Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

6º Educación primaria

15 de febreiro, Día Internacional do Cancro Infantil

Hoxe, 15 de febreiro, é o Día Internacional do Cancro Infantil. Para conmemorar esta data realizamos unha actividade para dar o noso apoio aos nenos e nenas que sofren esta enfermidade e ás súas familias.

Todo o alumnado da escola recortou un lazo dourado e creamos unha gran grilanda con todos e o alumnado de sexto leu un manifesto para finalizar o acto.

Entroido sostible 2024 en sexto!

Por fin chegou unha das festas máis esperadas do ano: o Entroido!

Este ano, en liña co noso PDI Pegadas Verdes, difrazámonos de heroes e heroínas da reciclaxe. Como sempre, o noso alumnado abraiounos coa súa creatividade e imaxinación. Todas as capas eran espectaculares, decoradas con todo tipo de residuos. Nunca pensei que se puideran facer estas marabillas co lixo! Mirade que orixinalidade:

Fixemos desfiles polas aulas de 5º e 6º para lucir os nosos traxes, bailamos, cantamos, xogamos... Pasamos unha mañá do máis entretida.

Tamén merece a pena botar unha ollada máis de preto aos complementos que traían os nosos heroes e heroínas, pois eran unha auténtica pasada: instrumentos musicais, armas, diademas, bolsos e tocados.

Tanta festa abriulles o apetito, así que despois de cantar e desfilar para as familias, fixemos unha merenda con doces típicos destas datas. Estaba todo moi saboroso!

 

 

Feliz entroido a todas e todos e vémonos á volta!

Máscaras inspiradas no artista Kimmy Cantrell

Xa sabiamos que as rapazas e rapaces de sexto son uns artistas, pero é que non hai xénero nin estilo que se lles resista! Desta vez fixeron en equipo unhas máscaras de cartón inspiradas no traballo do artista contemporáneo Kimmy Cantrell. Mediante esta actividade coñecemos a este artista, realizamos un traballo plástico relacionado co entroido e tamén coa reutilización e reciclaxe, posto que empregamos caixas de cartón que atopamos pola escola.

Quedáronlles preciosas e, ademais de traballar fenomenal en equipo, con esta actividade fixemos fincapé nunha cousa moi importante que sempre debemos ter en conta e que Cantrell nos lembra co seu traballo: A beleza está nas imperfeccións.

Obradoiro de mediación

Tivemos a sorte de realizar un obradoiro de mediación a cargo de Andrea Bechlian no que o alumnado reflexionou e realizou dinámicas sobre a importancia do bo trato, a detección do acoso escolar e a solución pacífica de conflitos.

Seguimos formando aos nosos nenos e nenas para que sexan persoas responsables e capaces de solucionar e mediar nos problemas que aparecen no seu día a día.

Moitas grazas, Andrea!

Comezamos os mandados da Bruxa (Re)Encarnación

A nosa Bruxa favorita está impresionante co fantástico traballo de chapa e pintura que lle fixo o equipo artístico da ANPA, dá xenio vela!

Coma sempre polo entroido, Encarnación, ou Reencarnación, coma a nomeou Darío, chegou a Centieiras dando ordes. E nós, que somos cumpridores, o luns fomos á escola coas cabezas engalanadas.

Sorpresa de aniversario!

Os nenos e nenas de sexto tíñanme preparada unha gran sorpresa polo meu aniversario. Non faltou detalle: sorpresa, decoración, música, agasallos... Moitas grazas, rapazas e rapaces, sodes incribles!

Día da Paz 2024

Conmemoramos o Día da Paz a través do libro El Hilo Invisible, segundo o cal todas e todos estamos conectados ás persoas ás que queremos e son importantes para nós.

En Centieiras formamos unha gran familia na que estamos conectados uns a outros. Podedes ver a exposición na planta baixa da escola.

Xogos interactivos de Nadal, badaladas e mercado de segunda man

O último día do primeiro trimestre tivemos unha xornada moi entretida de xogos interactivos cos familiares que voluntariamente viñeron participar con nós. Moitas grazas pola vosa colaboración, é unha marabilla contar con nais e pais sempre dispostos a axudarnos.

 

Despois de tanto xogar, alumnado, profesorado e familias fomos tomar as uvas ao ritmo das nosas badaladas de fin de trimestre e, finalmente,

recibimos a visita de Papá Noel, que trouxo agasallos para todo o alumnado do centro.

 

Ademais, alumnos e alumnas de sexto organizaron e levaron a cabo un mercado de segunda man de Nadal que resultou todo un éxito. Esta actividade, ademais de ser un xeito de recadar fondos para financiar a excursión de fin de curso, tamén se enmarca no PDI do centro, xa que pretende concienciar da necesidade de dar unha segunda vida ás cousas e de consumir de forma responsable, fomentando un estilo de vida máis sostible.

Agardamos que desfrutarades desta xornada especial e desexámosvos bo Nadal e feliz 2024 a todos e todas!

Carreira cros Xogade

O mércores 20 de decembro o alumnado participou nunha actividade deportiva: un cros que se desenvolveu nas pistas de atletismo de Río Seco, en Narón.

Foi unha xornada de atletismo, convivencia con rapaces e rapazas doutras escolas e compañeirismo.

 

 

Mercado de Nadal de 6º EP

 

Alumnado e familias de sexto están a preparar un mercado de Nadal para vender xogos, xoguetes e libros de segunda man.

O mercado será este xoves, día 21 de decembro, de 12:30 a 13:45 no ximnasio do colexio.

Esta actividade, ademais de ser un xeito de recadar fondos para financiar a excursión de fin de curso, tamén se enmarca no PDI do centro, xa que pretende concienciar da necesidade de dar unha segunda vida ás cousas e de consumir de forma responsable.

O alumnado de sexto preparou carteis para anunciar o mercado e foron polas aulas para informar a todas e todos desta actividade.

 

Distribuir contido