Educación patrimonial

Hipocaustos na Ribeira Sacra?. Plan Proxecta Educación Patrimonial. 2024

 

 

É un traballo realizado polo alumnado de 3º ESO do IES Río Cabe de Monforte de Lemos ( Lugo) , durante o curso 2023-24.

 

Enmárcase no plan proxecta Patrimonio etnográfico da Ribeira sacra e nel estúdanse as pegadas que deixaron os romanos na nosa contorna (Tégulas, mosaicos, cerámicas ,moedas, muros de pedra, etc...poñéndo especial atención no horreum e no hipocausto).

 

Para realizar este estudo centráronse no xacemento arqueolóxico de Proendso, recentemente escavado.

 

Vídeo 1:     Hipocaustos na Ribeira Sacra?

 

Vídeo 2:   Entrevista a  Francisco Alonso Toucido

 

Álbum: Escolares -> 2024_21_6_24_3ª_AVA_Plan-Proxecta_Educac_Patrimonial_24

Saída hipocaustos. Plan Proxecta

 

O pasado xoves 23 de maio os alumnos/as de 3º ESO, acompañados polas profesoras Fina Vázquez e Cristina Ouro, realizaron nunha nova actividade relacionada co Plan Proxecta no que están a traballar: unha excursión pola Ribeira Sacra. A primeira parada foi no encoro de Belesar, donde a nosa guia, Mar, explicounos datos do máis interesantes deste encoro (cando e como foi construído, a importancia que ten, etc.) e por que a Ribeira Sacra é paisaxe cultural.

 


Despois desprazámonos ata Arxeriz para visitar o Ecomuseo, o Pazo e o Castro. No Ecomuseo fomos recibidos por Sonia que nos explicou como era a vida nesa zona, tan ligada ao río Miño, no século pasado: o papel tan importante que tiñan as barcas do río, os tipos de barcas, os apeiros usados na pesca, as pontes que había sobre o Miño, os pobos que quedaron mergullados pola construción dos encoros do Miño e do Sil, como era o traballo nas viñas (como se facía a poda ou se daba o sulfato, como se vendimiaba e trasladaba a uva nos culeiros ou cestos)…. Despois visitamos o Pazo, a súa cociña (con pezas curiosas como o meleiro ou o sacaleites, como facían para fregar, etc ) e, finalmente, desprazámonos ata o Castro, onde coñecemos como eran as vivendas, a muralla e o foso que o arrodeaban, etc. Dende o castro puidemos contemplar unhas impresionantes vistas do meandro que describe o Miño no lugar coñecido como O Cabo do Mundo (ou meandro da Cova, que é como prefiren chamalo os veciños da zona). Para finalizar, visitamos a recreación do que sería unha das vivendas do castro
O obxectivo desta excursión era coñecer un pouquiño máis a Ribeira Sacra… e conseguímolo!!

Álbum: Escolares -> 2024_5_23_3ª_AVA_proxecta_Arxeriz_3º_ESO

3º ESO. Plan Proxecta “Hipocaustos na Ribeira Sacra?”. Proendos (Sober)

11.04.2024

 

Relatorio do arqueólogo Francisco Alonso Toucido e visita ao xacemento arqueolóxico de Proendos en Sober.

 

O pasado xoves 11 de abril foi un día cheo de actividades para o noso alumnado de 3º ESO e para as súas profesoras Fina Vázquez e Fe Tellado que están a traballar no Plan Proxecta “Hipocaustos na Ribeira Sacra?”. En todas elas tivemos a sorte de contar coa presenza do arqueólogo Francisco Alonso Toucido, un dos fundadores da empresa Tempo Arqueólogo, responsable das excavacións do xacemento de Proendos. Comezamos cunha entrevista feita polos nosos biblio-reporteiros de 3º ESO Antía e Rubén; con ela puidemos coñecer un pouco máis ao noso convidado; así soubemos que naceu en Marín (Pontevedra) pero que vive en Santiago, e que foi nesta cidade onde estudou Historia e onde tamén fixo un máster e un doutoramento en Arqueoloxía, unha paixón que xa lle vén desde cativo.

 

Logo da entrevista, Alonso Toucido deunos unha charla na que nos explicou todo o proceso que levou a “desenterrar” os restos que hoxe forman o xacemento de Proendos e como fixeron para datalos da época romana. Todo comeza no ano 2019 cando o concello de Sober contacta con eles para que pasen unhas máquinas (un magnetómetro e un xeorradar) para comprobar que había, baixo terra, nesa zona de Proendos. Os resultados foron moi bos xa que se detectou claramente a existencia dun gran edificio con varias estancias, unha ábsida, outros edificios máis pequenos nos arredores e unha estrutura con muros paralelos que se identificou cun horreum do s.I d.C (época romana) e que, probablemente, tivera varios metros de altura e varios pisos para almacenar cereal. O paso seguinte foi empezar co traballo das excavacións que se fixeron en varias sondaxes.

 

Despois da charla desprazámonos ata Proendos para visitar o xacemento. De novo, contamos coa compañía de Francisco Alonso quen nos explicou in situ o que, pouco antes, nos contara na charla. Visitamos tamén o hipocausto, bueno, máis ben “pisamos a terra e herba que o cubre” xa que, a día de hoxe, ao estar nunha finca privada, segue baixo terra. Pero, polo menos, sabemos que si hai hipocaustos na Ribeira Sacra. 

A nosa visita rematou cun percorrido por Proendos guiado tamén por Alonso Toucido quen nos ensinou restos romanos (tégulas, rodas de muiño, rosáceas, mármores, aras, algunha columna, etc.) ou celtas (como os trisqueles) moitos deles reciclados polos veciños e colocados, por exemplo, nos muros das súas vivendas.   

 

Francisco Alonso comentounos que é un afortunado por traballar no que máis lle gusta. Dicir que nós tamén nos sentimos uns afortunados por haber compartido toda unha mañá con el e por ensinarnos a coñecer e valorar un pouco máis o noso fermoso Patrimonio. Todo un privilexio!. Moitas Grazas Francisco Alonso Toucido!.  

Álbum: Escolares -> 2024_04_11_3ª AVA_3º ESO_Xacemento Arqueolóxico de Proendos en Sober e Hipocaustos_Plan Proxecta_Sober
Distribuir contido