Vimos hoxe desde Radio Saltamontes cun programa que emitimos o 13 de febreiro, día mundial da radio.
Este programa foi pilotado polo alumnado de 5º e 6º curso e xirou en torno á diversidade. Que palabra tan bonita e enriquecedora verdade? E resulta que hai tanta diversidade como cousas podemos ver, tocar, sentir… pero no noso programa centrámonos en 3 eidos fundamentais.
En primeiro lugar falamos da diversidade cultural, e máis especificamente da diversidade lingüística. En Galicia isto da diversidade lingüística sóanos un chisquiño, pero ademais este ano grazas ao Proxecto Rush, tivemos a oportunidade de coñecer a riqueza lingüística doutros puntos de Europa.
En segundo lugar, falamos sobre as familias diversas, porque familias hai moitas, case tantas como casas. No primiero trimestre tivemos a sorte de contar cunha exposición no centro titulada “Familias no hay más que muchas” da que aprendemos un montón sobre outros tipos de familias.Con relación a este tema, aproveitamos para recomendarvos desde aquí o libro “Familiario” de Marian Pérez-Duarte, e que aquelas familias socias da rede de bibliotecas de Galicia, poderedes desfrutar desde a súa app gratuíta eBiblio.
Por último e para rematar o programa, falamos da diversidade sexual, un termo que vén a dicir que existen moitas maneiras de sentirse e de expresarse, e que o máis importante e estar agusto con cada un/ha de nós, e por suposto, respectar sempre as preferencias dos demais.
Esperamos que vos guste moito o programa e que aprendades tanto coma nós aprendemos traballando nel.
O pasado 9 de marzo, no CEP Carlos Casares gozamos duns obradoiros sobre grandes científicas pioneiras da man de Ciencia en movemento.
Así, tivemos a oportunidade de descubrir como o labor de moitas científicas se veu ensombrecido, e en moitos casos arrebatado polos seus compañeiros, cando ser home era un mérito dentro do curriculo vitae.
Así, xunto con Ana e Suso viaxamos ao longo do tempo e do espazo coñecendo a numerosas mulleres pioneiras, algunhas sobre as cales nos gustaría deixarvos por aquí algunhas curiosidades.
Comezamos este traxecto moi lonxe de aquí, chegando ata o século IV, e coñecendo a Hipatia de Alexandría, reputada científica, filósofa e mestra; que entre moitísimas outras descubertas, inventou un hidrómetro para medir a densidade dos líquidos, e co que puidemos experimentar en diferentes fluídos.
E volvendo á idade contemporánea , descubrimos a Rosalind Franklin, a muller que obtivo as primeiras imaxes do ADN desvelando a súa estrutura da dobre hélice, traballo que aproveitaron os seus compañeiros (Watson, Crick e Wilkinds) e que lles valeu un premio Nobel.
Non moi lonxe de Rosalind Franklin, atopábase Hedy Lamarr quen decidiu dar un salto a América, converténdose nunha estrella de Holliwood cunha vida digna de película. Franklin actuou en numerosísimas películas e combinou a súa faceta artística coa científica, sendo a descubridora da primeira versión do que hoxe en día coñecemos como WIFI.
Paralelamente, na outra punta da costa estadounidense, atopamos ás calculistas traballando na NASA, un grupo de mulleres encargadas de realizar diferentes cálculos matemáticos. Entre estas destaca Katherine Jonnson, responsable de operacións tan importantes como as que permitiron a chegada do Apolo XI á lúa. Existe un filme sobre ela, Figuras ocultas, que recomendamos ver en familia para coñecer a historia destas fantásticas mulleres.
Mención especial revisten as pioneiras galegas, entre as que destaca Ángeles Alvariño, a primeira muller científica cun buque oceanográfico e descubridora de moitísimas especies mariñas; ou Begoña Vila que na actualidade traballa no sensor Fine Guidance Sensor para o telescopio espacial James Webb, que será o sucesor do Hubble e o Spitzer.
Alén de achegarnos a estas mulleres e moitas outras pioneiras, tamén tivemos a oportunidade de experimentar a pequena escala fenómenos como a transmisión das ondas, a distancia entre a Terra e a Sol, o fin do astro solar... así como analizar e reflexionar sobre moitas cuestións que abranguen ao noso planeta e a nós como especie humana. E sobre todo tivemos unha estupenda ocasión para bombardear a preguntas a Ana e Suso, que moi gustosos satisfacían a nosa curiosidade científica.
Aproveitamos para deixarvos por aquí algúns recursos recomendados por Suso e Ana para achegarnos máis ás pioneiras e á ciencia, e que nos veñen fenomenal estes días para comentar en familia:
O 31 de xaneiro, con motivo do día da Paz, o alumnado de 3º preparamos un programa na clase de relixión. Nel reflexionamos sobre que é a paz, quen a constrúe e porque é tan importante.
Durante esta última semana tivemos que alternar disfraces con murais de Rosalía. O día 24 de febreiro é o día de Rosalía pero... estamos de vacacións de entroido. A pesar de andar apurados cos disfraces quitamos un pouco de tempo para conmemorar o Día de Rosalía. Traballamos sobre a proposta de Escritores e escritoras en Lingua Galega baixo o lema ERRANTES POLO MUNDO.
Os alumnos/as buscaron debuxos e trouxeron fotos relacionados coas migracións en todos os seus aspectos (a soidade de quen fica, a morriña de quen vai, a dor, o medo, ...) e despois puxeron como pé de foto versos de Rosalía.
MURAL DE 1º E 2º NIVEL
MURAL DE 3º E 4º NIVEL
Encheron o corredor de fotos e escribiron os poemas na cara de Rosalía.
Situaron fotos de familiares nos lugares onde se atopan e escribiron os poemas de Rosalía nos barcos.
ç
MURAL DE 5º E 6º NIVEL
Fixeron unha exposición de moedas, billetes e postais dos lugares onde se atopan migrados familiares.