Quinto

Sexto

PIONEIRAS CIENTÍFICAS

O pasado 9 de marzo,  no CEP Carlos Casares gozamos duns obradoiros sobre grandes científicas pioneiras da man de Ciencia en movemento.

Así, tivemos a oportunidade de descubrir como o labor de moitas científicas se veu ensombrecido, e en moitos casos arrebatado polos seus compañeiros, cando ser home era un mérito dentro do curriculo vitae.

Así, xunto con  Ana e Suso viaxamos ao longo do tempo e do espazo coñecendo a  numerosas mulleres pioneiras, algunhas sobre as cales nos gustaría deixarvos por aquí algunhas curiosidades. 

Comezamos este traxecto moi lonxe de aquí, chegando ata o século IV, e coñecendo a Hipatia de Alexandría, reputada científica, filósofa e mestra; que entre moitísimas outras descubertas, inventou un hidrómetro para medir a densidade dos líquidos, e co que puidemos experimentar en diferentes fluídos.

E volvendo á idade contemporánea , descubrimos a Rosalind Franklin, a muller que obtivo as primeiras imaxes do ADN desvelando a  súa estrutura da dobre hélice, traballo que aproveitaron os seus compañeiros (Watson, Crick e Wilkinds) e que lles valeu un premio Nobel. 

Non moi lonxe de Rosalind Franklin, atopábase Hedy Lamarr quen decidiu dar un salto a América, converténdose nunha estrella de Holliwood cunha vida digna de película. Franklin actuou en numerosísimas películas e combinou a súa faceta artística coa científica, sendo a descubridora da primeira versión do que hoxe en día coñecemos como WIFI.

Paralelamente, na outra punta da costa estadounidense, atopamos ás calculistas traballando na NASA, un grupo de mulleres encargadas de realizar diferentes cálculos matemáticos. Entre estas destaca Katherine Jonnson, responsable de operacións tan importantes como as que permitiron a chegada do Apolo XI á lúa. Existe un filme sobre ela, Figuras ocultas, que recomendamos ver en familia para coñecer a historia destas fantásticas mulleres.

Mención especial revisten as pioneiras galegas, entre as que destaca Ángeles Alvariño, a primeira muller científica cun buque oceanográfico e descubridora de moitísimas especies mariñas; ou Begoña Vila que na actualidade traballa no sensor  Fine Guidance Sensor para o telescopio espacial James Webb, que será o sucesor do Hubble e o Spitzer. 

Alén de achegarnos a estas mulleres e moitas outras pioneiras,  tamén tivemos a oportunidade de experimentar a pequena escala fenómenos como a transmisión das ondas, a distancia entre a Terra e a Sol, o fin do astro solar... así como analizar e reflexionar sobre moitas cuestións que abranguen ao noso planeta e a nós como especie humana. E sobre todo tivemos unha estupenda ocasión para bombardear a preguntas a Ana e Suso, que moi gustosos satisfacían a nosa curiosidade científica. 

Aproveitamos para deixarvos por aquí algúns recursos recomendados por Suso e Ana para achegarnos máis ás pioneiras e á ciencia, e que nos veñen fenomenal estes días para comentar en familia:

-  Un vídeo moi interesante de Javier Santaolalla sobre as singularidades da lúa: https://www.youtube.com/watch?v=vZZSyVyo3dQ

-  Unha banda deseñada elaborada pola Universidade de Sevilla que recolle a vida de cinco investigadoras do pasado e do presente, e que se pode descargar de xeito gratuíto no seguinte enlace: http://institucional.us.es/cientificas/sdm_downloads/comic-resolucion-media/

 

 Por último, deixamosvos un vídeo resumo e un enlace por se queredes ver as fotos do obradoiro: https://photos.app.goo.gl/1FVTEHMmXRaVEGM5A

 

AdxuntoTamaño
MOVIE (6).mp49.3 MB