O alumnado do 1º ciclo visitou a exposición «Comedy Wildlife» en Vigo, sesenta fotografías que foron realizadas en distintos recunchos de todos os continentes e todas elas resultaron distinguidas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo. A través do humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar no encanto do reino animal, serviunos tamén para falar de cambio climático, das accións do ser humano e como estas inflúen na sustentabilidade. Mordisquiños, foinos introducindo en distintas temáticas a través das pegadas e rastros que ía deixando.
Esta exposición serviunos, ademais de ver a cara máis divertida, para ver o que moitas imaxes comunicaban.
Neste trimestre estamos levando a cabo actividades de robótica no Polo Creativo co alumnado de 2º curso A e B.
A espectación e motivación enche cada sesión e encántalles programar ao seu robot e experimentar o proceso e o resultado, no que se avalían os resultados, as dificultades e as celebracións polo ben que o facemos!
Proximamente empezaremos un deseño de proxecto coa impresión 3D empregando o lápis 3D.
O pasado 13 de decembro estivemos en Vigo na Fundación Laxeiro, na Casa das Artes. Por quendas os cursos de 1º visitaron a Fundación mentres os de 2º faciamos un percorrido polas inmediacións á Casa das Artes (Principe, Alameda, Porta do Sol...). Despois cambiamos as quendas.
Participamos das actividades Coñece a Laxeiro, nas que fixemos unha visita guiada á colección de Laxeiro, na que coñecimos obras que ían dende os anos trinta ata os anos oitenta e fixemos tamén unha viaxe pola pintura xestual do século XX.
Fixemos un obradoiro moi interesante no Espazo Azul, no cal a través de tres obras diferentes de Laxeiro creamos interpretacións sobre os cadros do mesmo.
Moitas grazas a Laura (do equipo didáctico da Fundación) que, contaxiados da súa ilusión e emoción, achegounos á figura deste importante pintor galego.
Este luns estivo Marta Dacosta no noso cole achegándonos a figura de Don Paco del Riego. A poesía e a ilustración encheron a aula e a imaxinación dos cativos e cativas.
Marta Dacosta, poeta do Val Miñor e Peitieiros, fíxonos pasar momentos de ilusión, entusiasmo, creatividade e moitos sorrisos. Moitas grazas Marta, por facer da poesía un camiiño a percorrer e un mar onde mergullarse.
O pasado venres 12 de maio, estivemos desenvolvendo no primeiro ciclo un obradoiro de cerámica impartido por Patricia Soto, mestra ceramista e nai no cole. As/os pequenos artistas deseñaron e pintaron cadansúa peza cerámica para facer unha obra colectiva na que o logo do cole ocupa a parte central. A sesión desenvolvouse con moita ilusión e pasáron un rato moi agradable. As cores encheron as obras e aínda nos queda a parte máis máxica: a transformación das cores noutras moito máis intensas. 63 pezas forman este proxecto cerámico que moi pronto pendurará nunha das paredes da entrada do cole.
A semana anterior os nenos e nenas de 4º deseñaron e pintaron indicadores cerámicos para os produtos da horta.
Moitísimas grazas Patri por compartir con nós este proxecto!
PULSA NA FOTO
Hoxe, mércores 10 de maio, estivo Eva Mejuto na nosa biblioteca co club de lectura de primeiro. A emoción de ver a autora e poder falar con ela palpábase dende ben cedo e nos días previos.
Sorpresa para Eva que comprobou como sabían os lugares e nomes das gatiñas e mesmo fixeron aportacións para a segunda parte do libro. O caso é que ao final Eva Mejuto díxonos que nos animaramos a facer entre todos a segunda parte e tomámolo coma un reto. de momento seguimos viaxando coas gatiñas percorrendo Galicia pero e a segunda parte, onde nos levará...?
Sen dúbida, moi lonxe! Grazas por compartir con nós este momento tan especial!
A Neira Horta do noso colexio está de celebración xa que unha das nosas clases foi a gañadora no apartado REGUEIFA MÁIS AGUDA da categoría escolar. Os e as gañadoras asistiron ao acto da entrega de premios celebrado, no auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Convertíndose en toda unha experencia para o alumnado e mestres do noso colexio.
Aí vai a regueifa gañadora para que a disfrutedes, e unha mención ao noso premio nas redes sociais do Enreguéifate.
PULSA NA FOTO
Os nenos e as nenas de 1º estivemos na horta seleccionando os nosos bancais, arrincando herbas e plantamos sementes.
Estivemos comparándoas, analizando a súa forma e aprendendo a que hortaliza corresponde e os seus nomes. Tivemos que pedir axuda a un papá para traducir do italiano o nome da semente Lingua di Fuoco.
Despois plantámolas e as regamos, para finalmente colocalas no invernadoiro. Esperamos que medren pronto para pasalas aos nosos bancais.
PULSA NA FOTO