Día da Biblioteca (Escolar tamén)
O 24 de outubro é tamén a xornada conmemorativa das bibliotecas escolares.
O pregón deste ano foi redactado polo escritor Patxi Zubizarreta e a ilustradora Laia Giménez Buenaventura (Premio Lazarillo 2024 na modalidade de álbum ilustrado) realizou o cartel.
A continuación reproducimos ambos os dous:
Estreamos biblioteca!
Sempre pensei que tivera unha infancia sen biblioteca, aínda que, pensándoo mellor, quizais vivía rodeado delas: cada fósil que atopabamos na montaña falábanos de tempos afastados, de peixes que nadaran por onde eu camiñaba; as pedras raras que identificaba con restos de meteoritos transportábanme a galaxias remotas; os esqueletos das covas lembrábanme aos osos que hibernaron nelas; ata os aneis das árbores eran verdadeiras bibliotecas, testemuñas de secas e doutros fenómenos extremos. Pero especialmente gustábanme os contos, as lendas ou as cancións que escoitaba ás miñas avoas e avós: a través das súas emocións, das súas penas e alegrías transmitíannos toda unha sabedoría oral. Talvez por iso dise que cando morre unha persoa maior péchase unha biblioteca.
Sempre pensei que no meu pobo natal (Ordizia, Guipúscoa) non tivera biblioteca, mais equivocábame: crecín rodeado de fósiles, supostos restos de meteoritos, esqueletos, aneis arbóreos e, sobre todo, do eco e das voces dos nosos devanceiros, toda unha enciclopedia de humanidade e de natureza. Logo chegaron os libros, cada un como unha xanela e un resumo do mundo, como unha biblioteca xibarizada.
Se un libro é un xardín que levamos no peto, as bibliotecas convertéronse nos meus oasis particulares, nelas atopei o meu hábitat natural. Agora son consciente de que a miña vida estivo moi ligada a elas; de feito, case a diario refúxiome na Casa de Cultura Ignacio Aldecoa de Vitoria-Gasteiz e, a miúdo, as bibliotecas escolares son o marco dos nosos encontros literarios. Aínda que tamén teño que recoñecer que me deron algún que outro desgusto, como cando me comunicaron que se queimou a escola de Oronoz-Mugairi, ao norte de Navarra. Desde alí fixeron un chamamento para doar libros e, entre todos, reconstruír a súa biblioteca calcinada. Enviei encantado uns cantos exemplares, pero outra petición veu sumarse ao meu pequeno consolo: «Escribiríasnos un conto?», suxeríronme os escolares.
En realidade, estaba a descubrir outra particularidade da escola porque, cada curso, as nenas e os nenos do centro redactaban un conto —para os máis pequenos escribir é sinónimo de debuxar—, e logo encadernábano cun papel dun gramaxe especial, nunha edición tan imperfecta como única. Na pequena escola todos os anos creaban un libro que logo levaban por quendas á casa para mostralo orgullosos ás súas familias. Esa obra singular máis adiante formaba parte da súa propia biblioteca escolar, un lugar de encontro e de participación dirixido por bibliotecarias intrépidas, dotadas dun espírito e un entusiasmo que comparto e reivindico. De maneira que aquel curso tamén resultou memorable porque, baseado no breve texto que lles enviei —Marabara, maraberi—, o álbum tivo unha tirada maior que consistíu en dous exemplares: un, como de costume, está dispoñible na biblioteca e o outro…, o outro o atesouro eu.
Aínda que é certo que cada libro garda dentro unha biblioteca, tamén as escolas actuais son un pequeno compendio do mundo, repleto de fósiles, meteoritos, esqueletos, bosques, e cada vez de máis ecos e de máis voces. Sen ir máis lonxe, na escola Urdaneta do meu pobo natal hoxe en día cóntanse máis de vinte orixes entre as familias do alumnado e, ademais do éuscaro e do castelán, escóitanse máis dunha trintena de idiomas: árabe, chinés, edo, romanés, urdu… Tamén desde alí propuxéronme escribir un conto: Munduketariak —algo así como Mundonautas, como os mosqueteiros do mundo…
Gozo cando viaxo sen saír das bibliotecas escolares, cando Aitor, Areesha, Harmony, Lucía, Ping-Ping ou Sekou me contan as súas vidas e os seus soños. Afortunadamente, a eles non lles falta a biblioteca e, ademais, cada vez que unha nena nova, cada vez que un neno novo vén a unha escola, estreamos biblioteca!
Patxi Zubizarreta
Créditos: https://www.amigosdellibro.com/actividades
Feliz día da Biblioteca Escolar!