Meteoescolas
METEOESCOLAS: Plan Proxecta-2024
DEPARTAMENTO DE XEOGRAFÍA E HISTORIA
Actividade: Clima e Metereoloxía na Idade Moderna
No seo do proxecto MeteoEscolas, ao longo do mes de maio, alumnado de 2º ESO xunto coa súa profesora de Xeografía e Historia Ana Isabel Delgado Iglesias, dedicouse a procurar información tanto histórica como artística sobre o clima e a metereoloxía na Idade Moderna. Coa información obtida construíron dous carteis explicativos. Un deles acerca da climatoloxía imperante na época, as "técnicas" metereolóxicas empregadas e algúns exemplos das mesmas. O segundo, sobre a Pequena Idade de Xeo e como algúns pintores dese período o reflexaron nas súas obras.
DEPARTAMENTO DE INGLÉS
Actividade: Weather forecast
Dende o departamento de inglés, a profesora Nerea Iglesias Maside levou a cabo dita actividade co alumnado de 2º ESO B durante o 3º trimestre. Como indica o nome, a actividade consistiu nunha presentación en inglés da predición meteorolóxica en varios puntos da xeografía galega, incluíndo Monforte de Lemos. Sendo as presentacións o 14 de xuño, durante as sesións previas traballouse o vocabulario relacionado cos fenómenos meteorolóxicos en lingua inglesa, así como as estruturas gramaticais necesarias para facer unha predición meteorolóxica. Unha vez adquirido este coñecemento, os alumnos divididos por grupos comezaron a elaborar as súas presentacións facendo uso das TIC. Sendo Canva a ferramenta empregada na súa maioría, pedíuselles ós alumnos que fixeran un comentario do tempo nos días anteriores, no día presente e nos días seguintes.
Os obxectivos da actividade eran en primeiro lugar, empregar a lingua inglesa en situacións formais como a presentación dun parte meteorolóxico, traballar a produción oral así como facer uso das TIC na súa elaboración. Outros obxectivos a acadar foron o traballo en equipo e a auto corrección e autorregulación no discurso oral, e pódense subliñar competencias como a competencia lingüística e aprender a aprender, sendo todos estes obxectivos e competencias acadados amplamente.
DEPARTAMENTO DE CIENCIAS NATURAIS
Actividade: Atmosferas planetarias
A vida é posible no planeta Terra entre outros factores pola presenza de osíxeno na nosa atmosfera. A capacidade de respirar da que gozamos é un elemento diferenciador co resto dos planetas que conforman o sistema solar ao cal pertencemos. Ademais diso, a estrutura e a composición da atmosfera terrestre acubilla fenómenos metereolóxicos de diversa índole que inflúen a cotío nas nosas vidas.
Baixo estas premisas, a profesora de Ciencias Naturais Raquel Seoane Cuquejo decidiu facer unha actividade de planetoloxía comparada con alumnos de 1º ESO. A idea principal foi estudar e analizar as atmosferas presentes en todos e cada un dos planetas do noso sistema solar para determinar de maneira sinxela que fenómenos atmosféricos se dan neses corpos celestes.
A efectos prácticos, o estudo desta pesquisa culminou coa elaboración de paneis informativos sobre cada planeta mais a reprodución a pequena escala dos devanditos planetas. Esta ultima parte foi feita en colaboración coa profesora de Educación Plástica de 1º ESO Iria Trebolle Díaz, á cal agradecemos enormemente a súa desinteresada colaboración.
Actividade: Construción dunha estación metereolóxica
Entre xaneiro e maio deste ano os alumnos de 2º ESO B guiados polo seu profesor Javier Barros Pereira combinaron as súas clases de tecnoloxía coa construción da caseta de madeira que aloxará o termómetro e o pluviómetro doados por MeteoGalicia en novembro do ano pasado.
A pesar de seguir as indicacións dadas no tocante á escolla de materiais e á montaxe das diferentes pezas, o proceso construtivo non resultou doado. O feito de dispor de tan só unha hora para ir ao taller e tendo en conta que o deseño inclúe algunha dificultade técnica relevante, coma o corte dos barrotes en forma de dente de serra, supuxo que esta parte do proxecto demorase máis do previsto.
Con todo foi un reto que chegou a bo termo. A finais de maio a obra concluíu con éxito. Só faltou instalala nos xardíns do fermoso patio do noso centro, con vistas ao impresionante castelo de Monforte de Lemos, pero as choivas abundantes das últimas semanas do curso académico impedíronnos levas a cabo a dita operación.
Esperamos dar continuidade a este proxecto o próximo curso e poder enviar datos reais a MeteoGalicia para seguir aprendendo as peculiaridades do clima da cidade do Cabe.
DEPARTAMENTO DE FÍSICA E QUÍMICA
Actividade: Práctica de laboratorio para diferenciar os conceptos de calor e de temperatura
Calor e temperatura son termos que a maioría dos mortais utiliza indistintamente nas súas conversas, mais a realidade é ben diferente. Por este motivo e porque tamén ambos os dous conceptos son de importancia fulcral en metereoloxía, a profesora de física e química Maria del Carmen Pérez Rodríguez, animou ao seu alumnado de 2º ESO durante catro sesións do mes de marzo a pasar polo laboratorio para aprender a diferenciar esas nocións.
O experimento consistiu en demostrar o principio do equilibrio térmico, onde o calor sempre flúe dunha rexión de maior temperatura a unha de menor temperatura ata que se alcanza unha temperatura uniforme.
Así, esta sinxela operación ilustrou como se distribúe a enerxía térmica sendo unha base importante para entender conceptos máis avanzados en metereoloxía, coma cando se fala do movemento de masas de aire frío e quente na atmosfera.
Video 1: Néboas
Video 2: Predicción en Inglés
Vídeo 3: Predicción en inglés 2
Video 4: Planetas
3º ESO. Parque experimental de Sotavento. (Xermade)
09.05.2024
O alumnado de 3º ESO acompañado das súas profesoras Cristina Ouro e Silvia Moledo visitaron as instalacións do parque experimental de Sotavento onde, nun primeiro momento, o alumnado fixo unha reflexión colectiva sobre a relación entre a enerxía que se consume e as fontes de onde se obtén.
A continuación, alumnado e profesorado coñeceron de primeira man as instalacións do parque: visitar un eólico por dentro e montar distintos circuítos con placas solares, a casa bioclimática, comprobar o tamaño real da multiplicadora e o xerador dun eólico.
A finalidade da actividade é coñecer de primeira man o uso das enerxías renovables e as aplicacións que teñen para axudar a mellorar o noso planeta.
Foi toda unha aventura chea de novos coñecementos!
2º ESO. Visita á base contra incendios do Marroxo. Monforte de Lemos
08.05.2024
O 8 de maio de 2024 o alumnado de 2º ESO acompañado dos seus docentes Paula Gómez, Marcos López e Leticia Moreira, visitaron a base contra incendios do Marroxo. Nela puideron comprobar de primeira man os medios dos que se dispoñen para loitar contra os incendios e tiveron a oportunidade de entrar nun helicópetero en terra. Esta actividade serve para que o alumnado sexa coñecedor do gran problema que producen os incendios forestais e sexan capaces de valorar a loita contra estes así como ter coñecementos de como previr os lumes.
Queremos agradecer a atención e as explicacións prestadas por Tente, membro da base contra incendios do Marroxo.
Foi toda unha experiencia!
2º ESO. Visita Meteo Galicia. Santiago de Compostela
17.04.2024
O 17 de abril de 2024 o alumnado de 2º ESO acompañado do seu profesorado Javier Barros, Nerea Iglesias, Ana Delgado e Laura Rodríguez visitou as instalacións de MeteoGalicia en Santiago de Compostela dentro do Plan Proxecta Meteo Escolas. Foi unha xornada moi entretida e chea de coñecementos.
Visita ao Planetario - 1º ESO
O pasado venres, 26 de novembro, o alumnado de 1º de ESO, acompañado das súas profesoras Iria Penoucos,Iria Trebolle, Mili, Laura e Susana, visitaron o IES A Pinguela para coñecer o Planetario “Matías Vázquez”. Na visita contaron cun guía de excepción, xa que foi o propio Matías, antigo profesor dese centro, o que lles deu as explicacións sobre o que vían. Aprenderon sobre a Teoría do Big Bang e a expansión do Universo, sobre as estrelas e as constelacións; coñeceron Syrius, Casiopea, como localizar a Estrela Polar e orientarse a partir dela, a Osa Maior, etc.
Unha vez máis agradecemos ao director do IES A Pinguela, Enrique Sampil,o permiso para a realización desta actividade e a Matías a súa xenerosidade e explicacións.