A bitácora de cuarto

SAMAÍN 2024

Como todos os cursos por estas datas, o alumnado de 4º EP, engalanouse cos seus disfraces máis orixinais e terroríficos para celebrar o Samaín.

Preme para acceder á galería de fotos

CREANDO COAS FOLLAS DO OUTONO

Neste outono, na aula de 4º de Primaria quixemos aproveitar as follas caídas, para darlle unha nova vida e expresarnos artisticamente. Botádelle unha ollada ao resultado. Ata temos algún becho alieníxena!!

E, ademais, unha morea de simpáticos lobos!!

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

O pasado xoves, 6 de xuño, os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria achegámonos a visitar o Parlamento de Galicia. Alí puidemos aprender moitas curiosidades sobre as funcións, a organización e a historia da institución. Ademais accedimos ás dependencias máis solemnes do Pazo do Hórreo como foron o Salón dos Reis, a Biblioteca e o Hemiciclo. E, puidemos ser por un día parlamentarios e parlamentarias, con propostas serias e divertidas, que nos fixeron pasar un rato moi agradable. Foi unha experiencia incrible, pasámolo moi ben!!

E, moitísimas grazas ao noso guía Higinio, que nos acompañou nesta visita, polas súas entretidas explicacións, que nos permitiron coñecer un pouco máis de preto o Parlamento de Galicia.

EXCURSIÓN FIN DE CURSO: ECOPARQUE ATALAIA

Este xoves 23 de maio, o alumnado de 3º e 4º de EP tivo a súa Excursión de Fin de Curso, que para o alumnado de 4º foi ademais a de fin de ciclo. Achegámonos ao Ecoparque Atalaia, para pasar unha xornada ao aire libre desfrutando dun pack de actividades que resultaron moi emocionantes, entretidas e colaborativas. Pois eran xogos de equipo, onde a actitide de cada un ou unha das participantes influía no desenvolvemento das mesmas. Foi unha xornada moi divertida. Unha mostra diso son as fotos que recollen as momentos que ali pasamos. Premede na imaxe para acceder á galería de fotos.

XORNADA PRIMEIROS AUXILIOS - PROTECCIÓN CIVIL

O pasado 20 de marzo, o alumnado de 4º EP, tivo a oportunadade de ter unha sesión de formación sobre PRIMEIROS AUXILIOS, impartida por dous voluntarios de Protección Civil. Achegáronse ao noso centro para poder formar a todos os nenos e nenas do centro sobre un tema tan importante e tan necesario.

O GATO CON BOTAS

O pasado venres 2 de febreiro, o alumnado de 3º e 4º de EP, achegouse ao Auditorio de Galicia, para ver a repersentación da obra O Gato con Botas. Unha proposta da compañía de monicreques Perpoc, acompañada pola música da Real Filharmonía de Galicia e os debuxos da ilustradora rusa Alexandra Semenova.

 

 

Foi unha experiencia moi agradable, enriquecedora e divertida, que en máis dunha ocasión provocou as risas e a admiración dos nenos e nenas que presenciaban a actuación.

VISITA AOS MUSEOS DOMUS E MUNCYT DA CORUÑA

O pasado xoves 25 de xaneiro, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria realizamos unha visita aos museos da cidade da Coruña. Achegámonos primeiro á DOMUS (Casa do Home) e despois, ao MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). En cada un deles, puidemos desfrutar das súas salas de exposicións e experimentar coas propostas que nos amosaron.

Botádelle unha ollada á galería de fotos e poderedes ver o ben que o pasamos! Preme na foto para acceder:

 

XORNADA SOBRE REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR (RCP)

O pasado 13 de decembro, o alumnado de 4º EP participou nunha xornada sobre RCP (Reanimación Cardiopulmonar), que foi impartida por persoal do Hospital HM Rosaleda de Santiago de Compostela. Nela tiveron a oportunidade de aprender nocións básicas sobre primeiros auxilios, por exemplo como reaccionar cando unha persoa padece un episodio de atragoamento, practicándolle a manobra de Heimlich.

Para acceder á galería de fotos, preme sobre a foto:

 

Foi unha charla didáctica e moi instrutiva.

VISITA CITIUS

O pasado 24 de novembro, os alumnos e as alumnas de 4º e 5º de Primaria, achegámonos ao Campus da USC para visitar un dos seus centros de investigación, en concreto, O Centro Singular de Investigacións en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS). Recibiunos na entrada do centro o seu director, Senén Barro e seguidamente pasamos a gozar das actividades que nos tiñan preparadas, para darnos a coñecer unha boa chea dos campos nos que están a traballar.

Na galería de fotos podedes comprobar o ben que o pasamos!

 

CONTOS TERRORÍFICOS

Neste tempo de Samaín, o alumnado de 4º de Primaria participou nun obradoiro de escritura, recreando historias cheas de intriga e emoción, que nos fixeron sentir medo a máis dun. Pero remataron cun final feliz, que se traduciu nunha sonora risada e unha morea de aplausos.

Powered by Drupal - Design by artinet