Saltar navegación.
Colexio Público de Cariño

RAMIRO XUBÍLASE

00/00/
Array

En realidade, xa está xubilado. Ía dicir que xa non está connosco pero soa demasiado forte porque si está, por sorte para el e para nós. E se fisicamente non anda moi lonxe, no Colexio queda a estela do seu bo facer, da semente que deixou e dos froitos que recollemos. Eu, que tiven a sorte de compartir con el traballo, responsabilidades directivas, proxectos, inquedanzas, ledicias e tristuras sei ben como é Ramiro. Non me cega a paixón da amizade senón o interese por facer algo que é de xustiza: transmitirlle a miña gratitude por todo o que fixo e por todo o que aportou á comunidade educativa en xeral e a min en particular. E para que se vexa que esta sensación non é exclusivamente miña, nada mellor que poñer un fragmento da dedicatoria que nos remite Arturo, outro amigo común e tamén membro comprometido durante varios anos con esta institución.

Ramiro, mestre, amigo, compañeiro. Neses anos que tiven a sorte de poder compartir contigo, puiden comprobar a calidade humana e profesional que atesouras; o teu proceder á hora de impartir docencia, mantendo sempre un gran respecto tanto pola materia como polo alumnado; o teu trato exquisito con todos os que te rodean; a túa capacidade para debater de temas de distinta natureza,  facendo sempre gala dunha gran facilidade para argumentar non exenta dun fino e atinado sentido do humor que che servía en moitas ocasións para rebaixar a tensión do debate; a túa predisposición para a innovación –cantas horas lle tes dedicado á informática cando esta aínda estaba espontando!!!-; a túa eficaz e efectiva labor como xefe de estudos, coma coordinador do Proxecto Abrente, como dinamizador de tantas e tantas actividades no Colexio –o Espigonciño é un bo exemplo diso-. En fin, que máis podo dicir! A túa receptividade, a túa honestidade, o teu saber estar, a túa profesionalidade, a túa discreción, o teu sentido común e o teu compromiso coa educación quedarán como sinal imborrable da túa labor como mestre.

Que disfrutes  durante moitísmo tempo da túa ben gañada xubilación. E que nós sigamos disfrutando da túa tan valiosa amizade.

Unha aperta
           
    Carlos Miranda