Estimadas familias:
A suspensión da actividade lectiva implica a posta en funcionamento de alternativas que posibiliten propostas abertas para estimular a continuidade das aprendizaxes e o proceso de adquisición de competencias.
Dende o centro activamos nesta semana distintas propostas para facilitar o acceso a materiais par o desenvolvemento das distintas competencias clave.
Así na marxe esquerda desta páxina en ETAPA EDUCATIVA, poden acceder ás recomendacións feitas polas titorías da Educación Básica. Nestes grupos aparecerán enlaces e propostas da tutoras ao respecto a fin de manter unha continuidade na actividade de nenos e nenas.
Na parte superior esquerda da páxina web temos unha pestana que chama AULA VIRTUAL, na aula virtual temos unha selección de contidos para a EDUCACIÓN BÁSICA e tamén para os PROGRAMAS FORMATIVOS da FPB, seleccionados e organizados na liña da proposta formativa de cada etapa, e tamén dende unha organización pensada dende un desenvolvemento das competencias.
A aula virtual e os contidos educativos estarán en revisión e actualización diaria neste período.
A fin de facilitar unhas pautas para este periodo que nos tocou vivir, é importante establecer uns horariose e rutinas diarias e considerar os accesos a materiais curriculares e educativos como unha parte das mesmas.
A proposta educativa a realizar dende a familia pode ser moi relevante na medida que propoñamos, retos, propostas que recollan o interese de cada neno ou nena.
Nestas rutinas debemos incluír momento de adquisición de responsabilidades e competencias na autonomía persoal compartindo traballos nas tarefas da casa, momentos para a actividade física estruturada, exercicios de educación física, breves lecturas en libros axeitados de maneira que a estrutura do día teña unha estabilidade.
Coidémonos todas e todos.