Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
6º Educación primaria
Traballamos sobre Yayoi Kusama en Arts
Na clase de Arts de 6º EP achegámonos á obra e á biografía da artista xaponesa Yayoi Kusama cunha caixa de aprendizaxe chea de material e información sobre ela e co seguinte vídeo, co que podedes aprender máis sobre a artista que creou un universo de puntos.
A continuación, fixémoslle a nosa propia homenaxe creando uns coloridos traballos con setas decoradas con puntos, inspiradas na obra desta particular artista.
Podedes desfrutar da exposición de cogomelos feitos polo alumnado de 6º e das cabazas creadas pola rapazada de 5º na planta baixa da escola. Non vola perdades, merece a pena ver estas marabillosas obras de arte en persoa.
Juana desenvolveu unha actividade sobre superpoboación e sostibilidade na clase de sexto
Esta mañá tivemos unha actividade especial na clase, posto que Juana, nai de Carmela, veu traballar connosco na aula e facernos reflexionar sobre os grandes problemas da superpoboación, do consumo masivo e do esgotamento dos recursos naturais.
Aprendemos a tecer cun tear
As mestras Ana e Carmen están a desenvolver uns obradoiros moi interesantes con todo o alumnado do cole nos que nos ensinan a tecer cun tear e incluso a fabricar o noso propio tear con cartón.
Na nosa clase tivemos a sorte de contar cunha axudante especial, Sara, que xa sabía tecer de marabilla e estivo ensinando aos maiores.
A raíz deste obradoiro, descubrimos á artista alemana Anni Albers e aproveitamos para falar sobre ela e incluila no noso traballo de Arts.
23 de abril, Día do Libro
O día 23 de abril conmemoramos o Día do Libro cunha recollida de alimentos para doar ao banco de alimentos Rías Altas. A cambio do alimentos doados, as nenas e nenos podían coller uns libros dos que se deron de baixa da biblioteca.
Ademais, na hora de ler as rapazas e rapaces fixeron o amadriñamento lector que se vén facendo xa desde hai algúns cursos.
22 de abril, Día da Terra
O alumnado de sexto participou cosendo os seus retais de tea na obra textil conxunta que se elaborou como conmemoración do Día da Terra. Coa colaboración de todas e todos, quedou preciosa!
O día 22 de abril, aproveitando que o tempo o permitiu, saímos toda a escola dar un paseo e desfrutar da natureza e do entorno coas nosas afilladas e afillados.
Xogando ao ping-pong no recreo
O alumnado de 6º desfrutaba moito xogando ao ping-pong no recreo nas novas mesas instaladas no patio, pero, por desgraza, alguén que entrou no recinto rompeunas ao pouco de que as puideramos estrear. Que mágoa!
Obradoiro De bo rollo!: Educación sexual para aprender a querernos ben.
O pasado día 28 de febreiro tivemos a sorte de contar cun obradoiro de educación sexual chamado "De bo rollo!: Educación sexual para aprender a querernos ben", que aborda as verdadeiras inquedanzas da rapazada, con enfoque sexolóxico, entendendo que para construir unha casa non podemos comezar polo tellado.
Foi un obradoiro moi interesante e ameno, útil e necesario, pois non hai maior protección que ensinar a rapazada a pensar, a quererse ben, a querer ben, a repectarse e a respectar.
Visita ao CIS para ver o espectáculo do Día da Muller e da Nena na Ciencia
Como parte da celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, as clases de quinto e sexto fomos ao CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol para asistir a un espectáculo científico centrado na importancia das mulleres científicas e tecnólogas ao longo da historia.
A charla, conducida polos divulgadores Iria Ollero e David Ballesteros, que levaron a cabo chamativos experimentos, permitiu que o noso alumnado se aproximara dun xeito entretido a grandes mulleres como Hipatia de Alexandría, Marie Anne Pierrette, Rosalind Franklin, Marie Curie ou Hedy Lamarr, entre outras, que fixeron importantes aportacións científicas e que nunca recibiron o recoñecemento que merecían.
Día de Rosalía
Hoxe, 23 de febreiro, conmemoramos o Día de Rosalía, unha das autoras máis importantes da nosa literatura. Para isto, tiñamos previsto saír polas distintas prazas do concello de Fene para recitar poemas de Rosalía, mais o mal tempo non nolo permitiu e, finalmente, realizamos o recital na pista cuberta do colexio.
Comezaron os rapaces e rapazas de sexto cantando unha versión musicada de Cantarte, hei Galicia, poema pertencente á obra Cantares Gallegos publicada o 17 de maio de 1863, data que marca a celebración do Día das Letras Galegas.
Despois da actuación de sexto, por quendas, todos os cursos recitaron poemas de nosa autora máis universal. Fixérono todas e todos de marabilla, parabéns!
Ademais, coma sempre, contamos coa asistencia das familias que acudiron como público ao recital. Moitas grazas por acompañarnos, a pesar da chuvia e do frío.
Charla para axudar a previr o ciberacoso
O mércores 21 de febreiro recibimos de novo a visita de Sara, que pertence á Garda Civil e que sempre se encarga de explicar cousas moi interesantes e importantes aos rapaces e rapazas para que fagan un uso responsable e seguro de internet.
Nesta charla, pertencente ao Plan Director, explicoulles como protexerse de distintos tipos de ciberacoso, como poden ser o grooming e o sexting.