se fai de xeito moi maioritario, mais na rotulación e información escrita tamén é bastante frecuente nos establecementos da localidade. Ademais, fixáronse no emprego que se fai da lingua coa finalidade de, agora, recoñecer unha empresa que destaca de maneira especial no uso do galego.



story | by Dr. Radut