Desde o claustro do CEP Carlos Casares decidimos realizar un pequeno vídeo para pórlle unha nota de cor a esta cuarentena e animarvos a que botedes unhas bailas connosco. A música corre a cargo da marabillosa banda compostelá Ruxe Ruxe.
Con moito cariño e desexos de que pronto volvamos camiñar unidas e unidos.
Bo día queridísima audiencia de Radio Saltamontes!
Como acabamos de pasar esta Semana Santa un tanto peculiar e temos algo de morriña das nosas festas tradicionais, esta semana traémosvos un programa emitido o 20 de febreiro polas nosas locutoras e locutores máis noveles, o alumnado de 1º curso!
Esperamos que vos guste tanto como a nós e desexamos que pronto poidamos celebrar de novo coa vosa compaña!
Pasiño a pasiño, xa chegaron as vacacións de Semana Santa. Pero, esta non é a única boa noticia que vos teño que dar, hai outra que aínda vos vai gustar máis: ACABÁRONSE AS TAREFAS POR UNS DÍAS. Xa estou vendo as vosas caras de felicidade. Se cadra, algún ou algunha de vós igual as bota de menos. Se é así, non dubidedes en poñervos en contacto comigo que algo argallarei.
Vós veredes, pero eu recoméndovos quedescansedes moooooito. Xa levades traballado dabondo ao longo destas tres semanas que levamos de aillamento. Agora toca cambiar o “chip”.
Aínda que non poidamos ir de viaxe real, podemos viaxar coa nosa imaxinación. Lémbrovos que unha boa maneira de facelo é a lectura, por iso vos recomendo que entredes no blogue da Biblioteca onde atoparedes varios libros para ler online e tamén algunhas actividades.
Os que aínda non participastes no Concurso de Fotografía Matemática podedes aproveitar estes días para buscar ideas, seguro que se vos ocorren moitas cousas. Non vos esquezades de enviar as vosas fotografías, cun título e un comentario, ao blogue do segundo ciclo.
Antes de despedirme de vós ata o día 14 de abril, quería agradecerlles ás vosas familias a súa comprensión e paciencia nestes difíciles momentos para todos. Sen a súa colaboración non sería posible sacar adiante este método de “teletraballo”, novidoso para moitos de vós.
Espero que pasedes unhas estupendas vacacións e que SEXADES MOI FELICES!!!!!
Unha aperta enorme da vosa titora, que vos bota moito de menos.
Ola de novo nenos e nenas! Que tal vai ese proxecto sobre sobre o voso Concello? Espero vos esté servindo para coñecer moitas cousas que non sabiades das súas parroquias. Que tal se vos está a dar facer de guías turísticos? Seguro que, despois deste proxecto, calquera axencia de viaxe vos contrataría.
Pois hoxe non me poño en contacto con vós para mandarvos máis traballo. Hoxe teño un motivo ben distinto. O día 2 de abril, conmemórase o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. A cor que representa ás persoas con TEA, é a azul. Propóñovos para hoxe unha sinxela manualidade: que fagades un muiño de vento de papel (con cartolina ou folio azul ou, se non tedes, un folio branco coloreado) e o poñades nas vosas fiestras. Tamén podedes decorar con globos, pancartas, panos... Calquera cousa que se vos ocorra estará ben pero, recordade, ten que ser azul. Tamén podedes vestirvos con prendas de roupa desa cor.
Os nenos e nenas con autismo necesitan visibilidade, que todos coñezamos a súa realidade. O lema da campaña deste ano é "Podo Aprender. Podo Traballar". Ás nove da noite hai convocada unha quedada nas fiestras e balcóns na que so se teñen que ver as linternas dos móbiles acendidas. Non vos esquezades de saír para apoiar esta bonita iniciativa.
A continuación, déixovos un tutorial para facilitarvos a elaboración do muiño. Se premedes na imaxe, poderedes velo.