2 abril: Domingo de Ramos e Día da Literatura Infantil e Xuvenil
Todos os 2 de abril, data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Este ano é Grecia a encargada da elaboración da mensaxe e do cartel para esta efeméride. Baixo o lema "Son un libro, leme" a mensaxe foi redactada por Vagelis Iliopoulos:
Eu son un libro.
Ti es un libro.
Todos somos libros.
A historia que conto é a miña alma
e cada libro ten a súa propia.
Se cadra non nos parecemos en nada
–hainos grandes, hainos pequenos,
hainos coloridos, outros en branco e negro,
hainos moi finos e outros moi grosos.
As nosas historias serán diferentes ou semellantes:
velaquí a nosa beleza.
Que aburrido se todos fósemos iguais!
Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuízos,
ter o seu espazo, o seu andel.
Pode que constrúas unha opinión sobre min.
Pode que elixas cuestionar ou comentar o que les.
Pode que me devolvas á biblioteca,
ou talvez queiras terme preto na túa viaxe.
Pero xamais permitas que me tiren
nin que me manden cambiar de andel.
Non pidas nunca que me destrúan, nin deixes que outros o fagan.
E se un libro vai onda ti desde outro andel,
porque alguén ou algo o empurrase a iso,
faille un oco.
Ao teu lado, cabe.
Trata de sentir como se sente.
Compréndeo. Protéxeo.
Quizais esteas mañá na súa situación.
Pois ti tamén es un libro.
Todos somos libros.
Veña, dío moi alto para que se oia ben:
“Son un libro, leme”
A tradución da mensaxe ao galego é unha contribución de Mercedes Pacheco.
E o cartel é un deseño de Photini Stephanidi:
Coñece, para finalizar, quen son a ilustradora e o escritor:
Photini Stephanidi (Atenas, 1962). Artista e ilustradora. As súas ilustracións forman parte de máis dun centenar de publicacións, incluíndo edicións de contos populares gregos, literatura e poesía, e converteuse en especialista na creación de edicións de coleccionista. Ademais, é autora de dez libros. De entre os galardóns e recoñecementos ás súas ilustracións e gravados, cómpre destacar a Placa da Bienal de Ilustración de Bratislava (2001), o Premio Estatal de Ilustración de Grecia (2003, 2007 e 2011), a Pluma de Ouro na Bienal de Ilustradores de Belgrado (2005 e 2013) e Plaquette (2010), o premio a ilustradores que outorga a sección grega do IBBY (1995, 2005, 2011 e 2018), así como o Premio EBGE e unha mención en 2007 e 2013. Foi tamén seleccionada pola sección grega do IBBY para o Premio Hans Christian Andersen e para o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA). Recentemente, recibiu o premio de literatura xuvenil da sección grega do IBBY (2021).
Vagelis Iliopoulos (Atenas, 1964). Escribiu o seu primeiro libro infantil en 1995 e en 1997 publicou O Trigonopsaroulis (O pequeno peixe triángulo). Este peixiño, que fala de tolerancia e comprensión, converteuse no maior heroe literario grego da actualidade. Desde entón, Vagelis escribiu numerosos libros para rapazada e mocidade. Traducíronse e publicáronse moitos deles en varios países, e recibiron galardóns como o Premio da sección grega do IBBY e o Premio Estatal de Literatura Infantil de Grecia. Os seus libros seleccionáronse para a Lista de Honra do IBBY, para os Libros Destacados para Nenos con Necesidades Especiais do IBBY e para o catálogo White Ravens da International Youth Library. A Asociación Grega para a Saúde Psicosocial da Infancia e a Adolescencia nomeouno Mensaxeiro da Saúde Mental nas Escolas. Foi nominado para o Premio Hans Christian Andersen pola sección grega do IBBY e para o Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) pola sección chipriota do IBBY. IBBY Grecia proclamouno Embaixador do Libro Infantil Grego.