Skip to Content

Conmemoracións

Un século do Seminario de Estudos Galegos

   Dentro do clima de rescate e defensa da cultura galega que ten os seus alicerces no período da Ilustración, continúa co Rexurdimento decimonónico e coas Irmandades da Fala, un grupo de novos universitarios composteláns (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza Brey, Xosé Pena Pena,  Xosé Magariños Negreira, Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet,  Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López, de entre 27 e 16 anos) co apoio do catedráticos Armando Cotarelo e Salvador Cabeza de León, intégranse nun ambicioso proxecto a prol da investigación e divulgación da cultura galega.

    Tal día como hoxe, o 12 de outubro de 1923 parte dos arriba nomeados fan unha peregrinación dende Compostela á Casa Grande de Ortoño (onde Rosalía pasou uns meses da súa infancia), deste xeito comeza a súa andaina o Seminario de Estudos Galegos que se constituirá oficialmente o 21 de outubro e aprobará os seus estatutos o 27 do mesmo mes. A súa prolífica andaina para a promoción, defensa e estudo da cultura galega, integrando múltiples disciplinas e traballando en equipo, vese interrompida cando comezaran a campaña de Fisterra (que foi a súa oitava e derradeira misión) pola sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Parte do seu legado e actividades foron asumidos pola Universidade de Santiago, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego e o renacido Seminario de Estudos Galegos impulsado por Isaac Díaz Pardo e o grupo Sargadelos.
    Neste centenario queremos ter unha lembranza especial para as mulleres que participaron nas tarefas do Seminario pero que foron esquecidas e silenciadas como Carmen Sierra Domínguez, alumna de segundo curso de Filosofía e Letras con 17 anos, proposta como socia o 10 de novembro de 1923 e aceptada unha semana despois, sendo así a primeira socia da entidade. Ela inicia unha lista de mulleres vinculadas ao Seminario que cómpre reivindicar: Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana, Carmen Rey, Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós, Celsa Pérez Moreiras, María Corredoyra, Margot Sponer, Angelita Varela, Emilia Álvarez, Daría González, Matilde Pondal, Carmen Pardo, Pilar Bermúdez de Castro y Feijoo, Inés Corral ou Mercedes Vilabella.

http://consellodacultura.gal/paxina-area.php?id=9348&arq=4372#
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29957

 

 

Data: 
Xov, 12/10/2023 - 12:29

Escritoras galegas: feminino e plural

                                                                                                                                                                                                                                                          

Data: 
!dat-abbreviation Dom, 08/10/2023 - 07:35

Xogo DÍA DAS LINGUAS DE EUROPA

O Equipo de Dinamización creou para ti un xogo interactivo:

Sabes cantas linguas se falan en Europa? Cantas delas son oficiais? Que diferencia hai entre lingua minoritaria e minorizada? Que lugar ocupa o galego por número de falantes na lista?

Entra no xogo e coñece todas as respostas:

Data: 
Lun, 25/09/2023 - 14:32

Un alfabeto para don Paco

Data: 
Sáb, 13/05/2023 - 17:21

Verbas de Don Paco

Fitos da vida e obra de don Paco del Riego nas súas palabras

Palabra de don Paco del Riego de José María Lores Pérez

Data: 
Xov, 11/05/2023 - 20:02

Sempre con Galicia

Data: 
Mér, 10/05/2023 - 22:47

2 abril: Domingo de Ramos e Día da Literatura Infantil e Xuvenil

Todos os  2 de abril, data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Este ano é Grecia a encargada da elaboración da mensaxe e do cartel para esta efeméride. Baixo o lema "Son un libro, leme" a mensaxe  foi redactada por Vagelis Iliopoulos:

Eu son un libro.
Ti es un libro.
Todos somos libros.

A historia que conto é a miña alma
e cada libro ten a súa propia.

Se cadra non nos parecemos en nada
–hainos grandes, hainos pequenos,
hainos coloridos, outros en branco e negro,
hainos moi finos e outros moi grosos.

As nosas historias serán diferentes ou semellantes:
velaquí a nosa beleza.
Que aburrido se todos fósemos iguais!

Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuízos,
ter o seu espazo, o seu andel.

Pode que constrúas unha opinión sobre min.
Pode que elixas cuestionar ou comentar o que les.

Pode que me devolvas á biblioteca,
ou talvez queiras terme preto na túa viaxe.

Pero xamais permitas que me tiren
nin que me manden cambiar de andel.
Non pidas nunca que me destrúan, nin deixes que outros o fagan.

E se un libro vai onda ti desde outro andel,
porque alguén ou algo o empurrase a iso,
faille un oco.
Ao teu lado, cabe.

Trata de sentir como se sente.
Compréndeo. Protéxeo.
Quizais esteas mañá na súa situación.

Pois ti tamén es un libro.
Todos somos libros.

                                                     Veña, dío moi alto para que se oia ben:
                                                                                                         “Son un libro, leme”

 

A tradución da mensaxe ao  galego é unha contribución de Mercedes Pacheco.

E o cartel é un deseño de Photini Stephanidi:


Coñece, para finalizar, quen son a ilustradora e o escritor:

Photini Stephanidi (Atenas, 1962). Artista e ilustradora. As súas ilustracións forman parte de máis dun centenar de publicacións, incluíndo edicións de contos populares gregos, literatura e poesía, e converteuse en especialista na creación de edicións de coleccionista. Ademais, é autora de dez libros. De entre os galardóns e recoñecementos ás súas ilustracións e gravados, cómpre destacar a Placa da Bienal de Ilustración de Bratislava (2001), o Premio Estatal de Ilustración de Grecia (2003, 2007 e 2011), a Pluma de Ouro na Bienal de Ilustradores de Belgrado (2005 e 2013) e Plaquette (2010), o premio a ilustradores que outorga a sección grega do IBBY (1995, 2005, 2011 e 2018), así como o Premio EBGE e unha mención en 2007 e 2013. Foi tamén seleccionada pola sección grega do IBBY para o Premio Hans Christian Andersen e para o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA). Recentemente, recibiu o premio de literatura xuvenil da sección grega do IBBY (2021).

Vagelis Iliopoulos (Atenas, 1964). Escribiu o seu primeiro libro infantil en 1995 e en 1997 publicou O Trigonopsaroulis (O pequeno peixe triángulo). Este peixiño, que fala de tolerancia e comprensión, converteuse no maior heroe literario grego da actualidade. Desde entón, Vagelis escribiu numerosos libros para rapazada e mocidade. Traducíronse e publicáronse moitos deles en varios países, e recibiron galardóns como o Premio da sección grega do IBBY e o Premio Estatal de Literatura Infantil de Grecia. Os seus libros seleccionáronse para a Lista de Honra do IBBY, para os Libros Destacados para Nenos con Necesidades Especiais do IBBY e para o catálogo White Ravens da International Youth Library. A Asociación Grega para a Saúde Psicosocial da Infancia e a Adolescencia nomeouno Mensaxeiro da Saúde Mental nas Escolas. Foi nominado para o Premio Hans Christian Andersen pola sección grega do IBBY e para o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) pola sección chipriota do IBBY. IBBY Grecia proclamouno Embaixador do Libro Infantil Grego.


Data: 
Mar, 28/03/2023 - 20:24

Día Mundial do Teatro 2023

Mensaxe para o Día Mundial do Teatro 2023,

pola actriz exipcia Samina Ayoub


A todos os meus amigos os artistas de teatro de todo o mundo,

    Escríbovos esta mensaxe no Día Mundial do Teatro, e por máis que reborde de felicidade por estar a falar con vós, cada fibra do meu ser estremece baixo o fardo co que cargamos todos - os artistas teatrais e os non teatrais - das presións esmagadoras e os sentimentos opostos que provoca o estado actual do mundo. A inestabilidade é un resultado directo do que está a pasar o noso mundo hoxe en día en termos de conflitos, guerras e desastres naturais que tiveron efectos devastadores non só no noso mundo material, mais tamén no noso mundo espiritual e a nosa paz psicolóxica.

    Fálovos hoxe mentres teño a sensación de que o mundo enteiro se volveu como illas illadas, ou como barcos que foxen nun horizonte cheo de néboa, cada un deles despregando as súas velas e navegando a rumbo, sen ver nada no horizonte que o guíe e, a pesar diso, seguimos navegando, esperando chegar a un porto seguro que nos acolla despois dun longo andar no medio dun mar embravecido.

    O noso mundo nunca estivo tan estreitamente conectado entre sí como o está hoxe, pero ao mesmo tempo nunca estivemos tan disonantes e tan afastados os uns dos outros  como hoxe. Velaí o dramático paradoxo que nos impón o noso mundo contemporáneo. A pesar de que todos estamos a presenciar a converxencia na circulación de noticias e comunicacións modernas que rompeu todas as barreiras das fronteiras xeográficas, os conflitos e tensións que vive o mundo pasaron os límites da percepción lóxica e crearon, no medio desta aparente converxencia, unha diverxencia fundamental que nos afasta da verdadeira esencia da humanidade na súa forma máis simple.

    O teatro na súa esencia orixinal é un acto puramente humano baseado na verdadeira esencia da humanidade, que é a vida. En palabras do gran pioneiro Konstantin Stanislavsky: "Nunca entres ao teatro con lama nos pés. Deixa o po e a sucidade fóra. Deixa as túas pequenas preocupacións, disputas, pequenas dificultades coa túa roupa exterior - todas as cousas que arruínan a túa vida e desvían a túa atención da túa arte - na porta". Cando subimos ao escenario, subímolo coa única vida que hai en nós, aquela que existe nun único ser humano, pero esta vida ten unha gran capacidade de dividirse e reproducirse para converterse en moitas vidas que transmitimos neste mundo para que xermole, floreza e esparexe a súa fragrancia sobre outras.

    O que facemos no mundo do teatro como dramaturgos, directores, actores, escenógrafos, poetas, músicos, coreógrafos e técnicos, todos nós sen excepción, é un acto de creación dunha vida que non existía antes de subirnos ao escenario. Esta vida merece unha man cariñosa que a sosteña, un peito amoroso que a abrace, un corazón bondadoso que simpatice con ela e unha mente lúcida que lle proporcione as razóns que necesita para continuar e sobrevivir.

    Non esaxero cando digo que o que facemos no escenario é o acto da vida mesma xerada da nada, como unha brasa ardente que escintila na escuridade, iluminando as tebras da noite e quentando a súa frialdade. Nós somos os que lle damos á vida o seu esplendor. Somos quen a encarnamos. Somos quen a facemos vibrante e significativa. E somos nós quen damos as razóns para entendela. Somos os que usamos a luz da arte para enfrontar as tebras da ignorancia e o extremismo. Somos os que abrazamos a doutrina da vida, para que a vida se propague neste mundo. Para iso poñemos o noso esforzo, tempo, suor, bágoas, sangue e nervios, todo o que temos que facer para lograr esta nobre mensaxe, defendendo os valores da verdade, o ben e a beleza, e crendo verdadeiramente que a vida merece ser vivida.

    Fálovos hoxe, non só para falar, ou mesmo para celebrar ao pai de todas as artes, o “teatro”, no seu día mundial. Máis ben, convídovos a estar xuntos, todos nós, da man e ombreiro con ombreiro, para gritar a pulmón cheo, como estamos afeitos nos escenarios dos nosos teatros, e deixar que as nosas palabras saian para espertar a conciencia do mundo enteiro, para buscar en nós a esencia perdida do home. Do home libre, tolerante, amoroso, simpático, xentil e comprensivo. E  rexeitar esta imaxe vil de brutalidade, de racismo, de conflitos sanguentos, de pensamento único e de extremismo. O home camiñou sobre esta terra e baixo este ceo durante miles de anos, e seguirá camiñando. Entón, saquemos os pés da lameira das guerras e dos cruentos conflitos, e deixemos esta lameira ás portas do escenario. Quizais a nosa humanidade, que foi ensombrecida na dúbida, volva converterse nunha certeza categórica que nos faga a todos verdadeiramente aptos para sentirnos orgullosos de ser humanos e de ser todos irmáns na humanidade.

    Esta é a nosa misión, nós dramaturgos, portadores do facho da ilustración, desde a primeira aparición do primeiro actor no primeiro escenario, debemos estar na vangarda para enfrontar todo o que é feo, sanguento e inhumano. Confrontámolo con todo o que é belo, puro e humano. Nós, e ninguén máis, temos a capacidade de difundir a vida. Propaguémola xuntos polo ben dun só mundo e unha soa humanidade.

 https://www.world-theatre-day.org/es/messageauthor.html

Data: 
Sáb, 25/03/2023 - 16:52

DÍA DA POESÍA. ´23

Data: 
Mar, 21/03/2023 - 05:56

8 marzo 23 - Día das Mulleres.

 

 

O QUE QUERO PARA AS FILLAS.

O QUE QUERO PARA TODAS AS NENAS DO MUNDO.

 

Que nunca ninguén

apague a nosa música.

Que sempre alguén

se una ao noso baile

 

Que nunca ninguén

nos roube o sorriso.

Que sempre alguén

nos regale o seu.

 

Que nunca ninguén

nos encerre entre barrotes.

Que sempre alguén

respecte a nosa liberdade.

 

Que nunca ninguén

nos faga sentir menos.

Que sempre alguén

nos faga ver que somos máis.

 

Que nunca ninguén

nos queira moito, pero mal.

Que sempre alguén

nos queira como mamá e papá.

 

Que nunca ninguén

nos engane coas súas mentiras.

Que sempre alguén

nos namore coa súa verdade.

 

Que nunca ninguén

nos levante a man ou a voz.

Que sempre alguén

nos acariñe con xestos e palabras.

 

Que nunca ninguén

apague o noso lume.

Que sempre alguén

o avive cando este desvanézase.

 

Que nunca ninguén

nos faga sentir pequenas.

Que sempre alguén 

vexa a nosa beleza.

 

Que nunca ninguén

nos considere o sexo débil.

Que sempre alguén

nos dea as grazas por levantar o mundo.

 

 

Que nunca ninguén 

acale a nosa voz.

Que sempre alguén

comparta o noso berro.

 

Que nunca ninguén

nos considere a súa media laranxa.

Que sempre alguén

saiba que somos unha gran laranxeira.

 

Que nunca ninguén

trate de cambiarnos.

Que sempre alguén

nos valore polo que xa somos.

 

Que nunca ninguén

borre o noso futuro.

Que sempre alguén

nos anime a loitar polos nosos soños.

 

Que nunca ninguén

faga desaparecer a vosa luz.

Que sempre alguén

nos axude a brillar na escuridade.

 

Que nunca ninguén

converta as nosas vidas nunha película de terror.

Que sempre alguén

as encha de aventura e de comedia.

 

Que nunca ninguén

tente facernos minúsculas.

Que sempre alguén

vexa que somos MAIÚSCULAS.

 

Que nunca ninguén

nos prometa a lúa.

Que sempre alguén

comprenda que nós soas somos capaces de alcanzala.

 

Que nunca ninguén

procure darnos mil leccións.

Que sempre alguén

se esforce por aprendervos.

 

Que nunca ninguén

nos diga que imos demasiado rápido ou moi amodo.

Que sempre alguén

respecte o noso ritmo e a vosa velocidade.

 

Que «Nunca Ninguén»

nos secuestre os «sempre alguén».

Que «Sempre Alguén»

nos protexa dos «nunca ninguén».

 

Adaptación do poema de Manu Velasco do seu libro: Soñando Personas

 

.

Data: 
Ven, 03/03/2023 - 15:43
Distribuir contido


by Dr. Radut