Skip to Content

actividades

INFORMACIÓN DE INTERESE PARA AS FAMILIAS DE EDUCACIÓN INFANTIL

Estimadas familias de Educación Infantil: 

 

Debido á situación que estamos a vivir sumada á xubilación dunha das nosas compañeiras de Educación Infantil, queremos informar que a partires do mércores 29 deste mes, o Departamento de Orientación asumirá a titoría de 4º de Educación Infantil, así como a coordinación e o seguimento de toda a etapa. 

Dentro da aula virtual da web do centro, atoparedes un espacio adicado ao Departamento de Orientación, onde colgaremos recursos destinados á atención de cada un dos niveis desta etapa. 

Semanalmente (cada luns), poderedes acceder á carpeta coas propostas de traballo a realizar que estarán distribuídas por días. Nesta carpeta atoparedes distintas actividades: estimulación da linguaxe, razoamento lóxico, iniciación á lectoescritura, emocións e psicomotricidade. 

Podedes enviarnos fotos das actividades, preguntas, dúbidas ou suxerencias ao seguinte correo electrónico muinhosorienta@gmail.com especificando curso e nome do/a alumno/a. 

Lembramos que dende a Consellería de Educación non se ditaron instrucións para a etapa de Educación Infantil polo que todas as actividades que imos propoñer serán de carácter voluntario.



Atentamente,

O Departamento de Orientación

CEIP Os Muíños

                                                                                 

 

CIMENTOS DA LECTURA EN EDUCACIÓN INFANTIL

Estimadas familias, sabemos da vosa preocupación pola lectoescritura na etapa de Educación Infantil, proceso complexo que non se da nas crianzas ao mesmo tempo. Para axudar nesta tarefa, parécenos moi importante seguir uns pasos previos. No cartel que se adxunta, feito polo Equipo de Orientación Específico Especializado en Dificultades da Aprendizaxe de Granada, explícase a importancia de non empezar a casa polo tellado, de que a evidencia científica demostra que é moi importante traballar os prerrequisitos básicos da lectoescritura para unha correcta adquisición da mesma e non centrarse únicamente nas letras.


Por iso pedimos a vosa colaboración. Na Aula Virtual da web do centro hai acceso aos materiais que estamos elaborando no Departamento de Orientación para axudar ás titorías a que este proceso se adquira sen dificultades.

Para o que precisedes contade con nós. Unha aperta!

Para visualizar o cartel a maior tamaño, prema aquí.

DÍA MUNDIAL DA VOZ

O pasado 16 de abril celebrouse o Día Mundial da Voz. A tal efecto, a mestra de AL preparounos unha serie de recomendacións para coidar a nosa voz. Se queres velas a maior tamaño, preme aquí.

CONCURSO "VALORES E VALÍAS" ORGANIZADO POLA ANPA

 

 

A ANPA "O Facho" organiza un concurso de vídeos e/ou fotografías elaborados polas familias do alumnado, nos que se vexa ós nenos e nenas facendo as tarefas escolares, participando nos labores do fogar, practicando deporte ou o que habitualmente fagan durante o confinamento.

O obxectivo do concurso é educar ó alumnado en igualdade, ademais de formalos como persoas responsables e autosuficientes na súa xusta medida.

 Animádevos a participar! Premede aquí para acceder ás bases do concurso.

BOLETÍNS DE NOTAS 2º AVALIACIÓN

O venres 3 de abril, a partir das 12.00 h publicaranse as notas da 2ª avaliación a través do Espazo Abalar. As familias que dispoñan da aplicación AbalarMóbil, poderán visualizalas. As familias que non dispoñan desta aplicación, poden solicitar o envío do boletín de notas mandando un correo electrónico a ceip.osmuinhos@edu.xunta.gal.

Xa que non temos rexistrados os enderezos electrónicos de todas as familias, agradeceríamos que para identificarse fagan constar o seu nome completo e DNI así como o nome completo do seu fillo ou filla e o curso no que está escolarizado.

2 DE ABRIL: DÍA MUNDIAL DO AUTISMO

Hoxe celebramos o Día Mundial do Autismo. Aínda que o noso colexio está pechado e non podemos facer un acto conxunto con todo o alumnado, desde o Departamento de Orientación convidámosvos a participar activamente para conmemorar este día. Aquí deixamos a nosa proposta:

TRABALLO FEITO POLO ALUMNADO DE INFANTIL DEDICADO Ó HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA DE CEE

As coordinadoras de Infantil e EDL,  coa colaboración do alumnado de Infantil e das súas familias, elaboraron este vídeo con mensaxes de ánimo e agradedemento a todas aquelas persoas que nos están axudando a superar estes momentos complexos. Vai dedicado especialmente ós traballadores e traballadoras do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

AXUDAS ÁS FAMILIAS DE ALUMNADO BENEFICIARIO DE BOLSAS DE COMEDOR ESCOLAR

No DOG (Diario Oficial de Galicia) do 30 de marzo sae publicada a  ORDE do 27 de marzo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de carácter directo ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar nos centros públicos non universitarios xestionados por esta consellería durante a situación de suspensión do servizo de comedor como consecuencia do COVID-19, co levantamento dos prazos de suspensión do procedemento (código de procedemento ED601B).

Poderán solicitar estas axudas as familias con un ou máis fillas/os escolarizados en centros públicos xestionados pola consellería que teñan a condición de comensais gratuítos ou pagadores dun euro nas relacións de comensais correspondentes ao 31 de xaneiro de 2020.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As familias que acrediten dificultades para formalizar a solicitude por medios electrónicos poderán solicitar que o equipo directivo do centro educativo en que se escolarizan as/os súas/seus fillas/os colaboren na formalización da solicitude. Para estes efectos, a partir do martes 31 de marzo poderán contactar co CEIP Os Muíños telefónicamente (881 880 787) de 10.00 a 13.00 h ou enviarnos un correo electrónico a ceip.osmuinhos@edu.xunta.gal. En calquera dos casos, pediránselle unha serie de datos para comprobar a súa identidade.

O prazo de presentación destas solicitudes remata o 6 de abril.

BIBLIOTECA E CLUB DE LECTURA

Un saúdo para todos e todas desde a Biblioteca Escolar e do Club de Lectura.

Aínda que estamos todos na casa, a actividade continúa. Temos varias propostas para vós: concurso de poesía, lecturas recomedadas para estes días... Non deixes de visitar o blog da biblioteca. Tamén dispós desta información na "aula coronavirus".

Moito ánimo! Axiña volveremos a vernos.

RECURSOS PARA ABORDAR O TEMPO DE CONFINAMENTO

Desde o servizo de atención psicolóxica do Centro de Información á Muller do concello de Muxía, pasáronnos estes enlaces que poden ser do seu interese:

-Recomendacións para alumnado e familias nesta situación nova e crítica.

-Caderno de debuxo para traballar cos máis pequenos da casa e recomendacións para abordaxe emocional en familia.

Distribuir contido


by Dr. Radut