Durante este curso 2019-2020 activaremos e promoveremos o uso destas ferramentas dixitais das que o centro dispón.
En primeiro lugar cambiamos o formato da páxina porque este TEMA contempla a posibilidade na parte superior da páxina de adaptación visual e cromática, esta cuestión infire unha engádega importante no acceso aos contidos pois permite un cambio nos tamaños das fontes e nas cores, facilitando o acceso a persoas con problemas de visión ou de percepción das cores.
Eliximos o lema: A maxia da diversidade , porque no día a día, de todos e todas nós, a diversidade lévanos a enfrontar novos retos e propostas para facilitar que tódalas persoas aprendamos. Isto lévanos a activar solucións nun abano, de respostas persoais enriquecedor para todas e todos nós, alumnado, profesorado,persoal educador e coidador e familias.
Nesta páxina web http://www.edu.xunta.gal/centros/ceenavalon encontraredes a partir das próximas semanas toda a información sobre a Comunidade Educativa que é o CEE Manuel López Navalón, a través dos diferentes enlaces que, neste momento, como podedes comprobar, están en proceso de revisión e actualización, polo que iredes comprobando os cambios que vaiamos introducindo.
Para as familias que adoitaban acceder ao Blogue ou Bitácora Olladas no Navalón, dicir que modificamos o avatar empregado, utilizando o "Picto" de Arasaac correspondente ao Blogue para o seu enlace web. Tédelo na columna da dereita, xunto aos enlaces de Bibliotecas, e dos Equipos de Dinamización Lingüística.
Igualmente, poremos en marcha a aula virtual, un recurso moi interesante para poder acceder a contidos educativos. Esta cuestión será máis laboriosa e, por tanto, requirirá un traballo máis polo miúdo e un período máis amplo para a súa posta en marcha.
Dende o Equipo de Dinamizacións de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICS) animámosvos a empregar este recursos construídos co ánimo de que sexan útiles nos diferentes contextos, o fogar, as aulas e as relacións entre todas aquelas institucións vencelladas ao mundo educativo.
Saúdos
EQUIPO DINAMIZACIÓN TICS