MARCOS, O PAI DE DANIELA, VEU PASAR O MOTOCULTOR Á NOSA HORTA (6 - 5 - 2022).

E para rematar a semana tivemos a visita de Marcos e Eva (o pai e a nai de Daniela), que viñeron a axudarnos a poñer a punto a nosa horta.

Estivemos encantad@s escoitando as explicacións de Marcos e vendo como traballaba.

En breve iremos a sementar o millo e a plantar as plantiñas do sementeiro.

Moitas grazas por esta visita tan proveitosa!

 

JOSE E MARÍA, PAI E NAI DE XOEL, MONTARON O ARMARIÑO PARA COLOCAR OS LIBROS NA ZONA DE LECTURA AO AIRE LIBRE. (5 - 5 - 2022)

A nosa biblioteca exterior xa case está a punto! Hoxe a familia de Xoel veu ao noso cole para axudarnos coa tarefa de montar

un pequeno armario para gardar os libriños destinados a ler na zona verde. Quedou xenial!

Moitas grazas por axudarnos e por compartir con nós o voso tempo!

 

O OBRADOIRO DE CREACIÓN DE EMPREGO DO CONCELLO DE BÓVEDA PON A PUNTO O NOSO COLE. (Semana do 2 ao 6 de maio).

O colexio de Bóveda ten o privilexio de contar cun dos patios escolares máis grandes e máis verdes da nosa contorna.

As rapazas e os rapaces do Obradoiro de Emprego do Concello de Bóveda e a súa monitora estiveron toda esta semana no noso centro realizando as labores de limpeza e debroce da área verde. Trouxéronnos e colocaron os bancos que nos deu o Concello para a nosa zona de lectura ao aire libre e realizaron animaliños de madeira para decorar o noso patio.

Moitas grazas polo voso traballo!!

EN 21 DÍAS NACERÁN OS NOSOS PITIÑOS. (3 - 5 - 2022).

O martes día 3 de maio, o pai de Enzo trouxo á clase de Infantil unha ducia de ovos "galados". Estivemos investigando como funciona a incubadora que nos prestou a nai de Liza e trouxemos libros da biblioteca que explican como vai ser o proceso.

En 21 días nacerán os nosos pitiños. Traeremos a unha galiña que nos presta a nai de Álex para que coide deles mentres son pequeniños.

Estamos desexando velos nacer e levalos por todas as clases para que os vexan os maiores!

 

O GALIÑEIRO ESTÁ EN MARCHA (29 - 04 - 2022).

E despois de facer o proxecto, solicitar os permisos e buscar os recursos... xa se está materializando o noso galiñeiro!!

O Concello preparou a base de cemento e fíxose cargo dos materiais necesarios. As familias (dous papás e un avó) están a realizar a montaxe do "peche"para que as nosas galiñas teñen un lugar seguro e confortable onde vivir.

Xa temos a incubadora no cole e na semana que vén montaremos a casetiña de madeira que mercamos para que vivan os pitiños.

Iremos informando dos novos avances!!


 

 

 

EXPURGO EN FAMILIA (28 E 29 DE ABRIL)

Rematando esta semana chea de actividades, viñestes as familias a tarde do xoves e a do venres para botar unha man no expurgo.

Baleirar os estantes, reorganizar o espazo,  seleccionar os fondos e volver colocar.

Un traballo inmenso e intenso que, como di o anuncio, non se paga con diñeiro.

Moitas grazas!!

O MORCEGO "PLATA" FOI ELIXIDO COMO MASCOTA DA NOSA BIBLIOTECA. (27 - 04 - 2022)

Dende o equipo da biblioteca queremos agradecer a todas as familias a súa implicación nesta actividade. Os deseños que mandastes eran espectaculares e calquera deles podería representarnos con moito acerto.

Unha vez recibidos os debuxos tocounos a ingrata labor de escoller só 12 deles para entrar no proceso electoral. Priorizamos aqueles deseños que facían alusión á biblioteca escolar e tamén aos que tiveran relación co noso entorno (natureza, colexio...) buscando un equilibrio de xeito que todas as aulas dende Infantil a terceiro ciclo estiveran representadas.

No día de onte, alumnado, persoal non docente e docentes levamos a cabo o proceso electoral.

Despois dunha reñida votación, resultou elixido o morcego Plata.

Parabéns Plata! Benvido ao noso cole!

 

HOXE CELEBRAMOS A PRIMEIRA EDICIÓN DO "MERCADIÑO DO LIBRO USADO" (26 - 04 - 2022).

No día de hoxe, o alumnado do noso centro, acudíu por quendas á cita co "Mercadiño".

Cos "biblios" na man (billetes coa cara de Rosalía) puideron "adquirir" libros que, en semanas anteriores,

foron achegados ao centro polo propio alumnado.

Todo un éxito de actividade de intercambio que de seguro repetiremos o vindeiro curso!

"BOLSAS DE CORES". (Obradoiro de tinguido levado a cabo do 22 ao 26 de abril de 2022)

Estamos ultimando os detalles para a posta en marcha da actividade "BOLSAS DE CORES".

Durante o mes das Letras Galegas, cada familia poderá gozar dun lote de libros de temáticas diversas en lingua galega.

Os libros serán repartidos nunhas fermosas bolsas de cores que o alumnado de Primaria está a tinguir coas súas propias mans.

Están quedando preciosas!

 

"COÑECENDO O MEU CORPO" Actividade de Educación Sexual na etapa Infantil. (21 - 4 - 2022)

A través da A.N.P.A, o alumnado de Infantil asistiu a esta interesante actividade.

Dúas enfermeiras matronas foron as encargadas de desenvolver unha sesión amena, sinxela

e moi ben adaptada á idade dos nenos e das nenas de Infantil.

 

Distribuir contido