Esta semana veu cargada de importantes conmemoracións.
Para comezar, o mércores foi o Día da lingua materna e quixemos adicarllo á lingua galega que cada vez é lingua materna en menos fogares. Para iso o alumnado debía buscar palabras en galego típicas da nosa zona e así poñelas en valor. Logo o EDLG deulle forma a todas elas configurando un mural colaborativo baixo o lema “A mellor forma de conservala é empregala!”. Xa que de nada vale conservar unha lingua sen empregala no día a día.
E para rematar chegou o venres, o gran Día de Rosalía de Castro que xuntos conmemoramos ao longo de toda a semana con diferentes actividades.
Dende o luns tiveron lugar sesións de Polos Creativos para todo o alumnado nas que coñeceron mellor a figura de Rosalía de Castro e construiron un circuito de papel que logo levaron para a casa. Todo isto con material creado polo EDLG e tamén con outro compartido por outra escola da contorna.
O mércores o alumnado de 1ºEP foi o primeiro en ir realizar un Scape Room á biblioteca municipal sobre Rosalía de Castro. A próxima semana continuará asistindo o resto de alumnado de EP.
Ademais, a Educación Infantil chegou o conto “Miña casiña, meu lar” para que todos puideran desfrutar do poema de Rosalía de Castro.
Este poema serviu logo para crear entre todos un mural conmemorativo no corredor principal da escola. O alumnado dende 6ºEI ata 6ºEP debía ler o poema e debuxalo nunha postal que logo foi exposta no corredor baixo o lema “Polo día de Rosalía agasallamos poesía”. Ademais o alumnado de 4º e 5ºEI pintou unhas flores ben bonitas con información que aprenderon sobre Rosalía de Castro.
O venres todo o alumnado puido desfrutar das súas creacións así coma das dos seus compañeiros e compañeiras.
Rematamos o día de Rosalía, 23 de febreiro, comendo un caldiño de Gloria que nos fixeron no comedor e levando para a casa o mantel conmemorativo que nos facilitou a Fundación Rosalía de Castro.
Foi unha semaniña ben completa! Pasámolo xenial e aprendemos moito.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
MURAL DÍA DA LINGUA MATERNA.jpg | 460.14 KB |
MURAL ROSALÍA DE CASTRO.jpg | 218.66 KB |