A Consellería de Educación colaborará coa Cruz Vermella para o traslado a centros escolares de 67 alumnos con discapacidades
O acordo cobre os desprazamentos entre o fogar e o centro educativo, e as viaxes en horario escolar aos centros de rehabilitación
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará coa Cruz Vermella para que o alumnado con discapacidades se poida desprazar aos seus respectivos centros educativos.
Deste xeito, 67 alumnas e alumnos beneficiaranse deste convenio de colaboración, ao abeiro do cal a consellería financia o importe dos desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar.
O servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan, e nel prestaranse os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.
Ademais, nos vehículos poderán viaxar os 12 coidadores que acompañan a aquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. A Consellería de Educación farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.
Atención á diversidade
O obxectivo destes acordos é dar resposta ás necesidades de escolares con distintos tipos de discapacidades, que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades física e psíquicas particulares.
Coa sinatura deste convenios a consellería reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, para fomentar o seu acceso á escolarización en igualdade de condicións.