Boas, lectoras e lectores!
Despois de varios meses de ausencia causada pola pandemia, a biblioteca volve ás andadas. Este curso percorreremos un camiño polo futuro, xa que o proxecto do centro titúlase "2050" e ten por obxectivo pensar que mundo queremos para ese ano e que podemos facer para mellorar o que temos agora.
Como sabedes, o 25 de Novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Por desgraza, hai moitas formas de violencia que a diario sofren mulleres de todo o mundo: física, psicolóxica, económica, sexual... e un dos obxectivos que deberiamos marcarnos para o futuro máis próximo é acabar con elas. E iso, lectoras e lectores, está nas vosas mans, rexeitando todo tipo de actitudes sexistas.
Por iso, desde a biblio, propoñémosvos ao alumnado e ás familias que expresedes como queirades a vosa repulsa hacia a violencia contra a muller para facer un mural colaborativo a través deste padlet. Podedes facer un debuxo, ou escribir un lema, fotografialos e subilos, cargar un arquivo desde o voso ordenador ou gravar un audio ou un vídeo cunha mensaxe (dándolle aos tres puntiños apareceranvos moitas opcións). Todo vale porque hai moito que dicir. Así que, buscade, analizade e, sobre todo, pensade e creade.
Aquí tedes un padlet cuns recursos que queremos compartir con vós, por se vos serven de inspiración. A data límite para subir as vosas producións é o mércores 25 de novembro. Animádevos e grazas por colaborar!