As castañas do magosto

  O pasado venres 2 os rapaces do colexio celebraron o magosto: aquí os máis pequenos comendo as castañas e despois bailando.


CANDIDATURA DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS

Preme abaixo, en ficheiros adxuntos, para descargar o modelo para presentar candidatura para formar parte do Consello Escolar do centro.

Animádevos! A vosa participación é importante

CONVOCATORIA: ELECCIÓNS DOS REPRESENTANTES DE NAIS, PAIS E TITORES LEGAIS AO CONSELLO ESCOLAR

ELECCIÓNS DOS REPRESENTANTES DE

NAIS, PAIS E TITORES LEGAIS AO CONSELLO ESCOLAR

CONVOCATORIA

 

De acordo coa Resolución do 25 de setembro de 2018, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros de educación non universitaria (DOG do 8 de outubro de 2018), a XUNTA ELECTORAL deste Centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar, SECTOR DE PAIS E NAIS DO ALUMNADO, segundo as seguintes normas:

1. De acordo co disposto no artigo 41 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21), redactado conforme ao establecido na disposición adicional terceira.1 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), corresponde elixir no presente proceso electoral a 3 pais/nais (2 por renovación e 1 por renuncia), dun total de 5 que debe ter o Consello Escolar. O resto de  representantes de pais/nais  continúan como consecuencia da súa elección anterior no ano 2016.

2.- Son electores todos os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais do alumnado matriculado no Centro e incluídos no Censo correspondente que a partir do día da data está exposto no taboleiro de anuncios. As reclamacións ao referido Censo realizaranse mediante escrito razoado dirixido á Xunta Electoral, ata as 14'00 horas do día 16 de novembro.

3.- Son elixibles os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais, que formulen a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitará na Secretaría do Colexio. As candidaturas poderán ser presentadas ata as 14'00 horas do citado día 19 de novembro.

4.- O sorteo dos membros da mesa electoral realizarase en acto público, entre os pais que non se presenten como candidatos, o día 19 de novembro, ás 16'30 horas. Dita mesa electoral estará composta pola Dirección do Centro, que exercerá a presidencia, e catro pais/nais ou titores legais, actuando de secretario o de menor idade.

5.- A campaña electoral comprenderá dende o 20 ao 24 de novembro, ambos días inclusive. As dependencias e servizos do Centro estarán a disposición dos candidatos, previa petición ao presidente da Xunta Electoral, sempre que o seu uso non altere o normal funcionamento educativo do Colexio. O día 25 de novembro, véspera das votacións, non se poderá facer campaña electoral.

6.- Poderán actuar como supervisores da votación os pais ou titores legais dos alumnos matriculados no Centro que sexan propostos pola ANPA ou, no seu defecto, que estean avalados cando menos pola firma de 10 electores.

7.- As votacións realizaranse neste Colexio Público o día 26 de novembro, de 9:00h a 10:00h, de 13.00h a 14.00h e de 16:00 a 18'00 horas. A mesa electoral será constituída o mesmo día, en acto público, ás  8:50 horas.

8.- Na papeleta de votación cada elector fará constar un máximo de 2 nomes dos candidatos presentados, debendo acreditar a súa personalidade a hora de votar, mediante exhibición do D.N.I. ou documento similar. O voto será directo, secreto e non delegable e non se admitirá o voto por correo.

9.- Teñen dereito ao voto o pai e a nai ou, se é o caso, o titor legal do alumnado.

10.- Finalizada a votación procederase ao escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para ao seu envío a Xunta Electoral do Centro.

11.- A Xunta Electoral do Centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.

Bertamiráns, 7 de novembro de 2018.

A DIRECTORA

E PRESIDENTA DA XUNTA ELECTORAL,

 

Asdo.: Mª Isabel Abelleira Bardanca

O Samaín polas portas...

 Así quedou o Cole da Maía polo Samaín: cabazas, bruxas, esqueletos polas portas... e ata unha invasión de ratos e arañas polas escaleiras!

5ºB. Composicións de Outono

  Os alumnos de 5ºB deixáronse levar pola súa imaxinación e fixeron estas composicións de Outono empregando follas, froitos secos, paos...

Cabazas do Samaín en infantil e primaria

  Durante esta semana temos a exposición coas cabazas do Samaín organizada polo Equipo de Extraescolares e realizadas polos alumnos e alumnas coa axuda das familias. O Equipo da Biblioteca colaborou tamén na selección de libros relacionados coa temática do Samaín e Hallowen. As cabazas e os libros de medo están na entrada do edificio de infantil e no primeiro andar do de primaria. 

  Nos PDF adxuntos podedes ver con detalle os traballos realizados!

 Moitas grazas pola vosa colaboración e polo derroche de imaxinación!

 

Os de 4º aterrorizan os corredores... polo Samaín

  Polo Samaín  os alumnos e alumnas de 4º decoraron  os corredores con arañas, bruxas e esqueletos disfrazados.

XIII Festival de Maxia de Ames

  Dentro do XIII Festival de Maxia organizado polo Concello de Ames estiveron as actuacións nos colexios dos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín. Este luns pasaron polo Centro e tanto os pequenos de infantil como os maiores de primaria puderon disfrutar do seu espectáculo de maxia e ilusionismo.

No blog de infantil  podedes ver anacos destas actuacións. Premer AQUÍ.

E algunhas fotos da actuación para primaria no escenario da Biblioteca:

 

A participación das familias na escola

 

A participación das familias na escola é unha necesidade dentro do sistema educativo. O seu valor é determinante tanto para os resultados escolares como para xerar sociedades máis democráticas. Como directora e máxima responsable deste centro educativo considero pois necesario aclarar este concepto, lembrar cales son as canles de participación e anunciarvos unha serie de medidas que poñeremos en funcionamento en breve para mellorar e incrementar a vosa participación.

1.- Concepto

A participación das familias nas escolas e na Educación é, por tanto, un dos alicerces do sistema educativo, ou polo menos debería selo, pero o concepto de participación é amplo e non todo o mundo ten a mesma visión ou lle outorga iguais significados. A participación familiar no centro non debe ser simplificada e  reducida á asistencia a festivais e representacións. Dende fai anos insistimos  en que as celebracións colectivas/festivas están reservadas en exclusiva para o noso alumnado por razóns fundamentais  que pasan por:

O  noso deber fundamental de garantir o seu benestar físico e emocional, así como a súa  seguridade, posto que hai alumnado con circunstancias persoais, sociais, familiares, etc., delicadas e moi complexas e absolutamente confidenciais; polo tanto, só podo dicirvos que   abrir as portas do centro suporía un risco potencialmente alto para eles. Entendemos pois que debemos deseñar e organizar  actividades  que conleven o goce e desfrute colectivo pero  garantindo a súa seguridade e integridade.  Ademais, sendo unha razón secundaria,  debedes ser conscientes da falta real de espazo que temos; convivimos  a diario 615 alumnas e alumnos,  46 mestres e 4 membros de persoal non docente, o que fai un total de 665 persoas. Creo que entendedes que temos que facer estas celebracións nun espazo certamente reducido e do perigo que suporía engadir mais persoas no mesmo espazo.

A nosa idea de participación das familias vai moito máis alá e inclúe unha serie de elementos que aluden a determinados aspectos, tanto da vida familiar como da vida escolar, e, sobre todo, ás súas interaccións. Por tal motivo, recoméndase ás familias que afonden no que significa a implicación parental, de modo que poidan actuar deliberada e sistematicamente sobre todos os seus compoñentes.

Crianza: Axudar ás familias para establecer condicións na contorna do fogar que favorezan o estudo (saúde, nutrición, seguridade, mellora de habilidades paternas).

Comunicación: Deseñar canles efectivas de comunicación familia-escola e escola-familia sobre os programas escolares e o progreso dos nenos.  A comunicación entre familias e docentes é sinal non só de calidade, senón tamén de coherencia educativa. O diálogo entre ambos é fundamental se se queren intervencións educativas complementarias que aposten por un mesmo proxecto de persoa. Só deste xeito o alumnado percibirá o que é realmente importante na súa vida. Por tanto, o diálogo non debería limitarse a idades temperás nin centrarse exclusivamente en transmitir información dun actor ao outro. Faise cada día máis necesario que flúa entre eles a comunicación.

Voluntariado: Fomentar e organizar a axuda e o apoio voluntario dos pais ás actividades da aula e da escola.

Aprendizaxe no fogar: Proporcionar información e ideas ás familias para axudar ao estudante cos deberes e tarefas escolares para casa, así como coas eleccións e decisións de carácter académico.

Toma de decisións: Incluír aos pais nas decisións escolares, desenvolvendo o seu liderado e participación nas asociacións e nos órganos de goberno do centro.

Colaboración coa comunidade: Identificar e integrar recursos e servizos da comunidade para reforzar os programas escolares, as prácticas familiares e o desenvolvemento e a aprendizaxe dos alumnos

 

2.- Canles de participación

No centro somos conscientes das dificultades que frean a implicación da familia, por exemplo as trabas para conciliar a vida profesional e as actividades escolares, as rutinas familiares, a motivación ou os valores entre outras; e aínda que é certo que existen canles tradicionais de participación das familias na escola como o Consello Escolar, as ANPAS, as titorías individuais, as reunións informativas colectivas; tamén existen outras menos empregadas como as charlas/coloquio con persoas expertas ou o voluntariado en proxectos do centro ou da aula.

 Para minimizar estas dificultades queremos poñer á vosa disposición unha serie de actuacións que poden contribuír a mellorar a vosa participación na escola.

3.- Proposta de actuacións

Os centros non debemos limitarnos a proporcionar información ás familias, debemos brindar novas e variadas oportunidades de comunicación, ampliar as estruturas de participación adaptándoas ás necesidades e problemáticas concretas, promover a formación de familias e profesorado para favorecer o traballo colaborativo, etc.

As propostas para este curso pasan por:

  • Organizar charlas impartidas por persoas expertas. En principio temos previstas para este 1º trimestre as seguintes:
    • “Riscos de internet e acoso escolar”, impartida por persoal experto da Garda Civil. Enmárcanse estas charlas dentro do Plan Director. Será o 3 de decembro ás 19:00horas.
    • Charla e análise coa experta en adiccións e problemas de conduta, a psicóloga Belén Montesa
  • Poñer á vosa disposición unha caixa para suxestións, a través do que nos gustaría que nos fixerades chegar as vosas achegas. Esta caixa será revisada semanalmente e, na medida do posible, iremos atendendo as vosas proposta.
  • A colaboración entre o centro, a ANPA e o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación)  para a formación de Escolas de Nais e Pais (ENAPA).
  • Solicitar a vosa colaboración para a execución de traballos de voluntariado e axuda para a realización dos proxectos de centro deseñados para este curso.
  • Continuar poñendo á vosa disposición e ampliando a “Biblioteca de familias” con libros de consulta e axuda en temas relacionados coa educación dos vosos fillos e fillas.
  • Solicitar a vosa implicación e participación (tanto presentando candidaturas como participando na votación)  na renovación de membros do Consello Escolar do centro, proceso que se iniciará no mes de novembro.

Insistir en que o éxito escolar é de todos, e a responsabilidade de conseguilo tamén é de todos.

A participación das nais, dos pais, das familias na vida escolar parece ter repercusións tales como: maior autoestima dos nenos; mellor rendemento escolar; mellores relaciones pais-fillos e actitudes máis positivas das familias cara á escola. Os efectos repercútense mesmo nos propios mestres e mestras, xa que os pais consideran que os máis competentes son aqueles que traballan coa familia ( Pineau, 2001).

Recibide un cordial saúdo e quedamos á espera das vosas suxestións e participación.

Axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil

Estimadas nais, pais, familias

Lembrarvos que o concello de ames abre o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil, dos centros de ensino sostidos con fondos públicos.

As solicitudes poden ser presentadas no rexistro xeral da Casa do Concello ou do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, tamén se poden presentar a través do rexistro telemático na sede electrónica do Concello.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 30 días naturais, do 18 de outubro ao 16 de novembro.

 Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.

Os que vos acollades a estas axudas por favor comunicádello ao titor ou titora dos vosos fillos, proporcionándolle nome e apelidos, así como DNI para que poidan xestionar coa ANPA o tema das facturas.

Distribuir contido