Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Actividades complementarias e extraescolares (EACE)

DÍA DA TERRA

O pasado luns, 22 de abril, conmemorouse o Día da Terra. Para celebralo, no colexio decidimos crear unha obra textil ao longo do mes de abril. Todas as nenas e nenos participamos na súa elaboración, explorando a nosa creatividade e consendo anacos de tea con diversas formas e cores e outros materiais así como bordando mensaxes de coidado e respecto polo noso planeta. Como nos parece unha cuestión de moita relevancia, consideramos necesario incluír a toda a comunidade educativa, polo que contamos coa colaboración das familias, que fixeron aportacións moi interesantes.

O día 22 decidimos facer unha actividade para conectar co planeta, xa que a mellor forma de celebrar o seu día é gozando del e tomando conciencia da importancia de coidar todo o que nos arrodea. Saímos do colexio e fixemos unha andaina: sentamos na natureza e observamos, respiramos, escoitamos grilos, vimos algúns animais... Por suposto, levamos connosco a nosa obra artística Puntadas pola Terra.

Coidemos o noso planeta para que todas e todos poidamos continuar gozando del!!!

 

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

A pasada semana conmemoramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia a través de dúas actividades. O xoves visitáronnos polas clases algunhas compañeiras do cole, que actuaron como embaixadoras e representantes das nenas na ciencia. Con elas trouxeron varios obxectos moi interesantes, algúns deles que eran descoñecidos para todas e todos, e que nos chamaron moito a atención.

Selena e Daniela ensináronnos como eran e funcionaban os teléfonos antigos. Nayla e Antía explicáronnos para que serve un microscopio e como podemos empregalo. Thais e Valentina amosáronnos un zoótropo e puidemos ver como, ao xiralo, as imaxes do seu interior parecían moverse. Eimy e Zoe trouxeron uns mexilóns xigantes, especie que non podemos atopar na nosa zona pero que chega ata aquí pegada nos cascos dos barcos que veñen doutros lugares.

O venres recibimos a visita dunha muller científica, Ana. Ela é química e traballa no porto exterior de Ferrol. Ás nenas e nenos de Infantil e 1º ciclo veu contarnos en que consiste a súa profesión, amosounos como é o seu lugar de traballo e ensinounos algún vídeo sobre o mesmo.

Ao alumnado de 2º e 3º ciclo deunos unha charla sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, relacionados co PDI e que xa estamos a traballar nalgunhas aulas. En grupos fixemos un pequeno traballo de investigación sobre os mesmos e logo realizamos unha posta en común para dar a coñecer aos outros equipos as conclusións obtidas.

Moitas grazas por acompañarnos!!!

STOP AO BULLYING

Co bullying, tolerancia cero. Así nolo conta e explica o alumnado de 6ºEP como proxecto da materia de valores sociais e cívicos.

No Día Internacional Contra o Acoso Escolar, berramos ben alto STOP AO BULLYING. Non te cales, cóntao.

 

Día da Paz

O 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz. Para iso, cociñamos a mellor sopa do mundo para a paz de Centieiras. Por grupos cooperativos, levando a cabo a dinámica de lapis ao centro, preparamos as receitas para botar na pota e así cociñar unha sopa chea de agarimo, axuda e respecto.

 

COS DEREITOS NON SE XOGA!

Onte conmemoramos o día da infancia reivindicando o dereito das nenas e dos nenos  ao descanso, o xogo e a unha alimentaciín saudable.

Para iso, todas e todos vestidos de cor gris, levamos a cabo unha performance estética onde sentamos enriba dos nosos coxíns e estivemos 5 minutos en silencio. Tamén viñeron familias a participar con nos na nosa reivindicación.

A merenda foi a cargo de AGRONUQUEL (tenda ecolóxica en Fene) que de maneira desinteresada trouxo froitas para todos e todas.

E por último, xogamos e sobre todo desfrutamos.

 

unha vez máis, COS NOSOS DEREITOS NON SE XOGA!

 

DÍA DA INFANCIA

COS DEREITOS NON SE XOGA!

O domingo 20 de novembro se celebra o día da infancia polo que o vindeiro luns día 21 de novembro loitaremos polo noso dereito ao descanso, o xogo e a unha alimentación saudable (contamos coa colaboración de Agronuquel: Agricultura ecolóxica en Fene). 

As 11:00h da mañá sairemos cara á a praza do concello reivindicando os nosos dereitos. Para isto, levaremos un coxín cada unha e un de nos e faremos unha performance estética. Sentaremos en cada coxín e estaremos 5 minutos en silencio. 

Estades todas e todos convidados a participar. 

 

 

25N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Durante esta semana celebramos o Día Internacional Contra a violencia de xénero. Entre algunhas das actividades que fixemos están as propostas pola FANPA Ferrolterra entre elas un flash mob e unhas tarxetas con mensaxes contra a violencia de xénero; tamén traballamos o conto Artur e Clementina e fixemos unhas chapas.

 

 

Ruta en KAYAKS pola ría de Ares

 

O pasado luns, 15 de xuño de 2021, os grupos de 5º, 6ºA e 6ºB de educación primaria, levamos a cabo unha xornada lúdico-deportiva nos arredores da praia da Madalena, no concello de Cabanas.

Poidemos desfrutar dunha serie de actividades deportivas grazas ao Clube CabanasKDM, que foi o encargado de dirixir as actividades. O tempo atmosférico foi estupendo para que os rapaces, rapazas e profesorado que acompañaron a saída, desfrutaran o máximo deste día.

Alí realizaron diversas actividades entre as que se atopan: ruta en kayaks pola ría, andaina de senderismo pola cosa até a pequena praia de Chamoso, diversos xogos na area, e tempo libre para poder darse un pequeno chapuzón. Posteriormente dispuxémonos a xantar até que o autobús nos recolleu para tornar ao colexio aí das 17h.

Unha experiencia fantástica para repetir todos os anos!!!

Deixámosvos un ENLACE para poder visualizar o realizado neste día.

MAIOS

O martes 11 de maio celebramos "Os Maios" no cole.

Que ben o pasamos colocando as flores!

Ollade que ben quedaron clicando no enlace.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d360268575k6452078o1l1/Maios%20centi

8 de MARZO - DIA INTERNACIONAL DA MULLER

 

 

O pasado luns, 8 de marzo, celebrábase o Día Internacional da Muller e ao redor desas semanas estivemos a coñecer a figura de diferentes mulleres importantes nas 7 artes, os motivos? Moitos!

Por unha banda celebrar o "Día Internacional da Muller" e visibilizar a súa labor en diferentes disciplinas e por outra relacionar esta conmemoración co noso Proxecto Documental Integrado, porque si algo estamos a reflexionar e aprender este ano é que en moitas das cancións, en moitas pinturas, e na arte en xeral, ponse de manifesto e plásmase aquilo que sinten as artistas! 
María Castro, Guadi Galego, Rosalía de Castro, Ledicia Costas, Elena Ferro, Sés... son algúns dos exemplos das mulleres elixidas. Mulleres importantes de hoxe e do pasado, mulleres da nosa terra... Galicia!!!

Para darlle un formato diferente ao noso produto final eliximos forrar diferentes caixas e plasmar nelas diferentes datos biográficos das mulleres estudadas: nome, obras, lugar de nacemento, feitos reseñables da súa vida...

Ao final, coas aportacións dos diferentes cursos quedou unha obra de arquitectura ben chula!
 
Para ver as imaxes do traballo desenvolvido polo noso alumnado, picade EIQUÍ.


Distribuir contido