Skip to Content

   Enlace Aula Virtual                       

HISTORIA DO COLEXIO

HISTORIA DO COLEXIO

 

            O noso Colexio comezou a súa andadura no mes de setembro do ano 1.989. O primeiro solar que ofreceu o Concello para a súa construción non lles parecía idóneo ós veciños de Peitieiros, polo que tiveron que buscar a actual situación.

 

            O Colexio Público Comarcal de Peitieiros –foi o seu primeiro nome- empezou o curso 89/90 cheo de ilusións e coas carencias propias dun centro novo. Conservamos a notificación do Concello de Gondomar de data 27 de setembro de 1989 sobre a potabilidade da auga. Foi construído para 16 unidades de E.G.B. (Educación General Básica), o tramo educativo anterior ó Ensino Primario que se estuda agora. O alumnado estaba no colexio entre os 6 e os 14 anos, aínda que algúns e algunhas quedaban un par de anos máis con nós, ata os 16.

 

            Non sería inaugurado ata o 18 de novembro polo Conselleiro de Educación D. Aniceto Núñez García, sendo Alcalde de Gondomar D. Ramón  Sestelo Fernández. Conservamos no colexio as invitacións que enviou o Director D. Luis Carballo Moure para que asistisen as familias ó acto. Acompañaban ó director no equipo directivo o Xefe de Estudios D. Manuel Jario Rodríguez e o Secretario D. José Luis Fernández Álvarez.

  O cambio a Colexio “Xosé Neira Vilas” 

            A clase de lingua galega de 8º curso do ano 91, enviou unha carta ó escritor Xosé Neira Vilas que naqueles momentos vivía en Cuba coa súa dona Anisia Miranda. Desa carta naceu unha bonita relación – polo momento só por escrito- que se estreitou máis unha vez que eles deixaron o país caribeño para establecérense definitivamente en Galicia, primeiro en Santiago e despois en Gres, Vila de Cruces.

 

            Na contestación de Neira ós nosos alumnos comentáballes que en Cuba existía o costume de “apadriñar” colexios por parte de escritores ou persoalidades destacadas, polo que fomos dándolle voltas á idea de pedirlles que fixesen o mesmo aquí, co noso colexio. Propuxémoslles a idea e callou. En adiante, a nosa Biblioteca chamaríase “Anisia  Miranda” e o noso colexio “Xosé Neira Vilas”. O acto do “bautizo” fíxose o 21 de maio de 1993 coa presenza dos nosos padriños.

  O colexio “Neira Vilas” pasa a ser de Primaria 

            Coa entrada da nova Lei de Educación  de 1990 o noso centro  transfórmase en colexio de Ensino Primario, con clases de 1º a 6º. Con todo, e mentres non se rematou de construír o Instituto, demos clases do primeiro ciclo da E.S.O. durante dous anos.

      Aconteceres 

            Nos trinta e cinco cursos que leva o colexio funcionando pasaron moitas cousas, coñecemos a moitos alumnos e alumnas, a moitas familias e a moitas persoas e institucións que foman parte da nosa comunidade educativa. As nenas e os nenos coñeceron a outras moitas nenas e nenos que eran doutras parroquias do concello. Aprendimos, convivimos, ilusionámonos, participamos da inclusión como valor e do respecto entre as persoas, as cousas e o medio ambiente.

 

           

 

 

 Se queres ver documentos e fotos históricas do colexio preme aquí.

 

 



page | by Dr. Radut