ENTREVISTA AO PAI DE SANTI: QUEREMOS SABER MÁIS SOBRE AS NOSAS PITAS. (4 - 5 - 2023).

  Este xoves, na "hora de ler", veu Santiago, (pai de Santi), para responder ás preguntas que lle tiñamos preparadas sobre as pitas do noso galiñeiro. Santiago respondeu a todas as cuestións unha por unha e aclarou todas as nosas dúbidas.

  Moitas grazas pola túa visita e os teus consellos!!

 

 

PREPARANDO O NOSO HORTO. A FAMILIA DE THEO VEU PASAR O MOTOCULTOR. (4 - 5 2023).

  Este xoves o avó de Theo, a súa nai e o seu pai viñeron ata o cole para axudarnos a preparar a terra do horto. O alumnado de Infantil observou moi atento o proceso para despois sementar un rego de millo branco. Moitas grazas pola vosa axuda!

  Máis tarde chegoulle a quenda aos maiores que remataron de sementar o millo e plantaron unha ducia de leitugas.

  Os peques aproveitaron para levarlle un pouco de millo ás pitas e observar as plantas de amorodo que pronto producirán.


"CONTO EN FAMILIA". Unha nova actividade para a hora de ler dos venres. (28 - 4 - 2023).

  Neste terceiro trimestre, da comezo a actividade "CONTO EN FAMILIA".

  Na "Hora de ler" dos venres, contaremos con diferentes familias que virán a contar, cantar, interpretar ou representar historias para nós. 

  A actividade iniciouse co conto ¡Nunca te olvidaré" que trouxeron Daniela, Dylan e a súa nai Alba: unha fermosa e emocionante historia pensada para nenos e nenas que aborda con moito tacto e naturalidade os temas da enfermidade de alzheimer e a morte.

  Moitas grazas por tan fermoso e emotivo comezo!

OBRADOIRO DE HERBAS MEDICINAIS (27 - 4 - 2023).

  Este xoves tivemos no noso centro a Patricia Puga, que veu dende Mondariz a contarnos moitas cousas sobre as propiedades das plantas que temos no noso propio patio da escola.

  Despois dun percorrido observando, tocando, ulindo e recollendo diferentes herbas, chegou o momento de seguir aprendendo a través do xogo: convertémonos nun grupo de vikingos con diferentes doenzas que debían ser sanados coas plantas curativas que tiñamos ao noso arredor.

  O alumnado portouse de marabilla e poderá seguir aprendendo sobre as herbas a través dos libros e do xogo que trouxo Patricia e que agora tamén forman parte dos fondos da nosa biblioteca.

  Moitas grazas a ANPA que se fixo cargo dos gastos desta actividade!

AS FAMILIAS COLABORAN NAS LABORES DO HORTO ESCOLAR (Abril de 2023).

  Chegou a primavera e con ela as labores do noso horto intensifícanse. As sementes de tomates que puxemos en marzo deron lugar a unhas fermosas tomateiras que precisaron ser trasplantadas en recipientes máis grandes. Mely (nai de Miley, Hendrick e Andy) e Elia (nai de Valentina e Enzo) viñeron a axudarnos con esta tarefa.

  Tamén sementamos apio de Rumanía que trouxo Petrica (nai de Liza) xunto con plantas de perexil. E Sesé (nai de Hugo), Almudena (nai de Sofía) e Yolanda (nai de Theo) estiveron no patio renovando as plantas dos maceteros exteriores para que o noso cole luza máis bonito.

  Moitas grazas a todas pola vosa colaboración!

"ZAPATIÑOS DE CARTÓN E A CARTA DOS BOSQUES" DÍA DO LIBRO NA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL. (21 - 04 - 2023).

  Para conmemorar o "Día do libro", o alumnado do noso cole acudiu á  biblioteca municipal para participar na sesión de contacontos "Zapatiños de cartón e a carta dos bosques" levado a cabo por Anxo Moure.

  Tivemos a sorte de compartir este tempo e este espazo cun grupo de residentes do centro para persoas con discapacidade "Domus VI" que disfrutaron con nós do espectáculo.

  Moitas grazas por convidarnos!

"MERCADIÑO DO LIBRO" 18 e 19 de abril de 2023.

  Para conmemorar o "Día do libro" organizamos, por segundo ano consecutivo, o noso "Mercadiño do libro".

  Coa intención de darlle unha segunda vida a aqueles libros que estaban esquecidos nos estantes das nosas casas, trouxémolos ao centro a cambio de "billetes de Rosalía" cos que poder mercar outros libros achegados por outras familias no noso mercadiño.

  A actividade acadou unha grande participación e esperamos darlle continuidade en vindeiros anos.

PUBLICACIÓN DA LISTAXE PROVISIONAL DE ADMITIDOS.

LISTAXE PROVISIONAL DE ALUMNADO ADMITIDO CURSO 2023/2024

Todo o alumnado que solicitou praza está admitido provisionalmente.

(Poden consultar as listaxes provisionais no centro educativo)

OBRADOIROS DE EDUCACIÓN EMOCIONAL PARA TODO O ALUMNADO ORGANIZADOS POLA ANPA. (14 - 04 - 2021).

   A psicóloga Esther Mariño (clínica Nós) desenvolveu, na xornada do venres, obradoiros de educación emocional orientados ás diferentes idades do noso alumnado.

   A través de distendidas conversas e actividades dinámicas achegámonos ás emocións e traballamos algunhas técnicas para o autocontrol e a resolución de conflitos.

   Na imaxe pódese ver ao alumnado de infantil practicando a técnica da tartaruga.

   Foi unha xornada moi interesante e produtiva. Grazas!

DÍA DA ÁRBORE. En colaboración co Obradoiro de Emprego do Concello de Bóveda.(21 - 03 - 2023).

  Este ano retomamos o costume de plantar unha árbore ao comezo da primavera. Verónica, a directora do Obradoiro de Emprego do Concello e nai de Maia de Infantil, regalounos un concheiro que plantamos na zona verde do cole.

  As rapazas e rapaces do Obradoiro de Emprego Isa, Almudena, Santiago, Jorge, Bruno e Ángel; xunto coa súa monitora Montse estiveron nas pasadas semanas preparando un bancal de cultivo para nós.

  Hoxe, axudáronnos a plantar o concheiro, a colgar casiñas de paxariños nas árbores e a trasladar as plantas de amorodos da horta para o novo bancal.

  Moitas grazas pola vosa colaboración!

 

Distribuir contido