Horto escolar. 14-15


 

Neste curso recuperamos o horto escolar ecolóxico e realizamos a primeira plantación de variedade de verduras: asa de cántara, corazón de boi, ...
Despois dos traballos de limpeza e acondicionamento o alumnado de educación infantil e 1º de primaria realizou o transplantado desde os semilleiros das verduras citadas ao invernadoiro.
Os coidados de mantemento inclúen regar, retirar as malas herbas e os caracois que tanto están desfrutando coa nosa colleita. Os produtos colleitados neste trimestre pretendemos donalos a un comedor social en datas próximas á celebración do Día da Paz. O traballo co horto continuará todo o curso escolar. No segundo trimestre realizaremos semilleiros de hortalizas e no terceiro pasarémolas ao invernadoiro. 

 

Os valores son contidos asociados ao currículo que non están organizados nas distintas áreas curriculares.  Constan razóns legais recollidas en diversos decretos e ordes referidas ao desenvolvemento dos valores “…Potenciarase a transmisión daqueles valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a xustiza, a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica, a non-violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como o desenvolvemento da igualdade de dereitos e oportunidades e o fomento da igualdade entre homes  e mulleres.”
Desde a perspectiva  docente  contemplamos as razóns pedagóxicas, non existe outro xeito de lograr a formación integral da persoa, e as razóns sociais. A sociedade reclama cada vez máis un papel activo da escola na implantación dunha nova orde de valores.
O  marco do programa Voz Natura, cunha finalidade clara de educación medio ambiental, brindounos a oportunidade de reflexionar e traballar acerca de valores como a solidaridade e a convivencia (tan estreitamente relacionados coa competencia social e cidadá).
A colleita do noso horto ecolóxico, froito do traballo de dous trimestres, donámola nun acto emotivo e solidario á Cociña Económica. Estivo presente o alumnado e profesorado que participa no  proxecto.
Celebramos un acto no patio do centro escolar no que fixemos entrega á directora desta institución do froito do noso traballo. Gustosamente compartimolo  coas persoas que, neste momento, tanto o necesitan.