Erasmus +
Xornadas sobre Erasmus+
A semana pasada participamos nunha formación organizada polo CFR de Vigo sobre proxectos Erasmus +. Contamos a nosa experiencia co proxecto KA122 Our eco-school is blooming, relacionado coa natureza e os residuos cero. Compartimos mesa co IES de Rodeira, aprendendo moito tamén das súas experiencias en Erasmus +.
Happy European Day of Languages
O próximo 26 de setembro conmemórase o European Day of Languages e celebrámolo participando no proxecto Etwinning "Let's celebrate the European Day of Languages 2024!"
Escribimos os nosos saúdos e as nosas palabras favoritas en galego e enviamos unhas postais a coles de Turquía, Portugal, Irlanda, Albania, Croacia ou Eslovenia! Recibiremos moitas postais de volta e festexaremos coñecer tantas linguas :)
Aprendemos tamén como se di "Bos días amigos" en lingua de signos e compartímolo cos nosos países socios, xa que hoxe é o International Sign Language Day!
Dossier Erasmus+
Presentamos o noso dossier Erasmus+, cos resultados do proxecto Our Eco-School is blooming, implementado na escola o curso pasado e financiado polo programa Erasmus+ que como sabedes é o programa da Unión Europea para apoiar a educación, a formación, a xuventude e o deporte en Europa.
Waste, lost and found in Balaídos
Fixemos esta obra de arte nas clases de Art de 2º e 3º con todo o material utilizado durante o curso. Queríamos reflexionar sobre todo o lixo que producimos no noso día a día e pensar en alternativas para reducir residuos!
Paseos na natureza
Coma actividades finais de curso (e tamén incluídas no noso programa Erasmus de actividades na natureza) fixemos varias saídas. Unha delas foi ao Monte Vixiador, onde todo o alumnado de Educación Infantil gozou dun gran día na natureza! O alumnado de 6º fixo un percorrido polo Lagares, identificando especies vexetais e animais.
Limpamos o Parque da Bouza
Con motivo do Día do Medio Ambiente, o alumnado de 4° recolleu lixo no parque da Bouza e tamén investigou sobre as instalacións e sobre o que precisa máis coidado e reparacións. Foi unha gran xornada coidando o medio ambiente!
Grazas á asociación As Da Bouza pola idea e o traballo conxunto.
Recollida de tapóns
Instalamos na entrada do colexio un contedor para que as familias que queiran colaborar co coidado do medioambiente deixen os seus tapóns de plástico, tamén os das merendas do cole. É unha maneira de concienciarnos do plástico que xeramos e de axudar a unha boa causa, xa que van destinados a Fundación Hogar de San José.
Visita de Sandra Reyes e Modesto Ochoa
Dentro do noso proxecto Erasmus+, visitaron o noso cole Sandra Reyes e Modesto Ochoa, activistas medioambientais de Honduras. Falaron co alumnado de 6°, explicáronnos moito sobre o seu labor e sobre a importancia de coidar o planeta. Plantaron un carballo no noso xardín xunto co alumnado de 1° de Primaria. Grazas por todo!
Esta actividade foi promovida grazas á colaboración da Coordinadora Galega de ONGD, que organizou a xira Futuro en Común. Podedes ler máis sobre a actividade na súa páxina web, clicando aquí.
Visita Erasmus+ dende Portalegre
No mes de maio visitounos Lígia Maria Guerreiro, do Agrupamento de Escolas José Régio de Portalegre (Portugal), dentro do noso proxecto Erasmus + "Our eco-school is blooming". Explicounos as actividades que fan nas súas eco-escolas, deu unha formación ao profesorado e ensinounos como facer xoguetes con material reciclado.
O agrupamento de Escolas pertence a rede portuguesa de Eco-escolas, levando case dez anos realizando todo tipo de proxectos relacionados co medio ambiente. A mestra deu unha formación sobre todos estes proxectos (camiños na natureza, aforro de auga, enerxía…) á vez que observou as potencialidades do noso colexio e as posibilidades que temos para impartir aulas na natureza e diminuír o número de plásticos. Achegou suxerencias coma un xardín vertical, a creación de camiños na senda do Lagares ou unha presencia real da reciclaxe no noso centro.
Así mesmo, realizou actividades co alumnado de sensibilización sobre o coidado da natureza. Obrigadas, Lígia!
Visita Erasmus+ a Grecia
As mestras Xela e Nerea viaxaron ata a escola Rizario Kindergarten en Trikala (Grecia). Alí, fixeron obradoiros cunha combinación de actividades STEM e medioambientais a través dos contos de fadas, participaron nunha plantación de árbores e realizaron un taller práctico sobre o uso de dispositivos intelixentes e equipamento TIC en actividades educativas e de aprendizaxe.
Ao mesmo tempo, observaron diferentes enfoques á hora de integrar o contorno da escola na aprendizaxe así coma nas actividades diarias do centro. Visitaron un centro medioambiental, no que recibiron unha formación sobre o bosque de Pertouli, un exemplo en respeto e coidado da natureza. Coñeceron a cidade, a escola e o seu contorno, observando potencialidades na mesma e adquirindo ideas que poder implementar de volta no noso centro. En resumo, foi unha gran experiencia que redundará nunha maior calidade para a nosa ensinanza!