O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, situou hoxe o Plan Proxecta como unha porta aberta á transformación, á innovación e á mellora do noso sistema educativo. Fíxoo no acto de entrega da primeira edición dos Premios Proxecta de Innovación Educativa, que distinguiu o traballo de oito centros das catro provincias galegas, así como de outros catro que recibiron accésit, todos por traballos realizados ao abeiro do devandito plan.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou os galardóns hoxe entregados como unha distinción á implicación de centros, alumnos e profesores na promoción dunha aprendizaxe activa e á súa contribución decisiva na mellora da calidade educativa. Neste sentido, felicitou aos que fixeron posible o desenvolvemento dos diferentes traballos enmarcados no Proxecta e agradeceulle o seu esforzo diario e compromiso, “co que fan mellor o noso sistema educativo e crean maiores oportunidades para o conxunto do alumnado galego”.
Os Premios Proxecta nacen co obxectivo de consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros públicos participantes nos distintos programas habilitados. Este galardón, por tanto, pon en valor as iniciativas dos centros que apostan pola metodoloxía do traballo por proxectos como esforzo de renovación metodolóxica.
O conselleiro en funcións –que estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Carlos Maneiro– confiou en que os diferentes traballos premiados “sirvan de modelo e de exemplo para o resto da comunidade educativa, que terán en vós un referente a seguir”.
Catro premios para cada categoría
A esta primeira convocatoria presentáronse un total de 49 centros: 15 da Coruña, 5 de Lugo, 3 de Ourense e 26 de Pontevedra. Os niveis de participación rexistrados nas dúas categorías foron semellantes: 23 colexios de infantil e primaria na categoría A e 26 de secundaria na categoría B.
Para ambas as dúas categorías establecéronse catro premios –un primeiro, un segundo e dous terceiros–, e tamén se concederon dous accésits por categoría para recoñecer o mérito e o esforzo daqueles centros que presentaron unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio ten unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.
Premiados na categoría A
Nesta categoría, o primeiro premio foi para o CEIP de Arzúa, o segundo recaeu no CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui e os dous terceiros foron para o CEIP Plurilingüe de Frións de Ribeira e para o CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo. Ademais, tamén se concederon dous accésit para o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba e para o CEIP de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa polo seu compromiso cos hábitos de vida saudables a través da participación en distintos programas do ámbito deportivo.
Premiados na categoría B
Nesta categoría, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos conseguiu o primeiro premio, mentres que o segundo foi para o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis. O IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e o IES Plurilingüe Fontexería de Muros lograron os dous terceiros. Os accésit foron para o CPI de San Vicente de A Baña e para o IES de Meaño, ámbolos dous con proxectos de recoñecida calidade pese a súa incipiente participación.
Colaboración coas consellerías
O Plan Proxecta –que no curso 2015/16 chegou a 417 centros sostidos con fondos públicos e preto de 85.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.
Neste curso 2016/17, cuxa convocatoria aínda está aberta, incorpóranse á iniciativa 9 novos programas, ata sumar un total de 41. En resume, todos os proxectos buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo,http://www.edu.xunta.es/portal/planproxecta.