Lexislación
Román Rodríguez resalta o obxectivo da Xunta de consolidar Galicia como un referente educativo
Summary:
O conselleiro de Educación participa na apertura da xornada ‘Formación para o desenvolvemento da función directiva’
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliñou hoxe na apertura da xornada Formación para o desenvolvemento da función directiva a relevancia dos equipos directivos dos centros como pezas clave para avanzar no mellor sistema educativo posible. “A vosa formación é fundamental, xa que representades axentes estratéxicos para alcanzar os máis altos estándares de calidade educativa”, afirmou o conselleiro.
O representante da Xunta de Galicia destacou tamén os avances postos en marcha neste novo curso académico 2024/2025, centrados na modernización do ensino para facer fronte aos retos futuros. Segundo explicou, a meta da Xunta é consolidar Galicia como unha referencia educativa a nivel estatal e europeo, e para lograr isto, “os directores desempeñades un papel crucial no éxito desta transformación”.
Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, lembrou que a Consellería de Educación, apoiada pola Rede de formación do profesorado de Galicia, está a impulsar diversos itinerarios formativos para reforzar a capacidade de xestión e liderado nas direccións dos centros educativos. Dentro deste marco, a formación dirixida aos membros dos equipos directivos ocupa un lugar central, contribuíndo á mellora continua das súas competencias.
Plan de formación do profesoradoEsta xornada, cunha duración de 150 horas, forma parte do Plan de formación do profesorado da Xunta para este curso, que neste ano académico se incrementa ata as 132.531 prazas e as 6.172 actividades, moitas delas celebradas durante as fins de semana. A Consellería inviste neste plan 11,4 M€ ao longo de todo 2024/25.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalEstudantes de FP de seis centros galegos participan nunha competición nacional de vehículos eléctricos fabricados por eles mesmos
Summary:
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, asisten a esta proba na Estrada, unha das sedes do circuíto Green Power
Compiten centros de Sanxenxo, As Pontes, Viveiro, Ribadavia, Pontevedra e Ribeira, coordinados polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiron hoxe na Estrada á I Carreira Urbana A Estrada-Green Power de vehículos eléctricos na que participan estudantes de FP de seis centros da Comunidade con coches deseñados e fabricados por eles mesmos a través dun proxecto de innovación financiado pola Xunta e coordinado polo Centro Galego de Innovación da FP.
Trátase dos institutos IES de Vilalonga (Sanxenxo), Castro da Uz (As Pontes), María Sarmiento (Viveiro) e O Ribeiro (Ribadavia) e dos centros integrados de FP A Xunqueira (Pontevedra) e Coroso (Ribeira). Xunto con eles tamén participa un equipo da Universidade da Coruña, dous equipos de Cantabria e outro procedente de Asturias.
Os estudantes galegos chegan á cita grazas ao proxecto e-mobilidade STEM na FP, que foi premiado con 27.000€ na última convocatoria de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da FP que impulsa anualmente o Goberno galego. Neste proxecto participan un total de 14 centros de Formación Profesional galega baixo a coordinación do Instituto IES de Ordes.
A cita ofrece aos estudantes a oportunidade de exercer de deseñadores, mecánicos e pilotos. Así mesmo, asumen todas as tarefas de xestión dun equipo de competición, incluídas a administración de contas, márketing, difusión en redes sociais e xestión web.
Habilidades técnicas e espírito emprendedorOs conselleiros destacaron a importancia deste evento como un proxecto de desenvolvemento integral do alumno, que ten que demostrar as súas habilidades técnicas ao tempo que se promove o espírito emprendedor, a creatividade e a conciencia ambiental. Aínda que a familia profesional directamente implicada é a de Automoción, ao tratarse dun proxecto disciplinar, tamén participan o resto das familias e profesorado doutros departamentos como o de debuxo para colaborar no deseño, de carpintaría que nalgúns casos fabricaron pezas para os chasis dos coches, ou de electricidade, entre outros.
O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, axuda aos alumnos participantes a desenvolver o proxecto, mellorando o deseño e a eficiencia dos coches e colaborando coa organización das probas para que os centros poidan testar os vehículos e implementar as melloras necesarias. Non en balde, un dos proxectos de innovación aplicada no que traballa o Eduardo Barreiros é o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a recarga das baterías dos vehículos eléctricos.
A proba que acolle hoxe A Estrada forma parte do circuíto nacional Fórmula 24+, integrado no proxecto educativo GreenPower Iberia, que busca que o alumnado desenvolva competencias profesionais a través da enxeñería e a xestión de proxectos, participando en eventos organizados en diferentes categorías segundo as idades.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta blindará a prohibición do uso dos móbiles e o acordo de mellora do ensino como normas de máximo rango na Lei de medidas fiscais e administrativas
Summary:
O titular de Educación reúnese coas organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino, a quen agradece a súa contribución á mellora progresiva do ensino este curso e reafirma o “absoluto compromiso” con esas medidas pioneiras a nivel estatal “reforzando” o seu cumprimento e dándolle “o maior respaldo xurídico”
Avánzalles que o Orzamento da Consellería para 2025 superará por primeira vez os 3.000 M€, cun incremento de 90 M€ no investimento en profesorado co fin de avanzar nas melloras de rateos, atención á diversidade e ao rural introducidas no acordo
Fai un balance moi positivo do acordo, pois Galicia conta hoxe con máis profesores e máis aulas que hai un ano, a pesares de ter menos alumnos no sistema
Idioma GallegoA Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional blindará a prohibición do uso dos teléfonos móbiles nos centros educativos e o acordo de mellora do ensino como normas de máximo rango para garantir o seu total cumprimento a darlles o maior respaldo xurídico. Farao a través da Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025.
Así llo trasladou esta mañá o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aos representantes das organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino, con quen hai un ano a Xunta asinou un acordo histórico de mellora do sistema educativo inédito en España. Ademais de agradecerlles a súa contribución, responsabilidade e altura de miras para acadar esta mellora, expresoulles o “compromiso absoluto” da aplicación das accións en marcha “conferíndolle o maior respaldo xurídico posible” ao convertelas en lei.
Román Rodríguez avanzoulles, ademais, as contas do seu departamento para 2025, reflectidas nos Orzamentos aprobados onte pola Xunta. A Consellería que dirixe medra ata superar por primeira vez os 3.000 M€, cun especial énfase na aposta polo profesorado. De feito, o capítulo 1, centrado nos recursos humanos, é o que experimenta unha suba máis destacada, con 90 M€ máis, especialmente no que atinxe a fondos propios. Este incremento, como dixo, permitirá avanzar progresivamente nas medidas iniciadas este curso, con melloras nas rateos, na atención á diversidade e no rural, entre outros.
No que atinxe á prohibición dos teléfonos móbiles nos recintos escolares, que opera desde o curso pasado a través dunha instrución remitida aos centros, o resultado da medida avalíase como moi satisfactorio en xeral entre a comunidade educativa, con boa repercusión na convivencia escolar. Non obstante, para garantir aos centros o máximo soporte xurídico na súa aplicación e ofrecer todas as certezas aos equipos directivos, vaise modificar o decreto 8/2015, de convivencia, a través da Lei de medidas para reforzalo.
Melloras estruturais pioneiras blindadasPola súa banda, terá rango de lei o acordo de mellora do ensino asinado en outubro de 2023 cos tres sindicatos asistentes á xuntanza de hoxe, e que xa se vén aplicando desde o 1 de xaneiro deste ano. O motivo disto é, tal e como recalcou Román Rodríguez, “blindar e clarificar” a súa implementación progresiva, tal e como se prevé, ao tempo que evidenciar “o compromiso total” co “cumprimento de todas e cada unha” da batería de medidas “de tal calado que supoñen unha transformación sen precedentes do noso sistema educativo a curto, medio e longo prazo, a maior realizada en 30 anos”.
Así pois, dita lei vai incorporar o texto do acordo de melloras que xa arrancaron este curso como a redución da rateo por aula, a atención á diversidade, a carreira profesional docente e cuestións de carácter burocrático. Isto, no balance exposto polo conselleiro, fai que hoxe o ensino galego teña máis profesores e máis que hai un ano, a pesares de ter menos alumnos no sistema. Como afirmou, isto non sería posible sen o acordo de mellora, que fixo ascender a cifra de profesorado ata os 31.603, un récord histórico en Galicia.
Calendario de mellora curso a cursoO texto inclúe o calendario de implantación progresiva do acordo no que atinxe á baixada de rateos a 20 alumnos por aula que xa se iniciou este ano en 4º de Educación Infantil e que se irá implementando curso a curso nos sucesivos anos. Igualmente, queda blindada por lei a ponderación do alumnado con necesidades a efectos de rateos por aula iniciada para toda a etapa de Infantil e Primaria e que é unha das claves de bóveda do acordo para consolidar unha mellor integración e atención escolar a estes alumnos.
Outro dos puntos destacados que tamén se recollerá na Lei de medidas é o calendario de implantación dos agrupamentos de aulas no rural, iniciado xa este curso para todos os niveis da etapa de Infantil cun máximo de 14 alumnos, cando ata o momento estaba fixado en 18 alumnos. Neste senso, o vindeiro curso 25/26 darase un importante novo paso ao reducir a un máximo de 10 alumnos por aula cando se trate de combinación de aulas de Infantil e de Primaria, así como a extensión dos 14 alumnos agrupados na combinación de 1º e 2º de Primaria. O resto de cursos continuarán completándose nos seguintes anos, ata abranguer a totalidade do acordo de 2009. Daquela, diversas situacións impediron levar á práctica este acordo. Isto non sucederá agora dado que queda blindado por lei.
O conselleiro de Educación explicou que todas estas medidas, que xa estaban recollidas no acordo de melloras e que agora a Xunta blinda a través desta lei, “é a proba irrefutable de que xa non teñen marcha atrás”. “Este curso emprendemos un cambio propio en Galicia e esta transformación irase afianzando ano a ano, con compromiso e con seguridade, a prol dun sistema educativo de calidade, moderno e integrador”, abondou.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez sinala o novo Cesga como “o mellor exemplo da Galicia futura” reflectida nos orzamentos da consellería, que medran ata superar os 3.000 M€
Summary:
Avanza que o Consello da Xunta aprobará o luns a licitación das obras do novo edificio do Centro de Supercomputación, que estará listo en xuño de 2026
O Goberno galego vai crear, a través da Lei de medidas, a figura de proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública e o Cesga será o primeiro en solicitar a súa declaración para axilizar ao máximo os trámites e prazos
O conselleiro salienta os investimentos do seu departamento na cidade, con 12 M€ para construír a nova Facultade de Farmacia e 17 M€ para centros de investigación
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a parcela na que se construirá a nova sede do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) por valor de máis de 12M€ e no que se albergarán novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas. O representante da Xunta definiu este proxecto como “o mellor exemplo da Galicia futura”, que é posible grazas á acción dun Goberno estable, que aprobará os seus Orzamentos de 2025 en tempo e forma co obxectivo de poder desenvolver as políticas públicas previstas.
O titular de Educación e Ciencia do Goberno galego elixiu Santiago como cidade para realizar unha primeira valoración dos Orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que medrarán ata superar por primeira vez os 3.000 M€, o que se traduce en máis fondos a disposición do ensino e do I+D+i da nosa Comunidade, que ten en Compostela un dos seus referentes.
Acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e do director do Cesga, Lois Orosa, o conselleiro avanzou que o vindeiro luns o Consello da Xunta aprobará a construción do novo edificio do Cesga, unha entidade cuxa titularidade é compartida entre a Xunta de Galicia e o CSIC. A súa delegada en Galicia, Carmen González, estivo tamén presente no acto de presentación. En conxunto, o novo Cesga superará os 56 M€, a través de fondos propios da Xunta e fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia. Para a edificación, resérvanse máis de 12 M€.
Así mesmo, o conselleiro anunciou que a Xunta, a través da Lei de medidas fiscais e administrativas, vai crear a figura de proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública. O Cesga será o primeiro en solicitar esta declaración, co fin de facilitar ao máximo os trámites e prazos para levalo a cabo antes de xuño do ano 2026.
Requirimentos da parcelaLocalizada no polígono da Sionlla, a parcela na que se levantará o edificio conta cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e cumpre todos os requirimentos imprescindibles para desenvolver un proxecto desta complexidade técnica, así como todos os requisito urbanísticos que garanten a axilidade na construción, pois o edificio debe estar rematado no período previsto para a xustificación dos fondos europeos que Galicia ven de recibir. Terá unha superficie construída de 2.500 metros cadrados.
Román Rodríguez salientou que o novo Cesga é “un dos proxectos estrela da Consellería nesta lexislatura”, cun edificio moderno que vai acoller novas estruturas de supercomputación, con máis capacidade, “buscando estar á vangarda en Europa, para dar servizo tanto aos nosos científicos como ás nosas empresas”.
Neste senso, lembrou que dos 56 M€ totais, 12 M€ dedícanse á construción, mentres que 18,6 M€ serán para o Finisterrae IV, o futuro supercomputador que cubrirá tamén necesidades vinculadas á intelixencia artificial; 18 M€ para o desenvolvemento de novas capacidades que impulsen o ecosistema de computación cuántica en Galicia, e 7,8 M€ para o incremento da capacidade de almacenamento de datos de gran valor engadido.
Máis investimentos na capital galegaA construción do novo edificio do Cesga e a dotación de novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas é unha das grandes actuacións que iniciará en 2025 a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na cidade de Santiago de Compostela. Non é a única, pois a esta súmanselle a construción da nova Facultade de Farmacia, o apoio aos centros de investigación e a reforma e modernización dos centros educativos.
No caso concreto da Facultade de Farmacia, a Consellería vai apoiar con 12 M€ ata 2026 á Universidade de Santiago para construír as instalacións. A propia USC será tamén beneficiaria de boa parte dos 17 M€ para centros de investigación. En concreto, entre 2024 e 2027 recibirán 2,8 M€ o CIMUS, Centro de Investigación en Medicina Molecular; 3 M€ o CIQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares; 2,4 M€ o CITIUS, Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes; 3 M€ o IGFAE, Instituto Galego de Física de Altas Enerxías compartido entre a USC e a Xunta, e 1,6 M€ o CRETUS, Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais.
Ademais, a Xunta apoia a creación dun novo centro de investigación empresarial, de Mestrelab, que abrirá moi pronto as súas portas. Especializado en software científico para os sectores farmacéutico e biotecnolóxico, está a recibir 4,2 M€ da Xunta. A última partida deste montante está incluída precisamente nos Orzamentos de 2025.
Finalmente, Román Rodríguez lembrou que no período 2021-2024, a Xunta investiu 5,5 M€ na reforma, ampliación e modernización de 13 centros educativos en Santiago a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Agora, avanzou unha segunda fase na que se superarán os 6 M€. A coñecida ampliación do Instituto IES Eduardo Pondal, que vai comezar cun investimento de 3 M€, sumaranse a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (2 M€), a renovación das cuberta e dotación dun ascensor do IES Rosalía de Castro (500.000 €), a renovación da cuberta do IES Pontepedriña (375.000 €) ou distintas melloras no Centro Integrado de FP Politécnico, por máis de 350.000€.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez salienta a modernización das universidades galegas na inauguración do IV Simposio Internacional Aprendizaxe-Servizo Universidade
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do IV Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo Universidade, un evento que promove o coñecemento de novas metodoloxías de ensino como unha vía para a innovación educativa na Universidade. O titular de Educación destacou que Galicia é pioneira neste eido, xa que foi precursora no modelo de graos e másteres duais, que combinan as aulas co traballo directamente conectado coa sociedade.
A xornada, que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación, inclúe conferencias e mesas sectoriais coa implicación das tres universidades públicas galegas e a participación de expertos de universidades nacionais e internacionais, como Harvard University, Università di Verona, University of Galway e Universidade do Porto. Román Rodríguez subliñou que a Xunta aposta por unha oferta académica diversificada, innovadora e adaptada aos novos retos profesionais. Tamén agradeceu á Universidade de Santiago de Compostela por organizar este evento que busca pechar a fenda entre o coñecemento académico e o mundo real, xerando sinerxías que benefician á sociedade no seu conxunto.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta inaugura as obras de mellora do Colexio Vicente Arias de la Maza, en Lalín, cun investimento de medio millón de euros
Summary:
O conselleiro de Educación pon en valor a importancia desta actuación para mellorar o día a día da comunidade escolar e para mellorar a eficiencia enerxética do centro
Co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica investíronse 2,8M€ nos centros de Lalín e está xa comprometida a ampliación do Instituto IES Ramón Mª Aller Ulloa
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras do Colexio CEIP Vicente Arias de la Maza, en Lalín. Cun orzamento de 537.000€, a actuación que supuxo o cambio de cubertas do centro e a renovación de fiestras e portas, entre outras melloras.
O titular de Educación do Goberno galego puxo en valor a importancia desta actuación “no día a día da comunidade educativa, dado que vai supoñer un maio confort térmico para todos os usuarios do colexio”, explicou. Así mesmo, sinalou que este tipo de intervencións “melloran de xeito moi significativo a eficiencia enerxética dos centros, un dos principais obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a renovación dos edificios educativos”, dixo.
A intervención no colexio de Vilatuxe abrangue a substitución das cubertas dos dous edificios docentes do colexio e da pista cuberta. Nesta última tamén se procedeu ao revestimento interior do polideportivo, cunha chapa de aceiro. Ademais, renováronse un total de 46 ventás e fiestras, o equivalente a 121 metros cadrados, nos edificios educativos e nos vestiarios da pista deportiva. As novas carpinterías son de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre con cámara de aire intermedia.
Román Rodríguez destacou que esta obra vén completar un investimento de máis de 2,8M€ en melloras nos centros educativos lalinenses ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, entre as que destaca a construción da nova central de biomasa do Colexio CEIP Xesús Golmar (máis de 1M€), a rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga (660.000€) ou a renovación de fiestras e cuberta do CEIP Plurilingüe Varela Buxán (356.000€). Ademais, lembrou que xa está comprometida a obra de ampliación do Instituto IES Ramón María Aller ulloa, cun importe estimado de 2,5M€, co obxectivo de reforzar a oferta de FP que existe xa no Deza e facilitar a implantación de novos ciclos.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta subliña o potencial do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, ao que destina 6 M€ para a súa actividade científica
Summary:
O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación visitan este centro da Universidade de Vigo, que é un dos máis excelentes de Galicia
Idioma GallegoA Xunta de Galicia destaca o potencial científico do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina CINBIO, da Universidade de Vigo, que forma parte da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, que aglutina os axentes investigadores máis punteiros que operan nas universidades galegas.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron esta mañá o centro para coñecer de primeira man as principais liñas de investigación que está liderando así como para explicar o apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que se materializa nunha inxección de preto de 6M€ nos últimos anos.
Esta visita forma parte da rolda de encontros que os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP están realizando aos centros de investigación universitaria e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as necesidades no eido do I+D+i buscando posibles colaboracións e sinerxías logo da nova estrutura do Goberno galego.
Na área dos nanomateriais, a axenda científica do CINBIO concéntrase no estudo da aplicación de propiedades ópticas, catalíticas, magnéticas, térmicas e de transporte en diferentes nanomateriais e sistemas. No eido da biomedicina, as liñas prioritarias de investigación inclúen o estudo de biomarcadores, terapias avanzadas e as bases moleculares das enfermidades, co obxectivo de deseñar novas terapias e tratamentos que aproveiten o potencial da nanotecnoloxía.
171 investigadoresActualmente o CINBIO conta con 171 investigadores, entre os que destaca a incorporación do profesor Luis M. Liz Marzan, un referente internacional neste eido, así como a captación de tres investigadores posdoutorais con alto potencial procedente de ETH Zúrich. A traxectoria excelente deste centro queda reflectida tamén nas más de 600 publicacións levadas a cabo no período 2020-23, o 58% delas en coautoría internacional, ou os 16,5M€ captados en proxectos competitivos internacionais nese mesmo período.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta pon a disposición do alumnado a ‘Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais’
Summary:
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia fan fincapé na necesidade de que os rapaces conten coas ferramentas necesarias para o uso responsable da tecnoloxía
Idioma GallegoA Xunta de Galicia vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais, un documento que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, a pegada dixital, os seus efectos e os riscos que implica.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participaron esta mañá no instituto IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela na presentación desta guía que se enmarca dentro do programa Pegada Dixital, unha das accións da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 para unha convivencia dixital responsable.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a necesidade de “ofrecer aos alumnos información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsable, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción”. Con esta guía trátase, por tanto, de axudar aos rapaces a que fagan un uso proveitoso das tecnoloxías e que xestionen con seguridade os seus perfís nas redes sociais.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que unha das prioridades da Xunta “é poñer á disposición da comunidade educativa todas as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles” e con ese propósito puxéronse en marcha iniciativas como Abalar ou E-Dixgal. Un proceso de dixitalización que vai acompañado de formación e concienciación no uso adecuado da tecnoloxía como “esta guía que forma parte do programa de 250 obradoiros sobre Pegada dixital e uso seguro das redes sociais, que desenvolvemos en centros educativos desde hai dous cursos”.
A guía conta con apartados específicos sobre pegada dixital, redes sociais e dispositivos móbiles. No primeiro dos apartados aborda como se constrúe a pegada dixital, os riscos dunha pegada negativa e pautas para construír unha pegada positiva.
No apartado das redes sociais faise fincapé no poder dos datos persoais e danse pautas para protexerse nas redes así como para a configuración de privacidade e de seguridade, ao igual que para o caso dos dispositivos móbiles.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta reforza o plantel de profesorado en case 300 centros a través do programa PROA+
Summary:
Publícase a resolución provisional do programa, cuxos docentes se incorporarán ás aulas nos vindeiros días, cumprindo o calendario previsto no marco do Plan MEGA
Mañá ábrese o prazo de presentación de solicitudes da terceira medida do plan, o programa de Centros Referentes, dotado con 2M€
A mesa sectorial analiza hoxe a proposta da Consellería de Educación para reforzar a Inspección Educativa
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES de Cacheiras (Teo), onde anunciou que a Xunta vai reforzar o plantel de profesorado en case 300 centros a través do programa PROA+, a segunda das medidas do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia.
O departamento educativo do Goberno galego vén de publicar a resolución provisional deste programa, segundo o cal 298 centros terán este reforzo docente. Deles, 97 son centros da provincia da Coruña, 42 da de Lugo, 53 da de Ourense e 106 da de Pontevedra. Un dos centros beneficiarios desta segunda medida do Plan MEGA é, precisamente, o IES de Cacheiras que, ao igual ca o resto dos seleccionados, recibirá o novo profesor nos vindeiros días.
Tal e como explicou o conselleiro, “con esta nova incorporación de profesorado seguimos cumprindo co calendario previsto para este plan, que comezou coa incorporación en setembro dos primeiros docentes de reforzo, vencellados ao primeiro programa, o Promociona”, afirmou.
Rede de centros referentesRomán Rodríguez salientou que hoxe tamén se publica a convocatoria do programa de referentes, que ten como finalidade crear unha rede de centros educativos que destaquen en materia de inclusión e innovación educativa e supoñan un exemplo de boas prácticas para o conxunto da comunidade educativa e, especialmente, para que poidan influír positivamente noutros centros similares.
Os centros que desexen sumarse a este terceiro programa do Plan MEGA poderán solicitalo desde mañá ata o 13 de novembro. Poderán facelo en dúas modalidades diferentes, unha centrada nos proxectos de inclusión educativa e outra nos de innovación.
Poderán participar neste programa os centros públicos que impartan ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria. Deberán elaborar un proxecto educativo centrado nalgunha das oito áreas de mellora ou ámbitos presentados na convocatoria: igualdade, convivencia, inclusión, benestar emocional, competencia matemática, competencia lectora, internacionalización e sostibilidade. Os detalles de cada área de mellora poden consultarse no Portal Educativo.
Os centros seleccionados desenvolverán o seu proxecto ao longo do curso 2024/25, para o que contarán co apoio específico do departamento educativo da Xunta a través de asesoramento, formación específica e difusión de boas prácticas. Asemade, darase aos centros dunha asignación extraordinaria para o desenvolvemento dos proxectos, para o que a convocatoria está dotada cun orzamento de ata 2M€.
Iniciativas innovadoras en TeoNo transcurso da visita ao IES de Cacheiras, o conselleiro puido coñecer de primeira man varias das iniciativas innovadoras desenvolvidas por este centro. Así mesmo, houbo demostracións dos clubs de lectura, de ciencia, de debate e oratoria e de teatro e tamén se presentaron os proxectos de voluntariado, así como as diferentes iniciativas que o centro desenvolve en prol da igualdade e da inclusión educativa, entre outros.
Reforzo da Inspección EducativaPor outra banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP levou hoxe á Mesa Sectorial a proposta para reforzar a Inspección Educativa e, en concreto, para cubrir de forma provisional as vacantes existentes neste corpo, ben sexa porque os titulares das prazas se atopan en situación de prestación de servizos especiais ou outras circunstancias excepcionais, ben por causa de xubilación.
Estas prazas cubriranse de forma provisional a través dunha proba de coñecementos. En calquera caso, será necesario que os aspirantes sexan funcionarios de carreira do corpo docente cunha antigüidade mínima de oito anos.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta eleva a case 20 M€ o orzamento do Plan reforza da investigación universitaria coa dotación de 12 tecnólogos máis para apoiar o labor científico
Summary:
Rueda salienta que a medida se enmarca na aposta da Xunta por consolidar un sistema de I+D “forte e competitivo”
O Consello autoriza inxectar case 1 M€ máis ás tres universidades públicas para cubrir novas necesidades de soporte á actividade investigadora
Os campus xa contrataron 132 destes profesionais o ano pasado ao abeiro deste plan, un 20 % máis do inicialmente previsto
Trátase de especialistas en xestión de proxectos de I+D+i en prol dun mellor funcionamento do sistema e de maior transferencia á sociedade
O presidente lembra que antes de finais de ano estará en marcha o Plan galego de investigación e innovación e que, ao longo da lexislatura, se creará a Fundación para o impulso da ciencia
Idioma GallegoO presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou “elevar ata os 20 millóns de euros” o orzamento inicial do Plan reforza da investigación universitaria -posto en marcha o curso pasado- para que “os campus contraten a 12 tecnólogos máis que lles apoien” na súa actividade científica.
Unha medida que se enmarca, segundo explicou, na aposta da Xunta por consolidar un sistema de investigación “forte e competitivo” e que se traduce en novas iniciativas coma “o Plan galego de investigación e innovación” que estará en marcha antes de que remate o ano ou “a futura Fundación para o impulso da ciencia” que se creará ao longo da lexislatura.
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dunha addenda ao convenio coas tres universidades galegas a través do cal se puxo en marcha esta iniciativa o ano pasado. Este novo acordo, por importe de case 1M €, permitirá contratar 12 tecnólogos máis para apoiar a actividade investigadora.
Serán catro profesionais para cada unha destas institucións académicas, que se suman aos 132 xa contratados polas universidades o ano pasado ao abeiro deste plan, un 20% máis do inicialmente previsto. Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela conta xa con 58 tecnólogos contratados ao abeiro do Plan reforza, a Universidade de Vigo, 40, e a da Coruña, 34.
A nova ampliación supón dar un paso máis na aposta do Goberno galego por un sistema de investigación universitario forte e competitivo con apoio estrutural e estable no referido ás estruturas de investigación.
O Plan reforza da investigación universitaria ten un orzamento de 19,7M € para o período 2023-2026 e establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.
Transferencia á sociedadeO apoio económico da Xunta materialízase en fondos para que as tres universidades públicas galegas contraten tecnólogos especializados en materia de I+D+i co obxectivo de dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial.
Trátase de profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como a xestión de proxectos internacionais, a negociación cos sectores produtivos, a protección da propiedade intelectual, a posta en valor de resultados de investigación, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas ou a xestión de recursos humanos e de comunicación, entre outros.
Os tecnólogos actúan de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferenzas culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Isto é, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta destaca as medidas para potenciar a carreira investigadora no Campus Terra
Summary:
O secretario xeral de Universidades pon en valor o investimento de case máis de 8,8M€ na estratexia de especialización deste campus
Idioma GallegoO secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou hoxe en Lugo na inauguración do I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra: Raíces do Coñecemento. Alí, destacou que a Xunta ten en marcha medidas concretas para potenciar a carreira investigadora progresiva e estable neste campus.
Entre elas, sinalou os contratos predoutorais e postdoutorais, así como as puntuacións específicas na baremación nas convocatorias anuais de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia para os campus non centrais.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o investimento do Goberno galego, máis de 8,8M€, na estratexia de especialización deste campus, o segundo campus galego en acadar a acreditación que o recoñece como especializado. “O Campus Terra ten como obxectivo converterse nun referente científico e social nos ámbitos do coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra. Supón, polo tanto, unha gran oportunidade para a provincia de Lugo”, afirmou.
O I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra vai dirixido a estudantes e novos investigadores co obxectivo de crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora, do que poidan xurdir diversas colaboracións.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta promoverá en 97 centros de secundaria de toda Galicia charlas a prol da elección de profesión sen deixarse limitar por prexuízos de xénero
Summary:
Trátase dos beneficiarios da 3ª edición do programa Que non te líen, ti elixes, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Do total de centros, 33 pertencen á provincia da Coruña, 32 á de Pontevedra, 22 á de Lugo e 10 á provincia de Ourense
O obxectivo é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa
Idioma GallegoA Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria da 3ª edición do programa Que non te líen, ti elixes, a primeira deste curso 2024-2025. Así, no marco da iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un total de 97 centros de secundaria de toda a Comunidade acollerán charlas a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.
En concreto, 33 dos beneficiarios pertencen á provincia da Coruña, 32 á de Pontevedra, 22 á de Lugo e 10 á provincia de Ourense. Todos son centros educativos galegos sostidos con fondos públicos onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO. A finalidade do programa no que participarán é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Así, nesta nova andaina do programa Que non te líen, ti elixes, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que soen estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.
Balance das edicións anterioresA resolución da 3ª edición da iniciativa mellora os datos acadados nas anteriores. Así, na estrea do programa percorréronse uns 75 centros de ensinanza que estaban -polo xeral- situados preto de institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados, cun total superior ás 140 charlas. Mentres, na segunda edición foron case 90 os centros onde se desenvolveron case 200 accións. En total, beneficiáronse nestes casos case 11.000 alumnos.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez agradece á CIUG o traballo desenvolto nos últimos meses que converte a Galicia na primeira comunidade do Estado en ter publicados os modelos de proba de acceso á universidade
Summary:
Subliña que Galicia ten os deberes feitos desde agosto coa presentación dos modelos de exame “en tempo, prazo e forma”, o que dá certezas aos profesores e aos alumnos
Gaba que a proposta dunha proba común que garanta a igualdade de oportunidades se abra paso no resto dos territorios, cun acordo entre 12 CCAA que aglutinan o 70% do alumnado e apoiado pola Conferencia de Reitores
Destaca a importancia de, “sempre desde o marco legal”, acadar “sinerxías e converxencias” en canto ás datas, contidos, estrutura e criterios de avaliación
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá cos representantes da Comisión Interuniversitaria (CIUG), para avaliar o desenvolvemento da Proba de Acceso á Universidade (PAU) que estrea formato en 2025, fixada para os días 3, 4 e 5 de xuño.
O titular de Educación do Goberno galego gabou “o intenso traballo” desenvolvido pola CIUG nos últimos meses, o que posibilitou que Galicia sexa a única comunidade autónoma que xa coñeza desde o pasado verán os modelos e a estrutura.
“En Galicia temos os deberes feitos desde agosto coa publicación dos modelos en prazo, tempo e forma”, explicou o conselleiro logo da xuntanza na que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e na que participaron como representantes da CIUG María Teresa Flores pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedro Armas pola da Coruña e Iván Area pola de Vigo.
Así pois, o traballo realizado ata o momento permite aos docentes e aos estudantes abordar o curso de 2º de Bacharelato desde o principio coas normas claras no que atinxe aos contidos académicos e poder presentarse con tranquilidade á PAU.
Román Rodríguez expresou que a liña aberta por Galicia é un traballo recoñecido a nivel estatal ata o punto de que foi compartida por outras comunidades autónomas e mesmo avalado pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), polo que a proposta dunha proba común que garanta a igualdade de oportunidades entre todos os estudantes independentemente de onde vivan estase abrindo camiño no resto dos territorios pese á inoperancia do Ministerio neste asunto.
Coordinación e sinerxíasNeste senso, explicou que o reto é, sempre dentro do marco legal, “buscar sinerxías e converxencias” cunha proba “o máis homoxénea posible” en canto a datas, contidos, estrutura dos exames e criterios de avaliación, que permita acabar coas desigualdades que se estaban dando ata o momento nun sistema que funciona como distrito universitario único “pero con 17 portas de entrada diferentes”.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia leva meses coordinándose coas tres universidades públicas galegas, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia, e con outras 11 comunidades que gobernan en conxunto para o 70% do alumnado para establecer un sistema o máis homoxéneo posible, un traballo que lle correspondería ao Goberno do Estado.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta e a Asociación de Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia colaboran para impulsar a acreditación de competencias neste eido
Summary:
A directora xeral de FP reúnese con este colectivo no Centro Integrado de FP A Xunqueira, en Pontevedra, un dos centros de referencia de acreditación nesta materia xunto co CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña
Case 150 profesionais deste sector beneficiáronse xa da acreditación de competencias, unha vía pola cal un traballador pode certificar as habilitades e coñecementos específicos dun campo profesional, o que lle abre vías no mercado laboral
Idioma GallegoO Goberno galego, en colaboración coa Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD Galicia), traballa para impulsar a acreditación de competencias profesionais neste eido, unha vía administrativa pola cal un traballador pode certificar as súas habilidades e coñecementos específicos dun campo profesional específico, o que lle abre vías no mercado laboral.
A directora xera de FP, Eugenia Pérez, e a devandita entidade reuníronse no Centro Integrado de FP CIFP A Xunqueira, de Pontevedra, para facer un seguimento do proceso de acreditación de competencias neste campo e darlle un novo impulso a este procedemento ao abeiro do Plan FPGal360.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que, a través deste plan, a Xunta ten como obxectivo potenciar a capacitación profesional da poboación en xeral e a vía da acreditación de competencias é unha delas. “O reto que nos marcamos é reducir o abandono escolar, mellorar a inserción laboral e incentivar a formación daquelas persoas que no seu momento saíron do sistema educativo”, abondou Eugenia Pérez. Así mesmo, gabou a importancia da colaboración con este tipo de entidades e colectivos xa que permite “un resultado máis óptimo do proceso ao acadar un maior número de persoas acreditadas”.
Ao proceso de acreditación de competencias poden apuntarse os candidatos que reúnan unha serie de requisitos mínimos en canto a número de horas traballadas e/ou cursadas en formación non formal e a superación do mesmo permite aos traballadores a adquisición de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións profesionais. Así pois, esta vía demostra que un profesional non só posúe certas habilidades, senón que as demostrou ante a Administración. Isto repercute de xeito positivo no mundo laboral xa que permite ao acreditado mellorar as súas condicións, unha mellor adaptación aos cambios do mercado ou un recoñecemento internacional das súas competencias profesionais.
Centros referentesO CIFP A Xunqueira de Pontevedra xunto co Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña son referentes en Galicia en canto a certificación no eido de arquivos e bibliotecas. Desde que o pasado ano se iniciou a colaboración con esta asociación, 145 persoas puideron certificar un total de 676 unidades de competencia. No CIFP A Xunqueira fixérono 50 persoas con 240 unidades acreditadas mentres que no Ánxel Casal-Monte Alto foron 95 persoas e 436 unidades.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta mellora a confortabilidade do colexio da Lama, en Pontevedra, coa impermeabilización da fachada e o cambio de ventás da zona da biblioteca
Summary:
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visita o centro, onde o Goberno galego vén de investir 60.000€
Idioma GallegoO director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez, visitou o colexio CEIP A Lama, en Pontevedra, para supervisar o remate das obras de mellora da confortabilidade do colexio, onde o Goberno galego vén de investir 60.000 euros.
A intervención, enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, consistiu na impemeabilización da fachada e o cambio de ventás da zona da biblioteca escolar, que acolle tamén o Polo Creativo do centro. Isto permitirá evitar filtracións e, ao mesmo tempo, mellorar o confort deste espazo que é un dos máis activos do colexio desde o punto de vista académico.
Cómpre lembrar que, desde principios do ano pasado, o centro conta cun espazo renovado de biblioteca escolar máis amplo e mellor equipado grazas ao apoio da Xunta que, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, investiu un total de 55.000€ na obra de remodelación e mellora que levou aparellado o reforzo do equipamento e mobiliario e adquisición de novos fondos bibliográficos.
Ademais de salientar o compromiso do Goberno galego na aposta polo ensino no rural con infraestruturas modernas, confortables e totalmente equipadas, o director xeral gabou o “dinamismo” da biblioteca escolar deste centro que desde o curso 2009-10 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRueda destaca o papel da mocidade na preservación do Camiño de Santiago e da cultura galega
Summary:
Resalta que Galicia bateu a principios de outubro o récord total anual de peregrinos que visitaron Santiago, superando as 446.100 compostelas de 2023
Idioma GallegoO presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel da mocidade á hora de preservar e divulgar o Camiño de Santiago como un elemento fundamental da cultura de Galicia: “Mentres a xente nova, os que estades aquí e tantos colexios en toda Galicia, vivades o Camiño, o Camiño ten futuro. Teño aquí diante o futuro de Galicia”, resaltou.
Durante a entrega dos premios ‘Escola no Camiño’, organizados por Faro de Vigo e La Opinión A Coruña e El Correo Gallego xunto a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades de FP, salientou que este tipo de iniciativas permiten que os escolares descubran as rutas xacobeas e reflexionen sobre o significado dun Camiño milenario que desde hai séculos permite unir culturas e promover a convivencia entre pobos: “A través do Camiño de Santiago apréndese todo”, apuntou o presidente.
Rueda resaltou que Galicia bateu a principios de mes o récord total anual de peregrinos, ao superar as 446.100 compostelas de 2023, con case dous meses do ano aínda por diante: “Iso é unha cousa que vai a máis porque os que veñen de fóra se dan conta de como queremos aquí o Camiño”, destacou.
Nesta terceira edición de ‘Escola no Camiño’ participaron 70 centros de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato das provincias da Coruña e Pontevedra e que máis de 2.000 alumnos presentaron os seus traballos na categoría de Debuxo e máis de 300 en Literatura e Audiovisual.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalO conselleiro de Ciencia confía en que o encontro internacional de computación cuántica teña retorno en Galicia con novos proxectos e investimentos
Summary:
Román Rodríguez clausura a cita organizada por Fujitsu con 300 profesionais de 13 países e destaca a aposta da Xunta por esta tecnoloxía a través do CESGA
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, clausurou esta tarde o encontro International Quantum Business Conference, unha cita que reúne esta semana en Santiago a 300 profesionais de 13 países especializados nas tecnoloxías cuánticas. Nela amosouse confiado en que a súa celebración na nosa Comunidade teña retorno con novos proxectos e investimentos que nos permitan seguir avanzando neste eido.
O responsable de Ciencia da Xunta destacou o potencial destas tecnoloxías que permitirán avanzar na resolución de problemas complexos que os computadores tradicionais non son capaces; acelerar o desenvolvemento doutras tecnoloxías; mellorar a competitividade dos distintos sectores, e contribuír ao benestar social.
Apuntou, así mesmo, que Galicia vén apostando decididamente por este campo nos últimos anos para situarse como un referente nestas tecnoloxías e, así, impulsar a ciencia, atraer talento e xerar novas oportunidades para a industria, no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. De feito, sinalou o noso carácter pioneiro con infraestruturas como o QMIO, o computador cuántico do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o máis potente do Sur de Europa instalado nunha institución pública.
Por último, Román Rodríguez lembrou que para avanzar nas tecnoloxías cuánticas resulta clave a colaboración constante entre todos os axentes especializados co fin de aproveitar ao máximo as súas capacidades. Para reforzar estas conexións, Galicia ten constituído unha Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, formada polos distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i, co obxectivo de deseñar unha folla de ruta común que impulse a industria e o capital humano.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta amosa ao Goberno central os resultados do modelo de éxito da FP galega logo de 15 anos de aposta continua
Summary:
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, exerce de anfitrión na visita da ministra de Vivenda ao Centro Integrado de Formación Profesional Someso, na Coruña
Idioma GallegoA Xunta amosou hoxe ao Goberno central os resultados do modelo de éxito da FP galega logo de 15 anos de traballo e aposta continúa por estas ensinanzas. Foi no Centro Integrado de Formación Profesional CIFP Someso, na Coruña, onde o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, exerceu de anfitrión coa ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, que quixo coñecer este centro durante unha viaxe institucional á cidade este xoves. Ao acto tamén acudiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Diego Calvo agradeceu o interese do Executivo central polo bo traballo de Galicia nesta materia, subliñou “a aposta do Goberno galego pola Formación Profesional e a atención ás necesidades das empresas desde estas ensinanzas, impulsando a formación dual, na que somos pioneiros en España”. Sinalou que, froito do impulso da Xunta a estas ensinanzas desde 2009, este ano acádase o récord de matriculación, con de 68.823 alumnos. “Duplicamos os matriculados na FP neste período”, destacou o conselleiro de Presidencia, quen salientou “a calidade dos docentes que traballan en cada un dos centros” como un dos piares do éxito destas ensinanzas.
O CIFP Someso é un centro de sobresaínte no sector da construción e forma parte da rede de 28 centros integrados de FP da Xunta. Cinco deles, incluído o CIFP Someso, forman parte da Rede Estatal de Centros de Excelencia en FP, o que demostra o bo desempeño da nosa Comunidade nestas ensinanzas.
Nos últimos anos, o centro coruñés consolidouse como referente, desenvolvendo oito proxectos de innovación autonómicos en ámbitos como a bioconstrucción, solucións enerxéticas sustentables, novas tecnoloxías de soldadura para estruturas metálicas e o impulso da enerxía eólica mariña. Todos lograron resultados notables, e por iso, a Xunta solicita ao Goberno estatal “a descentralización dos fondos para axilizar a xestión e reducir a burocracia, co obxectivo de seguir obtendo os bos resultados na FP en Galicia”.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez fixa como obxectivo que todos os galegos estuden como mínimo ata os 18 anos
Summary:
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participa na inauguración de Edugal 2024, o XIII Salón de Educación e Formación en Galicia
Anima aos mozos a achegarse aos stands dos centros integrados de FP para coñecer de primeira man as posibilidades que ofrecen estas ensinanzas
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, fixa como obxectivo que todos os galegos estuden como mínimo ata os 18 anos. Así o afirmou durante a inauguración do XIII Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, onde explicou que, aínda que en España a lei marca a escolarización obrigatoria ata os 16 anos, desde a Xunta trabállase para que a mocidade galega continúe formándose tras acadar esa idade.
O conselleiro destacou a importancia de incentivar aos máis novos para que non abandone o sistema educativo tras rematar a ESO, senón que continúen a súa formación en opcións como o Bacharelato, a Formación Profesional ou a Universidade. Por iso, animou aos estudantes a visitar os stands da feira para coñecer de primeira man a ampla oferta formativa dispoñible e a obter información sobre formación e emprego.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, salientou que para acadar este obxectivo, este ano vaise poñer en marcha o Plan FPGal360, un programa que fortalecerá a Formación Profesional, promoverá a redución do abandono escolar e mellorará a inserción laboral da mocidade galega. “Queremos que cada mozo e moza vexa na FP unha opción de éxito, que lles abra as portas ao mercado laboral”, subliñou o conselleiro. Tamén fixo referencia aos avances de Galicia en educación, ao reducir a taxa de abandono escolar ao 9%, cumprindo co obxectivo fixado pola Unión Europea para 2030. “Este logro é froito do traballo conxunto de toda a comunidade educativa”, engadiu, destacando o papel clave da Formación Profesional neste avance.
Récord de matrícula na FPO titular de Educación convidou aos estudantes a aproveitar Edugal como unha oportunidade para explorar o abanico de opcións formativas que ofrece a FP en Galicia, destacando o récord de 68.823 matriculacións neste curso, un incremento do 7% respecto ao ano anterior. Este crecemento demostra a consolidación da FP en todas as súas modalidades e familias profesionais en todo o territorio galego.
Román Rodríguez tamén expresou o seu agradecemento pola colaboración entre entidades públicas e privadas para facer posible este evento, que se converte nun punto de referencia para estudantes, profesionais do ensino e centros formativos. “Edugal é un escaparate da FP galega, que axuda aos estudantes a tomar decisións ben fundamentadas sobre o seu futuro académico e profesional”, concluíu.
Escaparate da FP galegaA Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional conta cun espazo propio en Edugal, dedicado a promocionar a Formación Profesional entre o alumnado, as familias e as empresas da contorna de Pontevedra. No expositor participan centros educativos da área, como varios centros integrados de Formación Profesional, entre eles o CIFP Escola de Cantería de Galicia de Poio. Estes espazos ofrecen información sobre os programas formativos, saídas profesionais, emprendemento, acreditación de competencias e proxectos de innovación. Entre as iniciativas presentadas polos estudantes, destacan un simulador forestal, un vehículo eléctrico e varios produtos elaborados, como viños e aceites. Ademais, o alumnado dos CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo organiza demostracións de cociña en directo.
Aposta polo emprendemento e pola artesaníaDurante a xornada de hoxe, tamén participou en Edugal o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, cun relatorio sobre as oportunidades para o emprendemento en Galicia. Na súa intervención, referiuse á Rede de polos con 14 centros activos e con máis de 2.500 proxectos atendidos ata o momento e a axudas dispoñibles como a cota cero para novas altas de autónomos ou o Bono Remuda para sufragar parte dos gastos de transmisión de empresas rendibles que vaian pechar. Tamén aludiu a iniciativas novidosas como o proxecto pioneiro de coliving que está a impulsar a Xunta para atraer nómades dixitais ou traballadores en remoto ao noso rural.
A maiores, interveu a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, que puxo de relevo as posibilidades que ofrece o sector artesán ás novas xeracións para o inicio de novas actividades empresariais. Nesa liña, destacou as oportunidades de negocio dos máis de 800 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e o reto de remuda xeracional que existe neste eido fundamental da nosa economía. Un reto ao que está a facer fronte o Goberno autonómico cunha estratexia integral da que forma parte o programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que deu comezo xa a dous de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía.
Precisamente no posto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración instalado en Edugal haberá -deica este venres, e en horario de mañá- obradoiros organizados pola Fundación Artesanía de Galicia arredor do torno cerámico, das cianotipias, do gyotaku aplicado a saquetas de tea e do marmoleado. A maiores, ofreceranse charlas sobre como elaborar un currículum vítae ou sobre como preparar unha entrevista de traballo, ademais de prestarse información sobre a ferramenta EMi aplicada nas oficinas de emprego para casar oferta e demanda laboral en tempo real ou sobre a Rede de polos de emprendemento.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez reitera no Parlamento que Galicia conta este curso con máis profesores malia ter menos alumnos
Summary:
Ademais, por primeira vez o alumnado galego pode estudar de balde ata a universidade, grazas á nova gratuidade das matrículas impulsada pola Xunta
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe no Parlamento como un dobre reto superado a organización do curso 2024/25 no marco da maior modernización acometida no ensino galego no marco dos últimos 30 anos. Como proba destacou que este ano o sistema educativo galego conta con máis profesores ca nunca, 31.603, malia ao descenso de alumnos, con 4.000 menos nas etapas de Infantil e Primaria.
Neste sentido, salientou como un dos piares deste camiño de melloras o acordo asinado cos sindicatos, que permite manter abertas más de 200 aulas este ano e arredor de 900 nos próximos tres, que coas rateos anteriores pecharían.
O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé na progresividade do acordo e en que a Consellería está a aplicar todos o seus puntos. As propias organizacións recoñecen que xa se están a notar as melloras. Así mesmo, puxo en valor medidas como a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais para ofrecer unha atención máis personalizada, reforzando a Galicia como a comunidade co ensino máis inclusivo de España.
Ensino de balde ata a universidadeRomán Rodríguez incidiu tamén na importancia nesta senda de mellora do ensino galego a gratuidade das matrículas universitarias e das ensinanzas artísticas superiores, impulsada pola Xunta para garantir a educación totalmente gratuíta para os galegos desde a escola infantil aos estudos superiores, unha medida pioneira e única en España.
“Despois de conxelar as taxas durante 14 anos consecutivos, quixemos dar un paso máis”, afirmou o conselleiro, lembrando que preto de 20.000 estudantes universitarios e de ensinanzas artísticas se van poder beneficiar da gratuidade da matrícula. “A universalización do acceso ás ensinanzas superiores vaise traducir nun aforro medio de 3.000€ que se suma ás medidas xa existentes”, dixo o conselleiro.
Cumprimento de rateosNo referido a peticións concretas por parte dalgunhas comunidades educativas, o conselleiro afirmou que en todos os casos se cumpren tanto as rateos como o número de alumnos máximo establecidos para os agrupamentos.
Así, en relación ás preguntas realizadas sobre os centros de Muxía (colexios CEIP Virxe da Barca, CEIP de Vilarmide-Eduardo Noya e CEIP dos Muíños), Laxe (CPI Plurilingüe Cabo da Area), Fisterra (CEIP Areouta), Cee (CEIP Plurilingüe Vila de Cee) e Carnota (CEIP do Pindo), Miño (CPI Castro Baxoi) e Alfoz (CEIP Plurilingüe do Castro de Ouro), Román Rodríguez explicou que todas as unidades están por debaixo das rateos máximas establecidas. De feito a rateo global nestes centros están entre os cinco e os 12 alumnos por profesor.
Atención á diversidadeNo que se refire á atención á diversidade, estase a ponderar ao alumnado con necesidades educativas especiais tanto en Infantil como en Primaria, ademais de reforzar os recursos para atender ao alumnado cos especialistas que necesitan en cada momento.
Neste caso puxo como exemplo o CEIP dos Muíños (Muxía), que este curso ten cinco alumnos máis e vai contar cun docente máis e un especialista en Pedagoxía Terapéutica a maiores que o curso pasado, ou o CEIP do Pindo (Carnota), que con menos alumnos conta cos mesmos especialistas (un en Audición e Linguaxe e outro en Pedagoxía Terapéutica).
Tamén se reforzou o cadro de persoal do CPI Castro Baxoi (Miño), que aumenta un especialistas en Audición en Linguaxe (hai 2 do centro, ademais de 2,5 especialistas en Pedagoxía Terapéutica); mentres que no caso do CEIP Plurilingüe do Castro de Ouro (Alfoz) se axustou ás necesidades do alumnado, pasando de ter un especialista en Pedagoxía Terapéutica compartido a ter un en Audición e Linguaxe tamén compartido, isto por riba do que lle corresponde por catálogo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »