3º ESO. Plan Proxecta “Hipocaustos na Ribeira Sacra?”. Proendos (Sober)
11.04.2024
Relatorio do arqueólogo Francisco Alonso Toucido e visita ao xacemento arqueolóxico de Proendos en Sober.
O pasado xoves 11 de abril foi un día cheo de actividades para o noso alumnado de 3º ESO e para as súas profesoras Fina Vázquez e Fe Tellado que están a traballar no Plan Proxecta “Hipocaustos na Ribeira Sacra?”. En todas elas tivemos a sorte de contar coa presenza do arqueólogo Francisco Alonso Toucido, un dos fundadores da empresa Tempo Arqueólogo, responsable das excavacións do xacemento de Proendos. Comezamos cunha entrevista feita polos nosos biblio-reporteiros de 3º ESO Antía e Rubén; con ela puidemos coñecer un pouco máis ao noso convidado; así soubemos que naceu en Marín (Pontevedra) pero que vive en Santiago, e que foi nesta cidade onde estudou Historia e onde tamén fixo un máster e un doutoramento en Arqueoloxía, unha paixón que xa lle vén desde cativo.
Logo da entrevista, Alonso Toucido deunos unha charla na que nos explicou todo o proceso que levou a “desenterrar” os restos que hoxe forman o xacemento de Proendos e como fixeron para datalos da época romana. Todo comeza no ano 2019 cando o concello de Sober contacta con eles para que pasen unhas máquinas (un magnetómetro e un xeorradar) para comprobar que había, baixo terra, nesa zona de Proendos. Os resultados foron moi bos xa que se detectou claramente a existencia dun gran edificio con varias estancias, unha ábsida, outros edificios máis pequenos nos arredores e unha estrutura con muros paralelos que se identificou cun horreum do s.I d.C (época romana) e que, probablemente, tivera varios metros de altura e varios pisos para almacenar cereal. O paso seguinte foi empezar co traballo das excavacións que se fixeron en varias sondaxes.
Despois da charla desprazámonos ata Proendos para visitar o xacemento. De novo, contamos coa compañía de Francisco Alonso quen nos explicou in situ o que, pouco antes, nos contara na charla. Visitamos tamén o hipocausto, bueno, máis ben “pisamos a terra e herba que o cubre” xa que, a día de hoxe, ao estar nunha finca privada, segue baixo terra. Pero, polo menos, sabemos que si hai hipocaustos na Ribeira Sacra.
A nosa visita rematou cun percorrido por Proendos guiado tamén por Alonso Toucido quen nos ensinou restos romanos (tégulas, rodas de muiño, rosáceas, mármores, aras, algunha columna, etc.) ou celtas (como os trisqueles) moitos deles reciclados polos veciños e colocados, por exemplo, nos muros das súas vivendas.
Francisco Alonso comentounos que é un afortunado por traballar no que máis lle gusta. Dicir que nós tamén nos sentimos uns afortunados por haber compartido toda unha mañá con el e por ensinarnos a coñecer e valorar un pouco máis o noso fermoso Patrimonio. Todo un privilexio!. Moitas Grazas Francisco Alonso Toucido!.