Saltar navegación

Atribución (BY)

Que sabes de...?

Cando facemos unha referencia bibliográfica dun libro non dicimos en que lugar da Biblioteca se encontra o libro, senón que citamos o autor, o titulo do libro, ano... En cambio, é moi frecuente que ao citar un contido tomado de Internet se faga referencia unicamente á dirección de Internet ou URL de onde foi tomado o contido e non se cita nin o seu autor nin o título da obra...

  • É lóxico?
  • Como é unha cita correcta dun contido tomado de Internet?

Infórmate

É fundamental atribuir a autoría das obras que esteamos a incluír nos nosos ODEs. Veremos agora como deberemos citar as fontes dos ODE empregados por nós, así como algunha ferramenta que nos pode facilitar a tarefa.

Cando estamos a crear un recurso e tomamos contidos alleos de Internet a forma de citar difire do tipo de contido que imos incluír e da parte que incluamos:

  • Se o único que facemos é recomendar outro documento, bastaranos con pór unha ligazón ao traballo orixinal. A ligazón deberá cumprir os requisitos de accesibilidade web.
    • Por exemplo:

"... para a elaboración de recursos educativos recomendamos consultar a "Guía para a creación de materiais educativos interactivos" do CEDEC...".

  • Se puxemos un fragmento de texto doutro autor, deberemos facer a referencia completa ao documento orixinal e mencionar a autoría e a web orixinal onde está o documento.
    • Por exemplo:

CEDEC “Guía para la creación de materiales educativos interactivos”, [En liña]. Dispoñible: http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1367513506/contido/index.html. [Consulta: 30-xuño-2014]. CC BY-SA Traducido ao galego por Félix Díaz e Pablo Nimo.

Se hai unha ferramenta fantástica para xestionar as nosas referencias bibliográficas, ligazóns, etc.. que vaiamos recompilando esa é Zotero, unha extensión para os navegadores que axuda a crear estas referencias webgráficas. Máis abaixo verémolo, en "Citar un sitio web".

  • Se o que incluímos son imaxes, vídeos, ficheiros multimedia... doutros autores, poñeremos o autor, o título (se o ten), a fonte orixinal e a licenza da obra. 
    • Por exemplo, este pé dun vídeo:

Nina Paley  Copying Is Not Theft. En Vimeo con licenza CC BY-SA

Existe a controversia de se é o mesmo pór a imaxe enlazando ou embebendo a ter a imaxe aloxada na nosa web. En ambos casos debemos de pór a autoría, pero se a imaxe orixinal ten copyright ou unha licencia CC que non se adapta á licenza da nosa publicación, a diferenza é moi importante. Ao embebela non infrinxiremos os dereitos de autor sempre que nomeemos a autoría e no caso de aloxala na nosa web, si estariamos a infrinxir os dereitos de autor. Polo tanto, recoñecendo sempre a autoría, a recomendación sería a seguinte:

  • Se a imaxe ten unha licenza compatible coa nosa, podemos elixir entre enlazar (ou embeber) ou aloxala na nosa web. A segunda opción garántenos que a imaxe non vai desaparecer.
  • Se a imaxe non é compatible coa nosa licenza, debemos enlazar ou embeber, correndo o risco de que a imaxe desapareza se o seu autor decide retirala.
  • Se o que estamos a facer é unha obra derivada doutro autor, ademais de indicar a autoría, título e a ligazón ao documento orixinal, debemos de especificar que é unha obra derivada doutra, así como as licenzas de ambas obras.  Esta é unha práctica moi común na rede pero que moitas veces non se cumpre.

Máis abaixo veremos como se referencia unha imaxe e un esquema, obras derivadas doutras.

Existen dúas normas para referenciar:

  • No pé de cada imaxe, video, ficheiro multimedia... que insiramos no paquete de recursos, no curso virtual, na presentación... engadimos o seu autor, título, fonte e licenza.
  • Na última páxina do paquete de contidos, ou da presentación diapositiva, ou ao final do vídeo incluír por orde de aparición aos autores, títulos, fontes e licenzas das imaxes, videos, ficheiros multimedia... usados.

Sempre que insiramos recursos alleos referenciarémolos moi coidadosamente para evitar o plaxio, que consiste en utilizar obras alleas facéndoas pasar por propias, é dicir, sen referenciar a autoría. Desde o punto de vista legal, é unha infracción dos dereitos de autor e as consecuencias que pode levar o plaxio están recollidas nos artigos 138 ao 143 da LPI. Podemos comprobar que a sanción pode ir desde unha sanción penal a unha indemnización por danos e prexuízos.

O feito de non citar as fontes é considerado un caso de plaxio.

En casos como a inclusión de webs dentro doutras mediante <iframe>, conseguimos que non se distingan a orixinal da enlazada polo <iframe>. Neste tipo de casos, se non se fai notar a autoría, tamén sería considerado plaxio.

Para saber máis

  • Antonio Omatos. “Aspectos Legales en la Educación”, [En liña]. Dispoñible: http://legalidad.aomatos.com/index.html. [Consulta: 5-xullo-2014]. O texto da parte superior é unha obra derivada desta páxina.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)