Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

A pasada semana conmemoramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia a través de dúas actividades. O xoves visitáronnos polas clases algunhas compañeiras do cole, que actuaron como embaixadoras e representantes das nenas na ciencia. Con elas trouxeron varios obxectos moi interesantes, algúns deles que eran descoñecidos para todas e todos, e que nos chamaron moito a atención.

Selena e Daniela ensináronnos como eran e funcionaban os teléfonos antigos. Nayla e Antía explicáronnos para que serve un microscopio e como podemos empregalo. Thais e Valentina amosáronnos un zoótropo e puidemos ver como, ao xiralo, as imaxes do seu interior parecían moverse. Eimy e Zoe trouxeron uns mexilóns xigantes, especie que non podemos atopar na nosa zona pero que chega ata aquí pegada nos cascos dos barcos que veñen doutros lugares.

O venres recibimos a visita dunha muller científica, Ana. Ela é química e traballa no porto exterior de Ferrol. Ás nenas e nenos de Infantil e 1º ciclo veu contarnos en que consiste a súa profesión, amosounos como é o seu lugar de traballo e ensinounos algún vídeo sobre o mesmo.

Ao alumnado de 2º e 3º ciclo deunos unha charla sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, relacionados co PDI e que xa estamos a traballar nalgunhas aulas. En grupos fixemos un pequeno traballo de investigación sobre os mesmos e logo realizamos unha posta en común para dar a coñecer aos outros equipos as conclusións obtidas.

Moitas grazas por acompañarnos!!!