Gallego

Acción titorial

A acción titorial está intrinsecamente vinculada á función docente. A titoría convértese no eixo da función orientadora, ao entender a orientación como o acompañamento e o asesoramento do alumnado ao longo do período escolar como un proceso continuo e dirixido ao desenvolvemento integral de todo o alumnado e a todos os niveis.

Neste espazo dedicado á “titoría educativa” preténdese ofrecer unha serie actuacións, recursos e medios á comunidade educativa coa intención de favorecer a participación do alumnado en temáticas do seu interese, facilitando a organización dun espazo e tempo para o coñecemento de cada alumn@ titorado, considerado individualmente e en grupo a fin de intervir axudándolles no seu proceso de crecemento persoal e social.

Gallego
Acción titorial

Peso: 

3

Servizos de apoio á atención á diversidade

Dende a Lei Orgánica de Educación faise fincapé nos principios de calidade baseada na equidade e de esforzo compartido, cobrando polo tanto relevancia por si mesma a atención á diversidade; entendida, non como un axente igualador, senón como a resposta axeitada, no momento oportuno, ás necesidades educativas do alumnado.

A resposta educativa dada asume o principio de inclusión, reforza o traballo a favor da equidade e contribúe a unha maior cohesión social sendo preciso para isto a existencia dunha estrutura de servizos e profesionais altamente cualificados.

Gallego
Servizos de atención á diversidade

Peso: 

4

Outras diversidades

O obxectivo educativo na atención á diversidade do alumnado é conseguir que acaden o máximo desenvolvemento persoal e social posible, o que require unha adaptación da educación ás súas singularidades, que lles garanta unha igualdade efectiva de oportunidades e que se lles ofrezan os recursos necesarios.

Consideramos a diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade, polo que recollemos aquí, ademais das diversidades recollidas na normativa especificamente educativa, outras diversidades peculiares ás que damos resposta tamén dende os centros educativos (minorías, diversidade cultural,...).

Ningunha circunstancia persoal ou social pode ser motivo de discriminación algunha á hora de organizar a atención educativa do alumnado, polo que os centros educativos deberán ofrecer unha resposta que compense as diferenzas individuais entre o alumnado.

Gallego
Outras diversidades

Peso: 

3

Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

Gallego
Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Peso: 

2

Orientación

No contexto educativo actual, considérase a orientación como inherente á propia educación, pois trata de contribuír á formación integral do alumnado, coa finalidade de capacitalo para unha aprendizaxe autónoma e unha participación activa, crítica e transformadora da sociedade ao longo de toda a súa vida, e á implicación e ao asesoramento dos pais e do resto dos axentes da comunidade educativa.

Este espazo pretende amosar de xeito concentrado algunhas iniciativas e recursos destinados a promover a orientación como medio favorecedor dunha calidade educativa, desde o autocoñecemento, o control do proceso de aprendizaxe, o axuste das medidas educativas, o coñecemento e tomada de decisións na elección dos diferentes itinerarios formativos, a promoción da escolarización, as saídas profesionais e o mundo do emprendemento.

Gallego
Orientación

Peso: 

1

Atención á diversidade

A atención á diversidade pode considerarse como o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

Este espazo pretende ofrecer de xeito concentrado algunhas orientacións e unha pequena mostra de recursos e enlaces de interese que contribúan na atención á diversidade e respondan a unha educación equitativa e de calidade, dentro dos principios inclusivos e de individualización da intervención educativa.

Gallego
Atención á diversidade

Peso: 

1

A Consellería de Educación colaborará coa Cruz Vermella para o traslado a centros escolares de 67 alumnos con discapacidades

O acordo cobre os desprazamentos entre o fogar e o centro educativo, e as viaxes en horario escolar aos centros de rehabilitación

Gallego

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará coa Cruz Vermella para que o alumnado con discapacidades se poida desprazar aos seus respectivos centros educativos.

Deste xeito, 67 alumnas e alumnos beneficiaranse deste convenio de colaboración, ao abeiro do cal a consellería financia o importe dos desprazamentos  de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar.

O servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan, e nel prestaranse os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.

Ademais, nos vehículos poderán viaxar os 12 coidadores que acompañan a aquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. A Consellería de Educación farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

Atención á diversidade

O obxectivo destes acordos é dar resposta ás necesidades de escolares con distintos tipos de discapacidades, que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades física e psíquicas particulares.

Coa sinatura deste convenios a consellería reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, para fomentar o seu acceso á escolarización en igualdade de condicións.

Colectivo: 

A ONCE amplía a oferta de recursos educativos en galego para persoas con discapacidade visual coa colaboración da Xunta

A delegación territorial da ONCE en Galicia adaptou máis de 30 volumes en lingua galega no que vai de ano, ao abeiro do convenio que subscribe coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

Ademais de diversos libros de texto, as adaptacións tamén inclúen obras de recoñecidos autores da literatura galega, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Fina Casalderrey, Rosa Aneiros e Carlos Casares

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, coñeceu o labor que realiza a entidade na súa visita ao Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra

Gallego
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, coñeceu o labor que re
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, coñeceu o labor que realiza a entidade na súa visita ao Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra

A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) está a ampliar a oferta de recursos educativos dispoñibles en lingua galega para as persoas cegas e con discapacidade visual, coa colaboración da Xunta de Galicia. Ao abeiro do convenio que subscribe actualmente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a delegación territorial da ONCE en Galicia leva adaptados ao sistema de lectura Braille e ao sistema de gravación Daisy un total de 32 volumes no que vai de ano, todos eles solicitados polos seus afiliados e afiliadas.

Entre eles atópanse, por unha banda, libros de texto para diversas materias dos niveis de ensino de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato. Por outra banda, a ONCE tamén levou a cabo este ano a transcrición, gravación e adaptación de numerosas obras da literatura galega da autoría de recoñecidos autores e autoras. É o caso de Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín; de O sol do verán, de Carlos Casares; de A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey; de Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros; e de Alén da desventura, de Xavier Alcalá, entre outras. 

Anxo Lorenzo visitou o Centro de Recursos Educativos

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, puido coñecer de primeira man o labor que está a realizar o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Galicia para facilitarlles aos seus afiliados e afiliadas o acceso a recursos didácticos en galego e, deste xeito, contribuír ao seu desenvolvemento educativo e cultural na lingua propia de Galicia. 

Durante a súa visita ás instalacións desta entidade, situada no concello de Pontevedra, o responsable do centro, José Ángel Abraldes, e mais o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, presentáronlle ao secretario xeral o traballo que levan a cabo para facilitar e fomentar entre as persoas cegas e con deficiencias visuais a lectura, o estudo e o traballo en lingua galega, así como as principais iniciativas para contribuír á plena integración social dos seus afiliados e afiliadas.

Na actualidade, o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra coordina e dirixe a atención educativa nun ámbito de intervención que abarca Galicia, Asturias e Cantabria, coa colaboración das consellerías de Educación das tres comunidades autónomas.

Departamento: 

Colectivo: 

O conselleiro inaugura a ampliación do museo do Centro de Recursos Educativos da ONCE, en Pontevedra

A sala de maquetas artesanais mostra un traballo no que se prioriza o releve co obxectivo de que os estudantes invidentes identifiquen texturas e estruturas de portos entre outras construcións

Xesús Vázquez Abad tamén visitou ás 20 das 55 alumnas e alumnos que realizan un dos tres cursos de Perfeccionamento de Inglés que se imparten ao longo do verán

Gallego
O conselleiro inaugura a ampliación do Museo do Centro de recursos educativos da
O conselleiro inaugura a ampliación do Museo do Centro de recursos educativos da ONCE, en Pontevedra

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta maña, á inauguración da ampliación do museo do Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once de Pontevedra con novas maquetas artesanais. Previamente o conselleiro mantivo un encontro con 20 dos 55 estudantes invidentes que ao longo deste verán asisten ao Curso de Perfeccionamento de Inglés.

Acompañado polo delegado territorial da ONCE en Galicia, a presidenta do Consello Territorial en Galicia e o director do CRE; Manuel Martínez Pan, Dolores Venancio e José Ángel Abraldes Rodeyro, respectivamente o conselleiro percorreu as instalacións no centro. Xunto a eles tamén estivo o persoal técnico e docente do centro, así como o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.

Unha vez realizada a visita Vázquez Abad sinalou que “accións como esta promoven medidas para que a invidencia sexa cada vez menos sinónimo de illamento, de xeito que se logre un entorno físico axeitado para a plena integración”. Asemade o conselleiro destacou que “é importante o traballo desenvolvido polo centro a prol da integración dos seus usuarios. Deste xeito non podo deixar de resaltar o labor educativo que se desenvolve aquí día a día a beneficio dos estudantes”.

O museo

Cómpre destacar que as maquetas artesanais que conforman a mostra son representacións das máis diversas construcións, como a Mámoa do Rei, o labirinto de Mogor, un castro celta; o cacereño ponte de Alcántara; a igrexa de Santa Comba de Bande, en Ourense; un porto comercial; un parque eólico; a Ponte dos Tirantes, de Pontevedra; e unha paisaxe de costa e outra de interior entre outras, ata sumar 22 recreacións.

Todas elas dan resposta á necesidade dos invidentes de comprender determinados conceptos artísticos, arquitectónicos, xeográficos, e sociais. Así, o máis importante en todas as maquetas é o releve para que, deste xeito, os estudantes e visitantes invidentes poidan identificar texturas, estruturas e materiais.

Estas novas maquetas forman parte dun museo, que foi inaugurado no 2003 co obxectivo de mostrar a historia e evolución da ensinanza de invidentes desde o século XX ata a actualidade. Entre os fondos do CRE atópanse máquinas de braille, instrumentos de escritura, traballos manuais e documentación.

Os estudantes de inglés

Durante a visita ao CRE o conselleiro aproveitou para saudar a 20 dos 55 alumnas e alumnos invidentes que están a realizar un dos tres cursos de perfeccionamento de inglés que se imparten no centro, ao longo do verán.

Cómpre destacar que están divididos en varias quendas, sendo esta a primeira con vinte estudantes, de entre 12 e 14 anos, que estarán ata o 15 deste mes. Os seguintes 20 nenas e nenos, de entre 15 e 17 anos, estarán do 18 ao 29 de xullo. Así os últimos 15 estarán asistiran ao curso que vai desde o 1 ata o 12 de agosto. Entre os asistentes a este están inscritos catro estudantes invidentes procedentes de Italia e un de Portugal.

Os estudantes destes cursos teñen divididas as xornadas entre clases lectivas e actividades varias, como visitas culturais, excusións, actividades deportivas, veladas musicais e talleres.

Coa presenza de Vázquez Abad, a Consellería volve a demostrar o seu apoio para con todas aquelas iniciativas e actividades que melloren a educación, a formación e a integración de todos os nenos e nenas invidentes, tanto galegos como de fóra da comunidade.

Colectivo: 

O conselleiro de Educación asiste ao acto de apertura da I Xornada de Formación sobre a Atención ao Alumnado con Altas Capacidades

Vázquez Abad destacou o traballo de docentes e orientadores na atención á diversidade do alumnado galego

Gallego
Xesús Vázquez Abad asistiu ao acto de apertura da xornada
Xesús Vázquez Abad asistiu ao acto de apertura da xornada

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o traballo de docentes e orientadores na atención á diversidade do alumnado galego, e lembrou que a Consellería traballa para “poñer os recursos necesarios para que todo o alumnado, independentemente das súas potencialidades e das súas necesidades educativas, reciba as atencións necesarias”.

No acto de apertura na I Xornada de Formación sobre a Atención ao Alumnado con Altas Capacidades, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e na que participan 190 docentes e orientadores, o conselleiro recordou “a dificultade de cuantificar ao alumnado con altas capacidades” - estímase que entre un 4 e un 5% da poboación podería telas-. Por iso insistiu na necesidade de manter o sistema educativo "nunha evolución permanente, nunha reflexión orientada a que todo o alumnado acade un adecuado desenvolvemento persoal, social e profesional”.

Nesta tarefa, engadiu, ademais dos docentes e orientadores “é precisa a implicación activa das familias”, que están cada vez máis comprometidas co labor educativo, e que son para estes estudantes “un apoio imprescindible”.

Doutra banda, o conselleiro fixo fincapé nas ferramentas coas que conta o sistema educativo galego para desenvolver esta tarefa. “Contamos cunha moi potente rede de orientación, cun considerable número de profesorado de apoio, e cun profesorado disposto a innovar e a promover o éxito escolar”, dixo. Ao mesmo tempo Vázquez Abad animou aos profesionais do ensino a “abrir as aulas, establecer redes, espazos de comunicación e conexión, compartindo experiencias, establecendo retos, buscando respostas, e contando coas familias”.

Experiencias de centro

A xornada de formación conta coa participación de reputados expertos, así como de membros de colexios e institutos galegos que presentan aos asistentes as súas experiencias de centro na atención ao alumnado con altas capacidades.

Tras o acto de apertura, o coordinador do Equipo de Orientación Específico de Pontevedra, Eladio Ferro, abordou os xeitos de identificar a estes estudantes no relatorio ‘As cores da diversidade. Identificación de altas capacidades’. Pola súa parte Mª Francisca Roger Cruz, especialista neste eido da administración educativa de Canarias, presentou na súa conferencia os programas de atención educativa que se están a desenvolver nas illas.

A sesión da tarde foi a quenda para as experiencias dos centros, nomeadamente do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo), coa intervención da mestra de Educación Primaria Mª del Mar Álvarez Silva, e do IES O Couto (Ourense), representado pola orientadora Purificación Losada Fuente e pola especialista en Pedagoxía Terapéutica Pilar Ferreira Rivera.

A xornada pecharase co relatorio ‘Educación e talento investigador. Reflexións sobre o sistema educativo’, impartido polo catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo Álvarez.
 

Colectivo: